Celebramos mañán, 23 de abril, o Día do Libro. Este ano dunha forma bastante "estraña", sen a vosa presenza nas actividades que adoitamos organizar para esta data. Ao longo desta semana iremos presentando actividades e propostas para vós. En setembro de 2018, a UNESCO escolleu Kuala Lumpur, a capital de Malaisia, como capital mundial do libro en 2020.
Co lema "KL Baca: o coidado a través da lectura", o programa céntrase en catro aspectos: lectura en todas as súas formas, desenvolvemento da infraestrutura da industria do libro, inclusión e accesibilidade dixital e empoderamento das-dos nenas-os a través da lectura. Algúns dos eventos que terán lugar na cidade do sueste asiático, coñecida entre outros exemplos da súa arquitectura, polas emblemáticas Torres Petronas, auténticas iconas da capital, é a construción dunha cidade do libro (o Complexo Kota Buku), unha campaña de lectura para as-os viaxeiras-os do tren, a mellora dos servizos dixitais e a accesibilidade da Biblioteca Nacional de Malaisia e novos servizos dixitais para doce bibliotecas nas zonas más empobrecidas de Kuala Lumpur.
O obxectivo da cidade é fomentar unha cultura de lectura e inclusión: “Unha cidade que le é unha cidade que se preocupa”, enfatizando o acceso aos libros en toda a cidade. O ambicioso programa da Capital Mundial do Libro está vinculado á "Visión 2020 para Kuala Lumpur" e ao proxecto de ecocidade chamado "O río da vida" con librarías e bibliotecas ao aire libre que poboan as vías fluviais recentemente restauradas da cidade.
Para coñecer máis de Malaisia, recomendamos a lectura de "A la vuelta: dos hermanos por el mundo" de Germán Kronfeld e a guía "Sureste asiático para mochileros", ambos en GaliciaLe.
No hay comentarios:
Publicar un comentario