23/7/21

Segue a frecha: expo de libros e películas que te levarán a Compostela, en Rialeda

Este 2021 é ano xubilar e iso significa que miles de persoas farán o seu particular Camiño de Santiago. Un ano xacobeo diferente e "expandido" a 2022 por mor da pandemia vírica. Cada quen se botará aos camiños para convertir esta experiencia nunha vivencia propia e moi persoal. 

A Biblioteca Central Rialeda (Perillo) proponche un itinerario literario polo Camiño e polas rúas da cidade compostelá. Case cincuenta libros e películas ambientadas no entorno máxico dun percorrido e dunha meta: unha cidade que se convirte en teatro de variadas personaxes literarias e escenografía perfecta para os argumentos de novelas como as de Suso de Toro, Marilar Aleixandre, Henri Vincenot, Marcos S. Calveiro, Matilde Asensi, Carlos Casares, Ulrike Schweikert, Blanca Riestra e moitas-os outras-os. 

Fai connosco o camiño literario de Santiago e segue a frecha que te conduce a unha Compostela de novela e de película! 

Recomendacións en Radioleiros: 23 xullo 2021

- Infantil (nenas-os de 6 a 8 anos):
"A auga, o dragón e o salgueiro chorón" de Xosé A. Perozo; ilustracións de Antonio Seijas. En Auga Editora.
Serpe, un dragón, atopa ao seu amigo Salgueiro moi triste pola falta de auga. Terá que pensar nunha solución para o monte da Cova da Serpe. Un relato arredor da amizade e da preocupación medioambiental.

- Mozas-os e adultas-os:
"Las edades de la globalización: geografía, tecnología e instituciones" de Jeffrey D. Sachs. Editado por Deusto.
A interacción entre humanos, tecnoloxía e natureza deu lugar á globalización: unha historia en diferentes fases con logros e fracasos, beneficios e desastres ao longo de 70.000 anos.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.