3/4/20

Recomendacións en Radioleiros: 3 abril 2020 #euquedonacasa


 https://youtu.be/9Jm5lpyWzDU
https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=748177&branch_group_limit_txt=Oleiros%20-%20Biblioteca%20Central%20Rialeda&branch_group_limit=branch%3AOLE1- Infantil (a partir de 8 anos):

Xela volveuse vampira!!, de Fina Casalderrey, con ilustracións de Noemí López
Baía

As ilustracións da lucense Noemí López, admiradora do trazo de Castelao e Quino, sérvenlle a Baía para ofrecernos este texto de Fina Casalderrey que forma parte dunha colección destinada a superar estereotipos nos contos infantís. Deste xeito, Xela, unha mestra moi querida polos nenas e nenos, comeza o novo curso con diferente carácter: parece cansa e tristeira e xa non xoga coma antes. Os nenos e nenas da aula pregúntanse que pasa: estarase a volver vampira?.

Dispoñible en GaliciaLe #euquedonacasa

- Mozas/os e adultas/os

Xente de aquí e acolá, de Álvaro Cunqueiro
Galaxia

Relatos de sempre do mellor Cunqueiro baseados en personaxes retranqueiros, mesturando a realidade coa fantasía. Un exemplo de calidade literaria en formato breve que o autor explica nunha carta a Domingos García-Sabell, amigo de seu e un dos promotores de Galaxia, editorial que posibilitou a primeira edición do libro no 1961.

Dispoñible en GaliciaLe #euquedonacasa

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

Bota un ollo pola fiestra... da pantalla grande! #euquedonacasa

https://www.rtve.es/alacarta
Para acompañar o momento das larpeiradas nesta fin de semana recomendamos "El olivo", película española de 2016, dirixida por Icíar Bollaín e protagonizada por Anna Castillo, Javier Gutiérrez e o actor novel, Manuel Cucala. Protagonizada tamén pola árbore milenaria que é obxecto de búsqueda dando lugar a unha fermosa fita con toques de road movie chea de emocións e boas interpretacións. 
Tamén na web de Rtve.alacarta, non perdas o documental "Las sinsombrero", que reivindica o legado das artistas pertencentes á xeración do 27. Mulleres que coa súa obra, accións e valentía foron e son fundamentais para entender a cultura e a historia dun país que nunca as reivindicou. A Biblioteca Central Rialeda, na expo "Esquecidas no seu tempo" recomendou obras dalgunhas destas mulleres que viviron á sombra dos seus compañeiros de profesión ou das súas parellas de vida. Mulleres que non viron recoñecido o seu talento literario ata tempos ben recentes.

A marabillosa ventana da fotografía ábrese no Círculo de Bellas Artes #euquedonacasa

https://youtu.be/jPqsLWQPLe4
Desde os anos 10 aos 50 do pasado século. August Sander: Fotografías de "Gente del siglo XX", é unha exposición que se pode ver, neste momento de xeito virtual, no Círculo de Bellas Artes de Madrid. Esta colección de fotos constitúen un atlas da sociedade alemana desde a república de Weimar ata o ocaso do nazismo. 

Esta expo reúne case 190 fotos (600 imaxes constituén o proxecto orixinal) agrupadas en sete seccións ou "carpetas" atendendo ás tipoloxías produtivas ideadas por Sander, fotógrafo clave para entender a arte que imprime con luz no século XX. Creou o «estilo Sander», unha mestura de penetración e imparcialidade, de distanciamento e captura do detalle que se pode ver nos seus magníficos retratos. 

Os grandes teóricos da imaxe do século XX adicaron estudos a este colosal fotógrafo: Siegfried Kracauer, Susan Sontag, John Berger, do que podes ler "Y nuestros rostros, mi vida, breves como fotos" en GaliciaLe. Fotos emblemáticas, como a do notario, foi glosada por Roland Barthes no seu ensaio "La cámara lúcida: nota sobre la fotografía". 
Recomendámosvos a lectura da novela "A noite branca" de F. X. Fernández Naval, na que un feixe de fotografías e de cartas inician o proceso de recuperación da memoria e reconstrucción vital do protagonista. Dispoñible en GaliciaLe.
Vente connosco ao Círculo de Bellas Artes!

É fin de semana e pola fiestra entra... un balón! #euquedonacasa

https://issuu.com/balonprofundidad/docs/revista_bp_-_febrero_2019__issuu_
Un fin de semana máis sen a pelota a rodar. Non importa. Quizáis un chisquiño. Mentras, temos a literatura esférica, podemos facer memoria e repasar aqueles enfrontamentos inolvidables. O(s) partido(s) da túa vida. 

Seareiras-os, a revista Balón en profundidad ofrece no sexto número o fútbol baixo a luz das sete artes. Cine, literatura, poesía, filosofía, etc. en intersección co balón. 

Esta publicación dixital naceu a partir de Twitter coa idea dos seus fundadores de comunicar sobre este deporte e as súas historias, sexan máis coñecidas ou menos. "Rendidos al Deportivo" (feminino, enténdese) é un artigo sobre a extraordinaria tempada que están desenvolvendo as mulleres da escuadra herculina. Tamén nesta cabeceira xornalística adicada ao fútbol. O asubío xa pitou, a lectura pode comezar!

2/4/20

Podo aprender. Podo traballar: 2 de abril, abrimos a fiestra ao Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo #euquedonacasa

Podo aprender. Podo traballar.
O 2 de abril celebramos o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo. A ONU instaurou este día en 2007 para poñer o acento na necesidade de mellorar a calidade de vida das persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA). O movemento asociativo do autismo en Galicia e España, desenvolve unha campaña de concienciación que pon o énfase en dúas áreas fundamentais para a inclusión das persoas con trastorno do espectro do autismo: educación e emprego. 
Desde as Bibliotecas Municipais de Oleiros queremos difundir esta campaña de AutismoGalicia, máis se cabe, neste momento de confinamento, onde abrocha a solidariedade da maioría e de xeito inexplicable a incomprensión das-dos menos. Queremos espallar a iniciativa #yojuegoencasa, que reúne unha alianza online entre
https://diamundialautismo.com
centros educativos, entidades, asociacións e persoas independentes para ofrecer ás familias experiencias de xogo coas que enfrontar estes días. Vai dirixida a nenas e nenos poñendo especial énfase en quen precisa apoio no xogo (autismo, asperger, diversidade funcional, etc.) para quen pode ser ainda máis difícil quedar en casa. 
Recomendámosche a lectura de "La razón por la que salto" de Naoki Higashida en GaliciaLe e a fermosa adaptación audiovisual do conto "El cazo de Lorenzo" de Isabelle Carrier.
E hoxe, ás 21:00 non esquezas apagar a luz e acender o teu móbil ou lanterna: únete ao LighItUpBlue #LIUB!!!

Hoxe é... o Día Internacional do Libro Infantil e temos Fame de palabras #euquedonacasa

http://www.galix.org/2020/03/2-de-abril-dia-internacional-do-libro.html
Hoxe, 2 de abril, é o Día Internacional do Libro Infantil. Todos os anos as Bibliotecas Municipais de Oleiros énchense de actividades para esta data ao redor do libro infantil e xuvenil. Este ano non é posible. "...As palabras, nos poemas e nos contos, son alimento. Non son alimento para o corpo, porque ninguén podería encher o estómago con elas. Son alimento para o espírito e para a alma": verbas que son parte da mensaxe titulada  Fame de palabras para conmemorar este día, escrita por Peter Svetina (da sección eslovena da IBBY) e ilustrada por Damijan Stepancic. A tradución ao galego corresponde a Gálix, como sección da OEPLI, así como da súa difusión en Galicia e foi realizada por Héctor Cajaraville.
Cada 2 de abril celebramos nas nosas bibliotecas a data de nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen con narracións de contos, exposicións bibliográficas, etc. Este ano farémolo de xeito virtual ofrecendo marabillosas iniciativas difundidas a través da Rede adicadas ás-aos lectoras-es infantís e xuvenís. 
Dos Recursos con moita LIX para ficar na casa que reúne Gálix, o Proxecto euquedonacasa do equipo Comparte Marketing Social, a Pandemia de Contos do Colectivo Noga #narracionoralgalega, #MeQuedoEnCasa de La Casa Encendida, e moitas máis iniciativas solidario-culturais de editoriais, museos, bibliotecas, teatros, produtoras audiovisuais e un longuísimo etcétera de entidades públicas e privadas, facemos unha escolma que che ofrecemos a continuación. 

Nesta primeira entrega, para ler, presentámosvos (hai moitas máis):
- Xerais ten na Rede catro títulos para abrir a fiestra da lectura en galego:
Un exemplo, "Feliz feroz" de El Hematocrítico (Recomendado en Radioleiros), a partir de 6 anos.  

- Baía Edicións ofrece lecturas para nenas-os a partir dos 4 anos para a campaña #euquedolendo #baíaconnósnacasa. Se tes máis de 12 podes ler "Liliput" de Manuel Lugrís Rodríguez.

- Urco Editora, especialistas en novela gótica ofrece ás afeccionadas-os a este xénero:
“A pedra negra”, de Robert E. Howard e "A cidade sen nome" de H. P. Lovecraft.

- Aira Editorial ofrece o cómic "Carriandola".

- Autoras, como Olga de Dios ofrece, para as cativas-os, "Leotolda", "En familia", "Pájaro amarillo".

Hoxe é o Día Internacional do Libro Infantil e temos Fame de palabras para escoitar!!! #euquedonacasa

http://www.galix.org/2020/03/2-de-abril-dia-internacional-do-libro.html
Para celebrarmos o Día Internacional do Libro Infantil, aquí vai unha segunda entrega, para escoitar (entre moitas máis):
- Se tes entre 6 e 14 anos, Gálix organiza o concurso "Un poema na túa voz". Participa desde casa!

- Pandemia de contos para todas as idades. Espléndida iniciativa do Colectivo NOGA (Narración Oral Galega) para levar mellor o #euquedonacasa. Narradoras-es orais e contacontos ben coñecidos das-dos nosas-os cativas-os deixan nesta canle o seu talentazo. 

- Kalandraka a través da súa televisión na Rede ten Contos contados (títulos que xa forman parte da biografía lectora das-dos nenas-os galegas-os) e videos musicais.

- Do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra chegan un montón de propostas lindas. Deixamos o fermoso "A bela Polenta" por Soledad Felloza.

- Sonárbore, canle en Youtube da editorial Galaxia con cancións dos seus libros-disco. Como exemplo, este "Son malote" d' A Familia María Fumaça.

- Como non, a iniciativa de Aeda (Asociación de Profesionales de la Narración Oral en España). Pep Bruno, Erica González Miguel, Elia Tralará e moitas-os outras-os teñen canles a través das redes con fermosas historias.

- A cooperativa galega de propostas culturais Urdime no seu Festival on line Cantos e contos dende o poleiro pon en marcha o seu elenco de artistas. 

- As-os Letubers do espazolectura, son marabillosas-os!!!

Hoxe é o Día Internacional do Libro Infantil e temos Fame de actividades para facer!!! #euquedonacasa

http://www.galix.org/2020/03/2-de-abril-dia-internacional-do-libro.html
Nesta terceira entrega, para facer, eis algunhas (hai moitísimas máis):
- Para participar hai que ter entre 4 e 12 anos "Concurso para a cativada: debuxos que representen a lectura no fogar" da editorial Galaxia.

- A Primavera das Letras, para conmemorar o próximo Día das Letras Galegas. A Real Academia Galega para as nenas e nenos de infantil e primaria. Descargables superchulos!

- Mamut cómics ofrece cada semana fichas novas para leer e aprender xogando. Colorea con Marcopola!!!

- En Libros del Zorro Rojo podes descargar actividades do título "Un Zorro: un libro (de miedo) para contar" de Kate Read.

- A deseñadora e ilustradora francesa Malika Favre trae estas bonitas páxinas para colorear.


- Fichas para colorear e moitas máis actividades da famosísima familia dos Bolechas.

1/4/20

A nosa fiestra ábrese ás notas de jazz da guitarra de David Regueiro #euquedonacasa

https://davidregueiro.com/bio
O guitarrista de jazz David Regueiro leva xa moitos discos editados e centos de actuacións por numerosos países. É un dos guitarristas de gypsy jazz máis interesantes do Estado. No seu trío, acompáñase de Iago Reigosa (guitarra) e Juyma Estévez (contrabaixo), e a comezos deste 2020 veu a luz o álbum "Areal". Son nove composicións de David Regueiro facendo auténtico jazz manouche, a corrente jazzística do belga Django. 

O trío ofrece fermosas notas anovadoras ao estilo Reinhardt incorporando toques do swing americano e o be-bop. Proba a peza "Swing 1918" do álbum "Areal" e quererás máis. Cando a pandemia remita e saias do teu "tobo", non te perdas o seu directo!

Completamos esta suxestión coa lectura dos "Contos da era do jazz" de F. Scott Fitzgerald en tradución de Rafael Rodríguez Salgueiro . Ao teu dispor en GaliciaLe. Viva o binomio música + literatura!

O Castro de Viladonga abre a fiestra... da nosa historia #euquedonacasa

https://my.matterport.com/show/?m=PUvtRRUFbwz
O Castro de Viladonga é un castro galaico-romano situado no concello de Castro de Rei (a 23 quilómetros da capital lucense). Ocupa o cumio dun monte desde o que se divisa gran parte da Terra Chá lucense. As escavacións iniciáronse en 1971, saindo á luz estruturas moi interesantes e grande cantidade de materiais. O xacemento é un exemplo moi importante para o coñecemento, estudio e comprensión do mundo castrexo trala conquista romana. O Museo do Castro de Viladonga adícase desde a súa inauguración á interpretación e explicación do xacemento e á exposición dos materiais procedentes das escavacións. Paga a pena unha visita virtual e, logo do peche cautelar, a visita real. 
A visita sería incompleta sen a lectura de "Vento e chuvia", a novela de Manuel Gago Mariño (á túa disposición en GaliciaLe). Gago lévanos como ninguén ao interior das cabanas castrexas. Vivifica aqueles momentos da nosa historia, daquela sociedade da Idade de Ferro que non tiña nada de simple, de pobre ou atrasada senón que gozaba dun importante grao de desenvolvemento, monumentalidade e riqueza. Acompáñasnos? 

Abramos a fiestra... aos libros que se escoitan! #euquedonacasa

https://www.mixcloud.com/elpajarofantasma/el-pájaro-fantasma-episodio-1-lluvia
Imos pousar a nosa atención nas historias e nos libros que se escoitan. A web "El pájaro fantasma: todos lo escuchan, nadie lo ve" do escritor Nicolás Schuff, é un proxecto precioso de músicas e voces. Son podcast monográficos, de 20 a 40 minutos, tecidos de escollidos textos e fermosas cancións que nos chegan do outro lado do Atlántico. Nicolás Schuff nos deixa esta pequena foto de si mesmo: "piensa mejor cuando camina y cuando escribe. Fue a la escuela pública. Disfrutó bastante la primaria, sufrió la secundaria. Nació en el año 1973 bajo el signo zodiacal de Sagitario. Hasta los once años se peinó con raya al costado. Ahora se corta el pelo solo y no se peina. Se mudó dieciocho veces. En la actualidad vive en Florida, en la provincia de Buenos Aires". Probade este primeiro episodio adicado á chuvia.  
Abrimos outra ventana aos audiolibros. En tempos de pandemia son moitas as editoriais que abren algún dos seus libros á descarga ou escoita gratuíta, como Penguin. O xoves 2 de abril podes escoitar, previa descarga, "Últimas tardes con Teresa" de Juan Marsé narrado polo actor de dobraxe Jordi Boixaderas, voz, entre outros, de actores como Russell Crowe e Daniel Craig. Libros de Juan Marsé en GaliciaLe e máis audiolibros como "Historia del Rey Transparente" de Rosa Montero, "El rey recibe" de Eduardo Mendoza, "Largo pétalo de mar" de Isabel Allende, etc. na mesma plataforma de libros electrónicos.

31/3/20

Pola nosa fiestra entran... as pelis de Lotte Reiniger! #euquedonacasa

https://www.youtube.com/playlist?list=PL_18SQOTzdS_7WShDQGjFBiaWVYG2K9Fm
Gústanche os debuxos animados? Pois presentámosche a Lotte Reiniger, pioneira do cine de animación. Lotte foi unha cineasta alemá (posteriormente nacionalizada británica), famosa polas súas películas de animación con siluetas, fermosas siluetas. Empregaba unha técnica de animación moi persoal, cun toque oriental que as fixeron únicas. Despois dun laboriosísimo proceso de corte de miles e miles de siluetas de papel, movía lixeiramente as figuras e disparaba unha foto a cada movemento. 
Das súas mans saíron obras de arte como Die Abenteuer des Prinzen Achmed, en 1926, a máis antiga longametraxe de animación que se conserva. A película tivo éxito tanto de crítica como de público que Reiniger se anticipou nunha década tanto a Walt Disney como a Ub Iwerks en utilizar algúns recursos técnicos para certos efectos. O éxito de Prinzen Achmed deu a Reiniger a oportunidade de realizar a mediametraxe Doktor Dolittle und seine Tiere (O doutor Dolittle e os seus animais) (1928) baseada na primeira das novelas do autor inglés de literatura infantil Hugh Lofting. A música foi composta nesta ocasión por Kurt WeillPaul Hindemith e Paul Dessau. E moitas máis que podes ver nesta ligazón
Máis películas de animación para estes días de #euquedonacasa, doutras-os autoras-es, en GaliciaLe

Tal día como hoxe, 31 de marzo... de 1685 #euquedonacasa

https://www.youtube.com/watch?v=gB3yA_wvDAM
Hoxe é día de aniversarios: este, musical. O 31 de marzo de 1685 nace Johann Sebastian Bach, o xenio da música que foi compositor, organista, clavecinista, violinista, violista, mestre de capela e cantor do período barroco. A súa biografía é inmensa, imposible de sintetizar nun post. Sen ermbargo, a cantante, compositora e comunicadora Sheila Blanco conta a biografía de J. S. nun minuto e medio coa melodía da Badinerie da suite Nº. 2 en si menor do autor barroco. 
Non o perdas, é sinxelamente, estupenda! Vai á Bachipedia se es amante das cantatas, e le "Por amor a la música" do musicólogo e compositor Jan Swafford na plataforma GaliciaLe.

Tal día como hoxe, 31 de marzo... de 1889 #euquedonacasa

https://www.toureiffel.paris/es/el-monumento
Tal día como hoxe, 31 de marzo de 1889, foi inaugurada en París: altura de 324 metros, 18.038 pezas de ferro, 2500000 de remaches, 7300 toneladas de peso e revestida dunha capa de pintura que se aplica de forma periódica e exclusivamente a man para preservar o seu bo estado... estamos a falar da torre Eiffel, símbolo de París e icona de toda Francia. Voamos ata alí e coñecemos un montón de datos interesantes a través da súa web: a torre Eiffel e as ciencias, a torre Eiffel e as artes, as cifras da torre, etc. tamén poderemos pasear virtualmente por ela. 

Para completar a visita, ofrecemos a novela "Una sirena en París" de Mathias Malzieu dispoñible en GaliciaLe. Feliz aniversario, torre Eiffel! Voamos a París?  

30/3/20

Mira pola fiestra... e verás a Ciencia #euquedonacasa

http://intranet.peragallo.es/MUNCYT/coruna.html
Obviamente os museos tampouco abren por mor desta indesexable situación. Algúns poden visitarse a golpe de clic. Animámosvos a que deades un paseo virtual polo MUNCYT Coruña. Na sede herculina deste museo podes observar obxectos moi interesantes da historia da ciencia e a técnica e que forman parte da nosa "paisaxe" cotiá: o morro e tren de aterraxe dunha aeronave como é o caso do Boeing 747 que trouxo o Guernica a España, a montaxe do primeiro acelerador de partículas deseñado e construído na Junta de Energía Nuclear cara 1957 e un longo etcétera.

Completa a visita con libros sobre computación e informática accesibles a través de GaliciaLe e libros electrónicos sobre tecnoloxía, enxeñaría e industria, na mesma plataforma nesta ligazónA ciencia é emocionante, va que si!

O teatro de títeres... abre a nosa fiestra #euquedonacasa

https://www.youtube.com/watch?v=y1gKFj3nNoY&list=PL0VxWyBErW3MB3euFKdPD_tXSRMCLIiup
A Asociación Cultural Morreu o Demo presenta Títeres para o confinamento para que os títeres estean presentes nestes días que temos que ficar na casa. A través desta fermosa iniciativa poderás elaborar os teus propios títeres seguindo as instruccións destes tutoriais. 

Proba con estes tres modelos: Como facer unha marioneta hixiénica, realizado por Larraitz Urruzolacomo facer unha marioneta de papelrealizado por Anxo García, como facer unha marioneta de variñas realizado por Anxo García. Mans á obra!

Recomendamos que vexas o documental de Títeres Viravolta titulado Morreu o Demo, acabouse a peseta, dispoñible en GaliciaLe, que afonda na historia dos Silvent, marionetistas durante case cinco décadas que se gañaron a vida levando o seu espectáculo de feira en feira por toda Galicia: a estrela do espectáculo era un boneco de luva chamado Barriga Verde. Co obxecto de restaurar a memoria do personaxe, a compañía Títeres Viravolta construíu unha réplica da vella barraca dos Silvent e devolveuna aos camiños. O filme lévanos nunha viaxe internacional na busca das raíces comúns do teatro popular de marionetas europeo.



A lectura ábrenos... mil fiestras! #euquedonacasa

O Laboratorio Contemporáneo de Fomento de la Lectura (LCFL) da FGSR elabora unha serie de recursos moi interesantes sobre a lectura, desde diferentes puntos de vista. Son documentos e fichas que podes consultar na súa web. Todos de gran interese. Reseñamos "La lectura desde la neurociencia" do neurólogo David Ezpeleta Echávarri . A neurociencia amósanos o funcionamento, aprendizaxe e a maneira de emocionarse o cerebro. 
O cerebro é como un músculo que precisa "exercicio" coa cultura: estudo, música, aprendizaxe de idiomas e por suposto, a lectura, ocupa un lugar relevante nese "adestramento". "Somos e sobre todo seremos o que lemos" (páx. 20) e xunto co resto de prácticas culturais iremos xerando unha compensación en forma de pegada cerebral que imos gardando para o futuro. 
Ler produce no cerebro unha especie de efecto bolboreta (páx. 21), un círculo virtuoso de estímulos e emocións. Todo isto funciona na lectura individual e silenciosa, e tamén ten impactos positivos no exercicio da lectura grupal. Por exemplo, as tertulias literarias e os clubs xuvenís de lectura que se desevolven nas nosas bibliotecas municipais perseguen ese obxectivo. Tes info desta e das demáis actividades de fomento da lectura no noso blog e web e en GaliciaLe podes ler libros do autor Antonio Damasio sobre o funcionamento do noso cerebro e neurociencia.