12/11/22

"Mientras más suave tocas, más camina el sonido"

E o son quedou pendurado no aire. A Eduardo Coma, a vida deulle pouco tempo para seguir a súa longa traxectoria, inmensa. Desde os seis anos estudando e aprendendo os milleiros de notas que o construíron como músico, compositor, profesor de conservatorio, integrante de Luar na Lubre, creador do Quinteto Cimarrón xunto a outros virtuosos cubanos e do Coma Ensamble, colaborador de Paquito D'Rivera co que gravou disco e centos e centos de actuacións. E tantos e tantos sons que levou polo mundo, e tantos países e xentes que tiveron a fortuna de andar os camiños da súa música. 
Nas bibliotecas municipais de Oleiros houbo esa sorte e ese privilexio: nos muros da Biblioteca Central Rialeda (Perillo) e do Teatro As Torres (Santa Cruz) ecoaron as notas de Eduardo. Aínda máis, na fermosura dos xardíns do Pazo de Lóngora (Liáns) fixo soar as partituras do compositor coruñés Marcial del Adalid no Roteiro Cultural e Literario de 2013. En 2015, no Roteiro Cultural e Literario daquel ano, no verxel do Pazo do Río (Montrove), volveu a deixar, brincando, os sons de músicas da época. 
E os sons de Eduardo seguirán camiñando no aire ("Cubalicia", "Violingrafía", "Aires tropicales", etc.) creando infindas vereas como as que xuntaron Cuba e Galicia, Camagüey e Oleiros. 
Grazas por todo, amigo Eduardo. Que a terra che sexa leve.

Recomendacións en Radioleiros: 11 novembro 2022

- Infantil: 
"Animalario de ler a diario" de Eduard Velasco. Ilustracións de Nuria Díaz. En Xerais. 
Finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil de 2021. Simpático poemario, dirixido ao público infantil, formado por 36 poesías sobre diferentes animais e temáticas relacionadas con eles. Desde o moucho, que é o primeiro poema, pasando pola araña, o gato, o piollo, o carneiro... A obra está dividida en catro apartados con títulos tan simpáticos como “Animais que van no mar porque non saben voar”, no que figuran poemas á estrela de mar, ao caranguexo, á pulga da area, á ostra pero tamén a algún bañista que deixa o lixo ciscado pola praia. Poemas con moita musicalidade que invitan a rir, a xogar e a cantar coas nenas e nenos e a descubrir como viven eses animais. 
- Mozas-os e adultas-os: 
"La mujer helada" de Annie Ernaux. Editado por Cabaret Voltaire. 
Annie Ernaux, escritora francesa gañadora do Premio Nobel de Literatura neste ano 2022. Segundo a Academia, foille concedido “pola coraxe e a agudeza clínica coa que descubre as raíces, o distanciamento e as trabas colectivas da memoria persoal". 
Un texto autobiográfico no que a autora describe parte da súa infancia, adolescencia, mocidade e os primeiros anos de matrimonio. Unha obra que fala da súa vida nunha familia de clase media, na Francia de mediados dos anos 40 aos 70, do século XX.
 
As mulleres da súa vida non eran mulleres fáciles, traballaban no campo, nas fábricas ou nas tendas, abertas desde a mañá ata a noite. Seus pais tiñan unha tenda de alimentación e un bar. A nai atendía a tenda e o pai o bar. Os clientes dun e doutro lugar eran distintos. As mulleres que ían mercar á tenda case sempre con présa, principalmente pola mañá, para darlles tempo a facer os demais traballos, en cambio, os homes que frecuentaban o bar, principalmente pola tarde, ían con paciencia, con tranquilidade. Seu pai era o que cociñaba, atendía a horta e levábaa á escola. Súa nai recibía os representantes, controlaba as facturas, preocupábase polos impostos... Para a nai a cociña e a limpeza do po so contaban en momentos excepcionais, por iso tiña tempo a sumirse na lectura en calquera sitio e en calquera lugar. A autora desexa aprender a ler para compartir con ela esas horas. A partir dese momento houbo entre as dúas unhas existencias imaxinarias que o pai ignora. A nai prefería vela ler ou escribir historias, que ordenar o cuarto ou bordar. Do pai dinos que era “unha presencia segura e serea a calquera hora do día”. 
Fala da escola, de como na clase había unhas nenas que eran as escollidas. Por exemplo, cando a profesora lles preguntou que querían ser de maiores, unhas din médicas, outras profesoras... e ao chegar a Annie sorpréndea con “tu tendera como tu madre”, cando ela quería ser mestra. Ao chegar á casa dillo á nai, quen lle replica, “ti traballa e punto”. Seus pais crían que a forma de progresar na vida era a través do esforzo. Esforzarse, estudar e sacar boas notas. 
Na adolescencia non sabía gran cousa do xénero masculino. Aproba a reválida e instálase nunha residencia para mozas en Rouen. Ao acabar no instituto, matricúlase na facultade de Filosofía e Letras. Catro anos nunha habitación lonxe da familia, con horarios de clases flexibles, comer ou non, ler deitada na cama a Kafka ou a outros autores e autoras, ata que casa e ve como se vai empobrecendo a súa vida. Está casada cun executivo, ten dous fillos, vive nunha casa confortable, pero é unha muller xeada... 
A autora comproba como as súas ansias se van anquilosando a forza de compaxinar o traballo da casa, coidar os fillos... e analiza que foi o que a levou a quedar atrapada nunha vida que dista moito da liberdade e do amor propio no que a educaron. 
Escrebe cun estilo sobrio que ela mesma cualifica de “escritura plana”. Cre na “forza liberadora da escritura”. Segundo a Academia, a súa obra describe emocións como a vergoña ou a humillación e está escrita cunha linguaxe sinxela coa que logra “algo admirable e duradeiro”.Tras coñecer que é a galardoada co Nobel de Literatura, na rolda de prensa, Annie Ernaux di “este premio representa algo inmenso tendo en conta as miñas orixes. É unha responsabilidade. Hoxe penso na xente escura, na miña familia. Escribín para os que loitaron moito. Escribir é o acto político máis importante e fixen da literatura un compromiso cos dereitos dos máis desfavorecidos e das mulleres. O meu traballo é político, aínda que non participo en movementos sociais nin políticos e a responsabilidade á que me refiro é a de seguir loitando contra todas as inxustizas, sexan as que sexan”. 
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.


9/11/22

"Si, cousas marabillosas", Rialeda ofréceche tesouros sobre Exipto e Tutankamón, o faraón neno

Hai 100 anos, Howard Carter levou a cabo o descubrimento arqueolóxico do século XX ao dar coa tumba de Tutankamón no Val dos Reis. O 4 de novembro de 1922, o equipo do exiptólogo inglés descubríu os chanzos que baixaban ata a porta selada da tumba de Tutankamón.

Carter, por respecto ao seu mecenas, agardou á chegada de lord Carnarvon para abrir a porta que ficara pechada había case tres mil anos e ver as marabillas que se agochaban tras ela. O patrocinador de Carter preguntoulle: "Ve vostede algo?". O exiptólogo inglés respondeu: "Si, cousas marabillosas".

Tan extraordinarias como a tumba do faraón Tutankamón que, incriblemente, estaba intacta. O tesouro tiña un altísimo valor en canto a ouro e obras artísticas, pero o outro “tesouro” foi a posibilidade de estudar a sepultura dun faraón exipcio inalterada desde que Tutankamón fose soterrado máis de tres milenios antes. O achado desatou a “exiptomanía” e cambiou o concepto da arqueoloxía como disciplina. Na década dos anos 20 do pasado século, esta descuberta de miles de pezas belamente elaboradas e cubertas de metais preciosos superaba as expectativas que calquera exploración arqueolóxica puidese ter soñado.
A Biblioteca Central Rialeda (Perillo) ofréceche os seus tesouros sobre Exipto e o faraón neno. Libros informativos e historias de ficción para nenas-os a partir de 10 anos.