19/11/21

Recomendacións en Radioleiros: 19 novembro 2021

- Infantil (a partir de 6 anos):

Meigas fóra!, de Ramón D. Veiga, ilustrado por Iván R.
Xerais, 2020

A rivalidade entre as vilas de Leira e Beira leva aos veciños e veciñas a rematar coas envexas dos seus mandatarios. Reflexión divertida sobre o desastre de determinados comportamentos con estupendas ilustracións.

- Mozas/os e adultas/os:

El italiano, de Arturo Pérez-Reverte
Alfaguara, 2021

Historia de amor, mar e guerra no Xibraltar dos anos 1942 e 1943 cando os mergulladores de combate italianos afundiron varios barcos ingleses. Un relato ben estruturado de Pérez-Reverte con boa documentación dos feitos reais.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

18/11/21

Ana Carreira na Hora do conto na Biblioteca Central Rialeda (Perillo) 18/11/2021

Gravación do espectáculo "Eu non quero" que puidemos ver na sesión da Hora do conto na Biblioteca Central Rialeda (Perillo) o 18 de novembro a cargo de Ana Carreira.

Podes vela (ata as 16:30 do 21/11) clicando nesta ligazón: QueroContosDeAnaCarreira!

Presentación do libro "La aldaba del verano" de Paris Joel

No Teatro As Torres (Santa Cruz), o xoves 18 de novembro, ás 20:00 horas, terá lugar a presentación do libro "La aldaba del verano" de Paris Joel.

O autor estará acompañado do editor Joan Gonper.

O acto finalizará con música a cargo do cantautor César de Centi.

"La aldaba del verano" é un poemario, publicado pola editorial Celya, que expresa sensacións e sentimentos universais como o amor, a morte, a vellez, o destino..., nun marco temporal definido: o fin da primavera e o comezo do verán. Nel existen referencias á natureza e á climatoloxía como marco concreto para transmitir desasosego, placidez ou, nalgúns casos, unha invitación á reflexión.
Son 49 poemas de rima libre, escritos en primeira persoa, que relatan sentimentos e vivencias reais do autor. Desfrutádeos.

Paris Joel é poeta e cantautor. Desde hai máis de vintecinco anos traballa como locutor e técnico de son na emisora municipal Radio Oleiros. Licenciado en Historia pola UNED, técnico especialista en operacións de imaxe e son pola Escola de Imaxe e Son da Coruña.
Escribiu os poemarios "Dictados para un salvamento emocional" e "La aldaba del verano", ademáis do epílogo do libro "Los cuerpos lejanos" do poeta e pai de Ismael Serrano, Rodolfo Serrano.

En atención ás indicacións e medidas de seguridade fronte ao COVID-19, a presentación terá aforo limitado e será obrigatorio manter a distancia de seguridade e asistir con máscara, así como atender ás indicacións e normas da organización.
Desde as bibliotecas municipais invítase ás persoas que desexen asistir ata completar o aforo permitido para que gocen coa palabra e coa música.

AVISO: o venres 19 de novembro 2021 a Biblioteca Xograr Mendiño (Lorbé) estará pechada

A Biblioteca Municipal "Xograr Mendiño" (Lorbé) permanecerá pechada o venres 19 de novembro en horario de 16:00 a 20:00 h. 

Pregamos desculpen as molestias.


Solidariedade Internacional de Galicia na Hora do conto na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz) 17/11/2021

Gravación do espectáculo "Contos do mundo: Irene nos Andes" que puidemos ver na sesión da Hora do conto na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Oleiros) o 17 de novembro a cargo de Solidariedade Internacional de Galicia.
 
Podes vela (ata as 16:30 do 20/11) clicando nesta ligazón: QueroContosDeSolidariedadeInternacionalDeGalicia!

17/11/21

Darío Xohán Cabana, na memoria

Desde as Bibliotecas Municipais de Oleiros sumámonos ao pesar pola perda do escritor, tradutor e académico da Real Academia Galega, Darío Xohán Cabana.
Darío Xohán Cabana Yanes foi unha das grandes voces das letras galegas contemporáneas e membro de número da Real Academia Galega. O escritor nacido en Roás (Cospeito), cultivou, ao longo de máis de medio século de vida, case todos os xéneros en máis de corenta títulos dirixidos tanto ao público adulto como ao máis novo, entre os que salientan obras como "Galván en Saor", un dos grandes éxitos da literatura galega das últimas décadas; poemarios como "Patria do mar" ou "Romanceiro da Terra Cha" e as traducións ao galego dos grandes clásicos da literatura italiana, Dante e Petrarca
O fondo compromiso coa lingua e a identidade cultural e política galega atravesa unha produción creativa que arrincou no eido da poesía co guieiro de Manuel María, cuxa cadeira na Real Academia Galega ocupou no ano 2006.
Leva en préstamo as obras que temos nas exposicións bibliográficas adicadas a Darío Xohán Cabana nas Bibliotecas Municipais de Oleiros como a mellor homenaxe a este marabilloso escritor.


Ramiro Neira na Hora do conto na Biblioteca Manuel María (Oleiros) 16/11/2021

Gravación do espectáculo "Pouco a pouco" que puidemos ver na sesión da Hora do conto na Biblioteca Municipal Manuel María (Oleiros) o 16 de novembro a cargo de Ramiro Neira.
 
Podes vela (ata as 16:30 do 19/11) clicando nesta ligazón:  QueroContosDeRamiroNeira!

15/11/21

Trémola Teatro na Hora do conto na Biblioteca Mª José Trincado (Mera) 12/11/2021

Gravación do espectáculo "O neno que se comía todos os contos" que puidemos ver na sesión da Hora do conto na Biblioteca Municipal Mª José Trincado (Mera) o 12 de novembro a cargo de Trémola Teatro.

Podes vela (ata as 16:30 do 17/11) clicando nesta ligazón:  QueroContosDeTrémolaTeatro!