11/7/14

Recomendacións en Radioleiros: 11 de xullo

 http://www.ipernity.com/doc/284673/33811515/in/album/594169
- Infantil (a partir de 11 anos): 


Paulina é unha nena de 10 anos, orfa de  pai e nai,  que a levan para a casa de seus avós, na montaña, despois dunha grave enfermidade. Alí comeza a plantexarse cousas que pouco a pouco van medrando no seu interior e atrévese a pedirllas aos seus avós e amigos. Nesta nova vida  tamén  coñece o amor polos animais e a natureza, a soidade dos maiores cando os fillos medran, vanse e perden o apego pola terra, o efémero da infancia, e a confianza en si mesma.

- Mozos-as e adultos-as:


Helene Hanff é unha escritora neiorquina autodidacta que descobre por un anuncio no Saturday Review, unha librería en Londres especializada en libros de segunda man, á que decide escribir para solicitar edicións difíciles de atopar en New York. Así comeza unha correspondencia epistolar que durará vinte anos, entre Helene e Frank Doel, o empregado da librería, encargado dos seus pedidos.

A medida que a novela avanza, o peso das palabras que non se din, das cousas que ningún menciona, a ausencia “desas palabras” que faltan, faise máis presente na obra, como un xogo que habilmente atrapa ao lector.

84 Charing Cross Road, que se corresponde coa dirección da librería é a historia de dúas persoas unidas pola paixón da lectura e dos libros, como portas abertas cara outros mundos fantásticos.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

Tertulia literaria en Rialeda: valoración final dos títulos da tempada 2013-2014

Unha vez rematada a tempada de Tertulias literarias na Biblioteca Central Rialeda, é hora de facer balance das propostas literarias que fomos ofrecendo ao longo dos pasados meses.

En total léronse 17 títulos de autores/as galegos/as, españois e internacionais, dos que os mellor valorados polos participantes foron:

Grupo A: 


1º) La ignorancia de Milan Kundera
Unha muller e un home atópanse por casualidade durante a súa viaxe de regreso ao país natal do que emigraron fai vinte anos. Poderán reemprender unha estraña historia de amor, apenas iniciada entón na súa terra?

2º) Claus y Lucas de Agota Kristof
Coa simplicidade sórdida dun conto de fadas, esta triloxía explícanos a historia de dous irmáns xemelgos, Claus e Lucas, condicionados por un vínculo agonizante, que se converte tamén nunha alegoría das forzas que separaron a Europa desde a Segunda Guerra Mundial.

3º) Una temporada para silbar de Ivan Doig
Ivan Doig está considerado como un dos mellores cronistas contemporáneos do Oeste americano, alumno avantaxado de autores como Wallace Stegner ou Norman Maclean. Una temporada para silbar é unha das súas mellores novelas, froito do seu particular xeito de entender a vida e a impoñente natureza de Montana.

4º) El proyecto esposa de Graeme Simsion
Don Tillman, profesor universitario, é un home atrapado nunha visión da realidade tan ríxida que nunca tivo unha segunda cita cunha muller. Coñecedor dos estudos que demostran que os homes que viven en parella son máis felices que os solteiros, embárcase no que bautiza O Proxecto Esposa para atopar a parella perfecta. Un relato hilarante e irresistiblemente romántico.

5º) La noche de los tiempos de Antonio Muñoz Molina

Grupo B:

1º) La noche de los tiempos de Antonio Muñoz Molina
En outubro de 1936 o arquitecto español Ignacio Abel chega a Pennsylvania procedente de España, deixando atrás a súa familia incomunicada nun país crebado pola guerra. Durante a viaxe lembra a historia de amor clandestino coa muller da súa vida e a crispación e desconcerto que precederon ao conflito fratricida.

2º) Una temporada para silbar de Ivan Doig


3º) El reflejo de las palabras de Kader Abdolah
Os lazos profundos e indestrutibles entre un pai e un fillo, capaces de perdurar a través do tempo e do espazo grazas ao poder aglutinante da arte e da lingua, son o fundamento narrativo desta novela orixinal e conmovedora, de marcado carácter autobiográfico. Así pois, por medio dos escritos do pai e os interrogantes do fillo, xorde a apaixonante historia do Irán do século XX, desde a implacable obstinación de Reza Kan en modernizalo ata a feroz represión do réxime dos aiatolás.

4º) Antoloxía do conto galego: século XX
Esta Antoloxía pretende ser unha panorámica do conto literario galego ao longo do século XX, desde a Xeración Nós aos escritores que comezaron a publicar durante os últimos anos do franquismo. Un período fundamental no que o conto galego acadou gran variedade de temas e unha extraordinaria e singular riqueza expresiva.

5º) La gran casa de Nicole Krauss
Imaxinemos un gran escritorio roubado, unha peza impoñente, con 19 caixóns cheos de segredos de todos os seus usuarios. Puido pertencer a Federico García Lorca, o primeiro dunha insólita cadea que conecta ao poeta con Daniel Varski, un autor chileno desaparecido baixo o terror de Pinochet e trasunto de Roberto Bolaño, veciño ocasional de Nova York que presta o escritorio a unha narradora en crise.

No mes de setembro abrirase de novo o prazo para inscribirse na próxima temporada desta actividade. As sesións comezarán a principios de outubro na Biblioteca Rialeda e serán os mércores, ás 17:30 horas.
Na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz comezarán a mediados de outubro e terán lugar os luns ás 18:30 horas.

 

8/7/14

Os mundiais de fútbol e baloncesto 2014 xóganse nas Bibliotecas de Oleiros: sede Rialeda

http://issuu.com/bibloleiros/docs/sede_rialeda/1
http://issuu.com/bibloleiros/docs/sede_rialeda/1O mundial de fútbol está na súa recta final. Pouco a pouco vai finando para dar paso ao Mundial de Baloncesto 2014, que comenzará o próximo 30 de agosto. Deixámosche as suxestións que a Biblioteca Central Rialeda pon á túa disposición para coñecer máis destes dous deportes e seguir a literatura do balompé e da canastra.

Chégannos "Un mar de soles" desde a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés

http://bloggitinfantil.blogspot.com.es/2014/06/un-mar-de-soles.html
A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés publicou dúas guías de lectura para este verán dirixidas aos-ás nenos-as de 3 a 12 anos. Unha para os-as cativos-as de 3 a 8 anos e outra para o público infantil a partir dos nove anos.
 
Grazas polas vosas achegas desde o outro lado da ría.                                                          Feliz verán!