21/1/22

Recomendacións en Radioleiros: 21 xaneiro 2022

- Infantil (nenas-os a partir de 6 anos):
 
"En familia" de Olga de Dios. Editado por Apila.
Un álbum ilustrado que retrarta a unha familia moi diversa. Formada por cinco monstruíños sen xénero e sen nome: cada un deles é dunha cor. Uns teñen un ollo, outros dous e outros tres, uns usan gafas, outros aparello dos dentes, etc. e xuntos irán aprendendo que pode haber moitos xeitos de cociñar, diferentes estilos de arte, de crear, moverse, bailar ou cantar… unha morea de diferenzas que conforman o día a día de cada unha-un de nós. Un conto que con moi pouco texto e moita ilustración educa na diversidade e no respecto. Moi axeitado para todas aquelas familias que se enfrentan a diario ao reto de educar e ensinar. 
 
- Mozas-os e adultas-os:
 
"Astrid y Veronika" de Linda Olsson. En Salamandra.
Unha historia de amizade. A que xorde entre Veronika, unha rapaza nova, de trinta e un anos e Astrid que ten case oitenta. Dúas mulleres, en principio, totalmente opostas, non so polas súas idades, senón que unha, Veronika, viaxou por todo o mundo e é escritora, e a outra, Astrid, non saíu practicamente nunca do pobo e non se relaciona con niguén. Pese ás infinitas diferenzas entre elas, inician unha relación de amizade. Empezan a contarse (e a contarnos a nós, lectoras-es) as súas vidas, lembranzas, soños e pesadelos. Unha mensaxe de optimismo e do grande poder curativo que teñen as verbas.
 
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

19/1/22

Hora do conto, de febreiro a maio, nas Bibliotecas Municipais

O 4 de febreiro darán comezo as sesións da Hora do conto nas Bibliotecas Municipais de Oleiros, dirixidas a nenas e nenos a partir de 6 anos. Nos meses de febreiro a maio, nas sete bibliotecas municipais, levaranse a cabo 56 sesións de diferentes actividades infantís para fomentar á lectura e animar a que visiten as bibliotecas no seu tempo libre. Estas actividades realizaranse a través de narración ou dramatización dun ou varios contos. Tamén haberá música, maxia e outros espectáculos para atraer á lectura ao público infantil. Todos os actos terán un enfoque lúdico, fomentando a imaxinación e  a creatividade, como unha invitación a viaxar a un tempo máxico de ilusión e fantasía.

Aforo limitado: É imprescindible reservar praza na biblioteca en que se desenvolva cada unha das actividades. Isto pode facerse chamando por teléfono ou achegándose persoalmente. Poderanse inscribir desde dez días antes da data de realización.

Os obxectivos que se intentan conseguir son fomentar a lectura a través do pracer e o gusto por esta, que se divirtan escoitando contos, facer novas lectoras e lectores ou consolidarlles este hábito e promover o descubrimento da diversidade dos libros. Preténdese introducir as nenas e os nenos no mundo dos libros a través dunha lectura que poidan comprender, coa que gocen e se entreteñan. Tratarase de espertar unha sensibilidade que faga descubrir o pracer que pode proporcionar a lectura, para que vexan que tamén se divirten e pasan momentos agradables cos libros.

Poden solicitar a información en calquera das sete bibliotecas municipais ou acceder á programación detallada nesta ligazón.

AVISOS
* Atendendo á razón de interese esencial no ámbito específico da saúde pública e coa finalidade do seguimento e vixilancia epidemiolóxica do COVID-19, nas sesións presenciais será necesario notificar os datos persoais dos/as participantes ao persoal da biblioteca que coordine a organización do evento.

* O/A adulto/a responsable de cada un dos/as menores de idade deberá permanecer necesariamente no recinto da biblioteca ata que remate a actividade e recolla o neno ou nena.