 "Papá, ¿vamos a ver la Luna esta noche?" de Héctor Anoro, ilustrado por Montse Clotet. Editado por La Galera.
"Papá, ¿vamos a ver la Luna esta noche?" de Héctor Anoro, ilustrado por Montse Clotet. Editado por La Galera.Un álbum ilustrado que parte do feito real de contemplar a Lúa pola noite o autor e a súa filla maior.
Un pai e unha nena pequena toman por costume saír a observar a Lúa diversas noites en días sucesivos.
A
 nena pregúntalle ao pai se lles responderá. A primeira noite que saíron
 a vela estaba moi pequena e moi lonxe. Preguntáronlle se quería ser 
amiga súa, pero non lles respondeu. A segunda noite xa era máis grande. A
 terceira estaba algo tapada polas nubes polo que non a vían ben. Na 
cuarta era unha lúa distinta. Na quinta era moi grande, totalmente 
redonda e parecía que se achegaba a eles...
Dialogando,
 respondendo a preguntas, xuntos descobren as fases da Lúa. Mentres o 
pai pretende explicarlle de forma sinxela este fenómeno astronómico, a 
nena intenta falar con ela, enviarlle un bico, así podemos descubrir 
tipos de bicos con sabor a Lúa.
Unha
 historia fermosa sobre a relación dunha nena co seu pai no xogo de saír
 a contemplar a lúa. Como a lúa irá cambiando, ata converterse nun 
personaxe infantil máis.
Álbum seleccionado pola OEPLI en 2022 para menores de 6 anos.
"El retrato de casada" de Maggie O’Farrell. En Libros del Asteroide.
Versión dixital en eBiblio
Obra de ficción inspirada en datos históricos na breve vida de Lucrezia de Medici.
En
 Florencia, a mediados do século XVI, preséntanos a Lucrezia, a terceira
 filla do gran duque Cosimo de Medici, unha nena diferente: soñadora, 
rebelde, perspicaz e cunhas grandes habilidades para o debuxo. Leva unha
 vida discreta ata que falece súa irmá María, uns anos maior que ela e 
que ía casar con Alfonso d’Este, primoxénito do duque de Ferrara. Ao 
falecer súa irmá, o duque pide a man de Lucrezia, cando aínda non 
cumprira os 13 anos. Seus pais aceptan. Non ven inconveniente en que só 
teña esa idade e en que o prometido sexa doce anos maior que ela. Con só
 quince anos casa con Alfonso II d’Este, xa duque de Ferrara debido a 
que lle faleceu o pai. Convértese en duquesa e é trasladada a este 
ducado.
Pero, como é o seu
 home? Ela non o coñece, a veces parece sensible e comprensivo, outras 
un déspota desapiadado. O que si se sabe é o que se agarda dela. Ten que
 proporcionar un herdeiro ao ducado o antes posible, para asegurar a 
continuidade do título. É unha muller que só a queren para que teña 
fillos. Todos están de acordo con isto: desde a propia nai, o pai e por 
suposto o marido. Ao final da obra hai unha nota da autora na que 
describe os datos históricos nos que se baseou, os cambios que realizou e
 diversos detalles arrepiantes sobre a vida e a morte dalgunhas mulleres
 citadas no libro. Tamén menciona o poema “Mi última duquesa” de Robert 
Browning (escritor inglés do século XIX), que se considera que se 
inspira en Alfonso II d’Este, duque de Ferrara. Unha emotiva novela 
dunha adolescente para a que o matrimonio é o seu único destino, que 
tivo que aprender a sobrevivir nunha corte turbulenta e que mostra como 
era Florencia e Ferrara na época do Renacemento.
A
 narración non é lineal, nin cunha orde cronolóxica, pero isto é 
superado polas excelentes descricións e o reais que parecen os 
personaxes. A historia vai envolvendo ao lectorado nunha atmosfera 
inquietante que o vai atrapando. Cun estilo preciso e evocador, describe
 os lazos familiares, as intrigas políticas, o papel da muller na época.
 Unha obra ben escrita, conmovedora, cunha reflexión sobre a vida e a 
morte das mulleres nesta época.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

 


