16/9/22

Ler conta moito, Hora do conto e Obradoiros para público infantil: 19 a 23 de setembro 2022

- Aforo limitado: chama á biblioteca na que se realiza a actividade e reserva a túa praza. Podes inscribirte desde 10 días antes da data de realización de cada unha das contadas/actividades.
 
Luns 19 de setembro, ás 18:30
Para nenas-os a partir de 6 anos (Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 626 638)
ESPECTÁCULO: “O tesouro”
CONTACONTOS: Trécola Producións

Martes 20 de setembro, ás 17:30
Para nenas-os a partir de 6 anos Aforo completo!!!
OBRADOIRO: “Robótica educativa. Creatividade inspiradora”
MONITORADO: A Nube de Artear

Mércores 21 de setembro, ás 18:30
Para nenas-os a partir de 6 anos (Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 626 338)
ESPECTÁCULO: “1º Galicia ilusiona coa maxia”
CONTACONTOS: 1, 2, 3 o mago Pedro Bugarín
 
Venres 23 de setembro, ás 18:30
Para nenas-os a partir de 6 anos (Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 628 507)
ESPECTÁCULO: “Diferentes diferenzas”
CONTACONTOS: Dezdedez
 
Venres 23 de setembro, ás 18:30
Para nenas-os a partir de 6 anos (Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 664 257)
ESPECTÁCULO: “A óptica das ilusións”
CONTACONTOS: David Méndez
 
                                                       AVISO
O/A adulto/a responsable de cada un dos/as menores de idade deberá permanecer necesariamente no recinto da biblioteca ata que remate a actividade e recolla o neno ou nena.

Recomendacións en Radioleiros: 16 setembro 2022

- Infantil (nenas-os a partir de 4 anos): 
"Inés del revés" de Anita Jeram. En Kókinos. 
Unha mañá calquera Inés érguese e decide que vai facer todo ao revés. Afortunadamente a súa nai é moi imaxinativa e agarimosa e afronta esta situación con moito humor.

- Mozas-os e adultas-os:
"El azul es un color cálido" de Jul' Maroh. Editado por Dibbuks.
Novela gráfica na que se narra a historia de amor entre dúas mulleres. Unha historia chea de dificultades e paixón que zumega sensibilidade. 
Levada ao cine por Abdellatif Kechiche baixo o título "La vida de Adèle"
 
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

13/9/22

Ler conta moito e a Hora do conto en Bibloleiros (setembro-decembro 2022)

Unha tempada máis, as Bibliotecas Municipais de Oleiros organizan actividades de promoción da lectura dirixidas a nenas e nenos de 2 a 5 anos e a partir de 6 anos. A hora de realización de todas será ás 18:30 h. Nos meses de setembro a decembro, nas sete bibliotecas municipais levaranse a cabo 38 sesións de diferentes actividades infantís, como contacontos, concertos de música, sesións de maxia, etc., para fomentar á lectura e animar a que os nenos e nenas visiten as bibliotecas no seu tempo libre. Estas actividades realizaranse a través de narración ou dramatización dunha ou varias historias, pero tamén haberá música, maxia e outros espectáculos para atraer á lectura ao público infantil. Todos os actos terán un enfoque lúdico, fomentando a imaxinación e  a creatividade, como unha invitación a viaxar a un tempo máxico de ilusión e fantasía. Debido a que o aforo é limitado é imprescindible reservar praza na biblioteca en que se desenvolva cada unha das actividades. Isto pode facerse chamando por teléfono ou achegándose persoalmente. Poderanse inscribir desde dez días antes da data de realización. Contarase con Compañías como Trémola Teatro, Trinke Trinke, A Xanela do Maxín, Trécola Producións, Dezdedez, Bandullo Azul, Pinconús Teatro ou Tarabelos. Contadores/ras como Iván Davila, Lía Magalia, Raquel Galavís, O Maquinista ou David Méndez. Artistas como Pablo Díaz, Antón Ke, Paco Nogueiras, Solovoz ou Xoan Curiel. Magos/as como Leo Leíño e Pedro Bugarín. Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e en colaboración coas Bibliotecas Municipais de Oleiros, pero tamén se planificaron outras exclusivamente municipais para completar a programación destes meses. Os obxectivos que se intentan conseguir son fomentar a lectura a través do pracer e o gusto por esta, que se divirtan escoitando contos, facer novas lectoras e lectores ou consolidarlles este hábito e promover o descubrimento da diversidade dos libros. Preténdese introducir as nenas e os nenos no mundo dos libros a través dunha lectura que poidan comprender, coa que gocen e se entreteñan. Tratarase de espertar unha sensibilidade que faga descubrir o pracer que pode proporcionar a lectura, para que vexan que tamén se divirten e pasan momentos agradables cos libros. Poden solicitar a información en calquera das sete bibliotecas municipais e nesta ligazón.

Querida Saleta, sempre estarás nos nosos corazóns!

O Concello de Oleiros, e en especial o persoal das bibliotecas municipais, mostra a súa tristeza polo pasamento da prezada Saleta Goy, viúva do escritor Manuel María e presidenta da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, promovida por ela mesma para conservar o legado do poeta, e manifestan as condolencias pola súa desaparición.

Desexan destacar a súa vinculación coas bibliotecas de Oleiros debido á homenaxe que o Concello realizou, o 19 de febreiro de 2005,  ao escritor Manuel María, ao que asistíu Saleta, acto no que se denominou á biblioteca que sirve ás-aos habitantes da parroquia de Oleiros como Biblioteca Pública Municipal Manuel María, pero tamén pola sempre disposta e aberta colaboración do autor con diferentes actividades de promoción da lectura e encontros literarios promovidos polas bibliotecas, aos que a maioría das veces acudíu acompañado da súa compañeira. Saleta e Manuel María compartiron 45 anos de vida e de intensa actividade cultural. Clica na ligazón para coñecer as obras de Manuel María nas Bibliotecas Municipais de Oleiros.

Querida Saleta, sempre estarás nos nosos corazóns!

 A terra faise en tí,
Saleta, sotileza,
chama apaixonada
e transparente,
levidade de neve,
torrente e forza
de seiva poderosa,
música de vento
entre abelairas,
raio máxico de lua,
murmurio de regueiro,
flor de cerdeira
ou pinga de orballo
emocionada, tremando
sobor do pálido rubor
da rosa namorada.

Manuel María: Os lonxes do solpor (1993)

12/9/22

En lembranza de Javier Marías

O Concello de Oleiros, e en especial o persoal das bibliotecas
municipais, mostra a súa tristeza polo falecemento do escritor Javier Marías e manifestan as súas condolencias pola desaparición deste magnífico autor.
Desexan destacar a gran calidade da súa produción literaria, sendo considerado como o mellor escritor español das últimas décadas, con obras tan importantes como Los enamoramientos coa que rexeitou o premio Nacional de Narrativa en 2012, Corazón tan blanco pola que recibiu o premio da Crítica en 1993, que tamén lle entregaron por Berta Isla en 2018, con El hombre sentimental outorgáronlle o premio Herralde no 2000, con Todas las almas o premio Ciudad de Barcelona e foi finalista do Medicis. Outras das súas obras foron: Mañana en la batalla piensa en mí, Tu rostro mañana, Negra espalda del tiempo, Así empieza lo malo, a súa primeira obra publicada Los dominios del lobo, ou o seu último libro ¿Será buena persona el cocinero? que é unha recompilación das columnas que publicou entre 2019 e 2021 en El País Semanal. A súa última novela foi Tomás Nevinson coa que recuperou ao espía protagonista de Berta isla. Simultaneou a escritura coa docencia na Universidad Complutense e a tradución. En 1979, a súa versión de Tristam Shandy, de Laurence Sterne, recibiu o Premio Nacional.
Tamén contou con galardóns tan importantes como o Rómulo Gallegos, o primeiro autor non americano en recibir este premio, o de Literatura Europea, o Nelly Sachs e o último gran novelista español nomeado para o Premio Nobel de Literatura. Javier Marías coincidiu coa coordinadora das bibliotecas municipais de Oleiros na entrega dos Premios Liber, o 5 de setembro de 2017, concedidos pola Federación de Gremios de Editores de España (FGEE). El recibiu o Premio Liber 2017 ao autor hispanoamericano máis destacado “pola súa aportación á modernización da novela en español e pola natureza cosmopolita da súa obra literaria, como así o demostran as numerosas traducións ás principais linguas do mundo”. Nese mesmo acto, o Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros recibiu o Premio ao Fomento da Lectura en bibliotecas abertas ao público. 

Clica nesta ligazón para coñecer os títulos de Javier Marías que podes levar en préstamo das bibliotecas municipais de Oleiros. No vestíbulo da Biblioteca Central Rialeda (Perillo) podes contemplar a expo bibliográfica que lle dedicamos.

Sempre o lembraremos a través da súa excelente produción literaria.