28/12/12

Recomendacións en Radioleiros: 28 de decembro

- Infantil (menores de 6 anos):
"Veo veo ¿a quién ves?" de Guido Van Genechten, deseño de Tony Potter, en Edelvives.
Fermoso libro, con máxicas sorpresas, que fará o deleite das nenas e nenos máis pequenos da casa. Axeitado para xogar os maiores (pais, nais, irmáns, avós...) coas crianzas. Unha obra de adiviñas coa que gozarán intentando descubrir que animal se oculta tras cada pregunta.
Deseñado en formato grande, apaisado e con atractivas e coloridas ilustracións.
- Mozos-as e adultos:
"As voces baixas" de Manuel Rivas, editado por Xerais.
Deliciosa obra na que o autor nos fala de persoas e lugares queridos, xunto con lembranzas da infancia e mocidade. Unha homenaxe a súa irmá María.
“Unha novela da vida” (como a define a editorial), entrañable, intimista, escrita coa delicadeza que caracteriza a Manuel Rivas e coa mestría da súa prosa, que nos fala dunha época. Podemos dicir que é unha crónica dunha parte da sociedade galega de mediados do século XX.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

21/12/12

Lecturas para ilusionar: guía de suxestións para o nadal 2012

As Bibliotecas municipais de Oleiros elaboraron para este Nadal unha guía titulada "Lecturas para ilusionar", formada por 289 recomendacións de libros, DVD e CD.
Esta escolla foi realizada por todo o persoal das bibliotecas, polo que nela poderán atopar publicacións moi diversas. Trátase dunha selección de creacións de autoras e autores galegos, españois e internacionais, para distintos gustos, intereses, preferencias e idades. Boas historias e bos libros para ler, observar ou mirar, películas ou discos para gozar e compartir.
Desde as Bibliotecas municipais ofrecemos esta guía de lectura cun dobre obxectivo: presentar obras de calidade literaria, artística ou científica para animar a súa lectura, audición ou visionado e lembrar que un libro, un CD, ou un DVD son tamén un bo agasallo.
Son 289 libros, CDs e DVDs que temos nas bibliotecas e que poden levar en préstamo para as súas casas.
Os libros figuran clasificados por idades, para as que consideramos que son máis axeitados. A idade para a que recomendamos cada obra é só de forma orientativa, xa que cada nena ou neno ten un grado de desenvolvemento mental que debemos respectar.
Animamos a todas as persoas que vaian facer algún regalo por estas datas de Nadal ou Reis, a que obsequien aos seus seres queridos cun libro, ao mesmo tempo que lles lembramos da importancia da lectura na formación integral da persoa. A facultade lectora non é innata, vaise adquirindo pouco a pouco, por este motivo gustaríanos espertar unha sensibilidade que faga descubrir o pracer que pode proporcionar a lectura dun bo libro.
Esta guía repartirase ao alumnado de ensinanza primaria dos centros de ensino público deste Concello, así como nas bibliotecas municipais.
Cos bos libros desta guía, desde as Bibliotecas Municipais de Oleiros desexamos transmitir os nosos mellores desexos de saúde, felicidade e prosperidade, que o vindeiro ano traia boas novas e un mundo de ilusións convertidas en realidade.

Recomendacións en Radioleiros: 21 de decembro

- Infantil (maiores de 10 anos):
"La niña de la maleta" de Jacqueline Wilson, en Almadraba.
"Andrea ten que facer a maleta cada semana porque os seus pais están divorciados e ela non se decide por ningún dos dous. É tan complicado!"
- Mozos-as e adultos-as:
 "Mal de pedra" de Milena Agus, editado por Kalandraka.
"Cando atopou o amor desexado xa era unha muller madura, casada e sen fillos. Coñeceuno mentras se restablecia nun balneario do seu mal de pedra"

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

19/12/12

Exposicións videográficas na Biblioteca Central Rialeda

No 2º andar da Biblioteca Central Rialeda presentamos tres monográficos:

"Só para os teus ollos"
Cúmplese o 50 aniversario do primeiro film "Agente 007 contra el Doctor No" que presenta ao lexendario James Bond, personaxe froito da imaxinación do británico Ian Fleming. Nesta escolma presentamos 15 títulos que inclúen diversas etapas e diversos actores como Sean Connery, Roger Moore, Daniel Craig e o semidescoñecido George Lazenby.

"Lecturas para ilusionar"
Neste espazo poderás atopar os dvds e cds seleccionados para a presente Guía de Nadal. Obras pensadas para pasar un bo rato ou para ter en conta á hora de facer un agasallo.

"Asia Visións"
Ampla recopilación - máis de 50 títulos - de obras en dvd con títulos escollidos do universo xenuino, apaixoante e diverso culturalmente que é o asiático. Dende Oriente Próximo, con cinematografías como a libanesa, xordana e israelí, ata os confíns do continente, coas obras dos creadores xaponeses, chineses e taiwaneses, vietnamitas e coreáns, sen esquecer a importante e peculiar impronta do cine iraní e hindú.

Todos os títulos están á túa disposición na Sala de Ordenadores e Audiovisuais, convintemente expostos para o teu fácil acceso.

18/12/12

21 de decembro: o alcalde de Oleiros e a bibliotecaria municipal recollerán en Madrid o Premio Nacional María Moliner

O día 21 de decembro, na Biblioteca Nacional de España en Madrid, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, acompañado da bibliotecaria municipal Luz Corral, recollerán o Premio Nacional María Moliner, correspondente ao ano 2011, na modalidade de municipio de entre 20.001 a 50.000 habitantes, concedido polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte e a FEMP.
Este é un premio convocado a nivel de todo o Estado Español co obxectivo de premiar o mellor proxecto que inclúa as accións de animación á lectura, a eficiencia e labor bibliotecario, a integración social na comunidade e o uso das novas tecnoloxías, valorando a eficiencia na administración dos recursos da biblioteca e o esforzo realizado, os proxectos de extensión bibliotecaria levados a cabo, a colaboración cos centros educativos e outras entidades e en conclusión aqueles proxectos que fomentasen a convivencia intercultural e o desenvolvemento tecnolóxico.
O Premio María Moliner é o galardón máis importante que existe na actualidade en España dirixido a bibliotecas e supón un importante recoñecemento e valorización do traballo realizado polas Bibliotecas Municipais de Oleiros.
O agasallo (xa entregado ao Concello de Oleiros) consistíu nun lote de 200 libros e un premio en metálico de 12.000 €, financiado pola Fundación Coca-Cola Juan Manuel Sáinz de Vicuña.
O proxecto presentado polas Bibliotecas Municipais de Oleiros denominouse “Lecturas refrescantes” e nel presentáronse as principais actividades de fomento da lectura levadas a cabo durante o primeiro semestre do ano 2011. As Bibliotecas municipais durante o ano 2011 realizaron un esforzo por achegarse á cidadanía, aumentar o número de actividades de promoción da lectura levadas a cabo para traballar en pro da difusión do libro e a promoción da lectura, co obxectivo de formar novas/os e mellores lectoras/es e conseguir máis poboación lectora dentro do Concello de Oleiros.
Expresamos o noso agradecemento ás persoas, entidades, asociacións e centros educativos que colaboran habitualmente coas bibliotecas, ás usuarias e usuarios que participan nas nosas actividades, e a todas as veciñas e veciños de Oleiros. Grazas por facer posible que Oleiros sexa un referente a nivel estatal na promoción lectora cun servizo bibliotecario eficiente e de calidade.

17/12/12

Tertulia literaria en Rialeda: 19 de decembro (Grupo B)

Na Biblioteca Central Rialeda (Casiña de actividades)

Hora: 17,30 a 19,30 h.

Comentario da obra "Os vellos non deben de namorarse" de Castelao.

Nesta sesión contaremos coa presenza da profesora e catedrática de lingua e literatura galega Rosa García Vilariño.


Documentación
Obras de Castelao nas nosas bibliotecas.

A seguinte obra programada é "El palacio de cristal" de Amitav Ghosh.

Con esta sesión remata o 1º trimestre. A actividade retomaráse o mércores 16 de xaneiro.
Desexamos a todas/os as/os participantes un feliz nadal e un venturoso ano 2013!

14/12/12

19 de decembro: "Axóuxeres de Nadal" en Santa Cruz

No teatro "As Torres" de Santa Cruz


Recomendacións en Radioleiros: 14 de decembro

- Infantil (de 6 a 8 anos):

O gato con botas, adaptación e ilustracións de Fino Lorenzo

Nova versión para os máis novos dun clásico presentado en tapa dura, cunhas ilustracións en “collage” que lle dan un aspecto cubista. Moi interesante desde o punto de vista plástico.

- Mozos/as e adultos/as:


Segunda volume da triloxía The Century. No primeiro, La caída de los gigantes, desenvolvía os acontecementos durante a 1ª Guerra Mundial e a Revolución rusa. Neste, as mesmas cinco familias protagonistas (unha galesa, unha inglesa, unha rusa, unha alemá e outra estadounidense) percorren os anos trinta e a Segunda Guerra Mundial, cun relato ameno e con moitas aportacións de feitos históricos. Un libro interesante, lúdico e moi bo para o tempo libre.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

Centenario Rialeda 1912-2012: “Contos e cancións” con Migallas

Hoxe, venres 14 rematamos a semana grande da Biblioteca Central Rialeda coa visita de Migallas Teatro, que nos entreterá cos seus "Contos e Cancións".


Unha actividade especialmente dirixida a nenas e nenos menores de 8 anos e terá lugar no 2º andar da biblioteca.

Esperámosvos ás 18,30 h.!!!

11/12/12

Centenario Rialeda 1912-2012: Mesa redonda con Manuel Rivas, Henrique Seoane e Ángel García Seoane

O mércores 12 de decembro, na Biblioteca Central Rialeda celebrouse unha MESA REDONDA na que participaron, Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros; Henrique Seoane, arquitecto, coa presentación titulada “Rafael González Villar e a súa elegante arquitectura" e o escritor Manuel Rivas, co relatorio titulado Resistencia erótica do libro, así como a actuación do Trío de Vento de Alumnos/as da Escola Municipal de Música do Concello de Oleiros.

O edificio Rialeda, do prestixioso arquitecto Rafael González Villar (1887-1941), autor de importantes proxectos arquitectónicos na Coruña, Oleiros, etc. chega ao seu centenario.



Moitas grazas por celebrar este centenario con nós!!!

Tertulia literaria en Rialeda: 12 de decembro (Grupo A)

Na Casiña de actividades da Biblioteca Central Rialeda
Hora: 18,30 a 20,00 h.

Comentario da obra "La boda de Chon Recalde" de Gonzalo Torrente Ballester.
Documentación
Obras de Gonzalo Torrente Ballester nas nosas bibliotecas.

Entregaráse a obra "El insólito peregrinaje de Harold Fry" de Rachel Joyce.

Con esta sesión remata o 1º trimestre. A actividade retomaráse o mércores 9 de xaneiro.
Desexamos a todas as participantes un feliz nadal e un venturoso ano 2013!

Centenario Rialeda: "Contos para unha tarde de outono" con Paula Carballeira

Hoxe 11 de decembro, celebramos a 2ª xornada da semana de conmemoración do centenario da Biblioteca Central Rialeda na que contaremos coa visita de Paula Carballeira, que nos ofrecerá "Contos para unha tarde de outono".

Esta actividade diríxese especialmente a nenas e nenos menores de 8 anos e terá lugar no 2º andar da biblioteca.

Esperámosvos ás 18,30 h.!!!

10/12/12

Centenario Rialeda: "Ventá máxica" con Soledad Felloza

Empezamos a semana grande da Biblioteca Central Rialeda coa visita da actriz uruguaia Soledad Felloza, que nos ofrecerá "Ventá máxica", unha actividade especialmente dirixida aos/ás máis pequenos/as (menores de 6 anos).

Esperámosvos ás 18,30 h.!!!

7/12/12

Tertulia literaria en Santa Cruz: 10 de decembro

Na Biblioteca e Centro de Documentación da Muller "Rosalía de Castro" de Santa Cruz.
De 18,30 a 20 horas.

- Comentario da obra "Todo cuanto amé" de Siri Hustvedt.
- Entrega de "A miña planta de laranxa lima" de José Mauro de Vasconcelos.
Obras de Siri Hustvedt nas bibliotecas do Concello de Oleiros.

Con esta sesión rematamos o 1º trimestre. Tra-la pausa de Nadal retomaráse a tertulia o luns 14 de xaneiro no horario habitual.

Recomendacións en Radioleiros: 7 de decembro

- Xuvenil (maiores de 14 anos):

Sinsajo, de Suzanne Collins

Supervivente das dúas últimas ediciós dos "Xogos da Fame", a Katniss Everdeen tócalle agora liderar o movemento revolucionario dos diferentes distritos de Panem contra a cruel tiranía do Capitolio.

- Mozos/as e Adultos/as:

Editado por Kailas

Con grandes doses de humor, Mo yan, vai novelando a vida dunha humilde familia chinesa ao longo do turbulento século XX, dende o imperialismo feudal da dinastía Qing ao comunismo.
A Mo Yan foille concedido o Premio Nobel de Literatura do ano 2012.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

Hora do conto: 12 e 14 de decembro

Aquí tes a programación da hora do conto de 12 e 14 de decembro. Todas as sesións darán comezo ás 18:30 horas.

Mércores 12 de decembro
CONTACONTOS: Marisa Irimia
TÍTULOS: Contos ás escuras: "Monstro, vasme comer?", "A estrela de mazapán"



Venres 14 de decembro
CONTACONTOS: Ramiro Neira
TÍTULOS: “A lei do bosque iluminado”, “O gran baile”, “Engurras”
(AVISO: Os títulos programados poden sufrir variacións en función do público asistente)

5/12/12

Actos do Centenario Rialeda 1912-2012

Eis a programación dos actos para conmemorar o centenario de Rialeda e aos que estades convidadas/os (todos terán lugar na Biblioteca Central Rialeda, en Perillo):
- ACTIVIDADES INFANTÍS:
Todas as actividades para nenas e nenos serán ás 18:30 horas
Luns, 10 de decembro: Contacontos a cargo da actriz Soledad Felloza
“Ventá máxica”. Para menores de 4 anos.
Martes, 11 de decembro: Contacontos a cargo da actriz Paula Carballeira
“Contos para unha tarde de outono”. Para menores de 8 anos.
Xoves, 13 de decembro: Espectáculo de maxia a cargo do mago Chrystyan Magic
“Atrapado na torre”. Para nenas/os a partir de 10 anos.
Venres, 14 de decembro: Contos e cancións a cargo da Compañía Migallas
“Cantacontos”. Para nenas/os a partir de 8 anos.
- ACTIVIDADES PARA MOZAS/OS E ADULTAS/OS:
Mércores, 12 de decembro, ás 20 horas
Mesa redonda: Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros; Henrique Seoane, arquitecto, coa presentación titulada “Rafael González Villar e a súa elegante arquitectura" e o escritor Manuel Rivas, co relatorio titulado “Resistencia erótica do libro”, e a actuación do Trío de Vento de Alumnos/as da Escola Municipal de Música do Concello de Oleiros.

2/12/12

Hora do conto: 4 e 5 de decembro

Aquí tes a programación da hora do conto de 4 e 5 de decembro. Todas as sesións darán comezo ás 18:30 horas.
Martes 4 de decembro
CONTACONTOS: Caxoto
TÍTULOS: Contos para un Nadal cheo de agasallos

Mércores 5 de decembro
CONTACONTOS: Rato Camifuco da Compañía do Trinke Trinke
TÍTULOS: Que traballo dan os pequenos!: “Un cuíño independente”, “Julieta estate quieta”

Mércores 5 de decembro
CONTACONTOS: Inés Cuadrado
TÍTULOS: O bosque máxico das palabras: “O conto de Tino”, “O temido inimigo”
(AVISO: Os títulos programados poden sufrir variacións en función do público asistente)

30/11/12

Recomendacións en Radioleiros: 30 de novembro



- Xuvenil (maiores de 14 anos):
Una pantera en el sótano, de Amos Oz
Ambientada no remate do mandato británico en Palestina(1947). Una pantera en el sótano cóntanos a relación entre un neno xudeo, Profi, e un sarxento da policía británica. Constitúe unha reflexión sobre a traición e o fanatismo, conceptos sempre ambiguos. O seu autor foi merecedor de varios premios. Magnífica edición de Siruela.
-Mozos/as e Adultos/as:
Alianza Editorial
Novela que narra a vida de Hadley Richardson no Chicago dos anos vinte e o seu encontro con Ernest Hemingway, con quen casaría pouco despois. O traslado da parella á París onde serían “moi pobres e moi felices” é a xénese da obra, unha historia de vidas particulares con liortas, festas, viaxes (San Fermín entre outras) e tamén un retrato da capital francesa nun dos momentos máis criativos do século XX.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

27/11/12

Dia Internacional contra a Violencia de Xénero na Biblioteca "Rosalía de Castro" de Santa Cruz

O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, aprobado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas na súa Resolución 50/134 de 17 de decembro de 1999, celébrase anualmente cada 25 de novembro, en memoria das irmás Mirabal. A proposta para que se celebrase nesa data realizouna a República Dominicana, co apoio de 60 países. Na República Dominicana rexistrouse o asasinato das tres irmáns Mirabal, feito que tivo lugar o 25 de novembro de 1960, por orde do dictador dominicano Rafael Leónidas Trujillo.
En 1981 celebrouse en Bogotá (Colombia), o “Primer Encuentro Feminista Latinoamericano y del Caribe", onde se decidíu marcar o 25 de novembro como o Día Internacional de Non Violencia contra as Mulleres, recordando o asasinato das irmás Mirabal.
En 1993 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración sobre a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, na que se definíu a "violencia contra a muller" como “Todo acto de violencia baseado no xénero que ten como resultado posible ou real un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as ameazas, a coerción ou a prohibición arbitraria da liberdade, xa sexa que ocorra na vida pública ou na vida privada.”
O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres non é un conto, é unha dura, durísima realidade que millóns de mulleres –en todo o mundo e de todas as clases sociais ou estratos económicos– sofren a diario.
Pero esta violencia exercida contra as mulleres forma parte dun papel adxudicado á muller, que se transmitíu de xeración en xeración e que moitas mulleres reciben como algo natural a través dos contos tradicionais que len ou lles len desde pequenas. Temos que cambiar o conto!
Na Biblioteca e Centro de Documentación da Muller “Rosalía de Castro” en Santa Cruz temos un anaco de biblioteca denominado “Territorio libre de violencia machista”, onde atoparedes distinto material bibliográfico que ten como tema común, a violencia de xénero.

26/11/12

Tertulia literaria en Rialeda: 28 de novembro (Grupo A)

Na Biblioteca Central Rialeda (Casiña de actividades)
Hora: 17,30 a 19,30 h.

Comentario da obra "Sol de inverno" de Rosa Aneiros.

Nesta sesión contaremos coa presenza da profesora e catedrática de lingua e literatura galega Rosa García Vilariño.

Documentación
Obras de Rosa Aneiros nas nosas bibliotecas.

Entregaráse posteriormente a obra "La boda de Chon Recalde" de Gonzalo Torrente Ballester.

27, 28 e 29 de novembro: Visitas do alumnado do IES Isaac Díaz Pardo de Sada á Biblioteca Central Rialeda

Os días 27, 28 e 29 de novembro recibiremos na Biblioteca Central Rialeda ao alumnado de 2º de ESO do I.E.S. Isaac Díaz Pardo de Sada.


As visitas guiadas terán lugar entre as 10 e as 12 h.

Explicaráselles a historia do edificio, coñecendo as diferentes salas e servizos, xunto cunha demostración audiovisual sobre o funcionamento do catálogo.

Aviso importante: o 2º andar da biblioteca (Sala de audiovisuais e ordenadores) verá restrinxido o seu uso durante a visita do alumnado.

24/11/12

RIALEDA CUMPRE CEN ANOS 1912-2012!!!

O edificio Rialeda, do prestixioso arquitecto Rafael González Villar (1887-1941), autor de numerosos proxectos arquitectónicos na cidade da Coruña e o seu entorno, chega ao seu centenario. Rialeda é un edificio modernista. Unha casa moi atrevida no seu tempo, inspirada no movemento europeo da "Sezzesion vienesa", adaptada aos gustos da nacente burguesía urbana que comezaba a construír espléndidas casas de campo. Torres, ángulos, óvalos, claroescuros, azulexos, cores rechamantes... fan de Rialeda unha peza con engado.
Esta singular construción é desde o 21 de novembro de 1998 sede da Biblioteca Central Rialeda, cabeceira do Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do Concello de Oleiros, con premios como o da Irmandade do Libro, no ano 2012, na modalidade de Fomento da lectura, concedido pola Federación de Libreiros de Galicia ou o Premio Nacional María Moliner, no 2011, na categoría de Animación á lectura, concedido polo Ministerio de Cultura. O edificio, catalogado como patrimonio histórico-artístico municipal, está rodeado dun fermoso xardín con gran diversidade de árbores, no que destacan un cedro do Himalaia (cedrus deodara) e frondosos tileiros (tilia cordata). Ademais da xoia arquitectónica que representa o edificio en si mesmo, a Biblioteca Central Rialeda alberga na sala infantil un mural realizado, no ano 2009, polo ilustrador e prestixioso autor de banda deseñada Miguelanxo Prado.
Avanzamos os actos previstos para a conmemoración do centenario de Rialeda e aos que estades convidadas/os (todos terán lugar na Biblioteca Central Rialeda, en Perillo):
ACTIVIDADES INFANTÍS:
Todas as actividades para nenas e nenos serán ás 18:30 horas
Luns, 10 de decembro: Contacontos a cargo da actriz Soledad Felloza
“Ventá máxica”. Para menores de 4 anos.
Martes, 11 de decembro: Contacontos a cargo da actriz Paula Carballeira
“Contos para unha tarde de outono”. Para menores de 8 anos.
Xoves, 13 de decembro: Espectáculo de maxia a cargo do mago Chrystyan Magic
“Atrapado na torre”. Para nenas/os a partir de 10 anos.
Venres, 14 de decembro: Contos e cancións a cargo da Compañía Migallas
“Cantacontos”. Para nenas/os a partir de 8 anos.
ACTIVIDADES PARA MOZAS/OS E ADULTAS/OS:
Mércores, 12 de decembro, ás 20 horas
Mesa redonda: Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros; Henrique Seoane, arquitecto, coa presentación titulada “Rafael González Villar e a súa elegante arquitectura" e o escritor Manuel Rivas, co relatorio titulado “Resistencia erótica do libro”, e a actuación do Trío de Vento de Alumnos/as da Escola Municipal de Música do Concello de Oleiros.