12/8/22

Recomendacións en Radioleiros: 12 agosto 2022

- Infantil (a partir de 6 anos):

Salvaje, de Emily Hughes
Libros del Zorro Rojo

Historia dunha nena que vive feliz e libre na natureza criada polos animais do bosque. Un día, a familia dun famoso psiquiatra acolle á nena pero, tras estudar o seu comportamento, queda claro para todas e todos que non se pode domar algo tan felizmente salvaxe.

Álbum con exuberantes e expresivas ilustracións que sorprenderá a primeiras/os lectoras/os e que nos invita a reflexionar sobre o que consideramos bo ou malo na educación e nas normas sociais.

- Mozas/os e adultas/os:

La señora March, de Virginia Feito
Lumen

Versión dixital en eBiblio
Audiolibro en eBiblio

A señora March é unha muller adiñeirada, que vive nun exclusivo barrio de Manhattan, e que está casada cun famoso escritor de éxito chamado George. Todo cambia para ela cando, unha mañá calquera, a dependenta da pastelaría insinúalle que a protagonista do novo libro de George parece inspirada nela. Este comentario fai saltar todo polos aires e confirma os medos e inseguridades da señora March que entra nunha espiral de obsesión e paranoia que a fai desconfiar de todo e de todos…

Primeira novela de Virginia Feito na que a autora explora a fraxilidade da identidade e o peso das expectativas nun mundo marcado polas apariencias.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.