9/7/21

Recomendacións en Radioleiros: 9 xullo 2021

- Infantil (de 12 anos en adiante):
"De como o Santo dos Croques se fai peregrino" de Pepe Carballude. En SM.
A escultura do Mestre Mateo e un par de figuras do Pórtico da Gloria cobran vida e póñense a facer o Camiño de Santiago o cal provoca un problema de carácter policial. Humor e imaxinación neste libro pertencente á mostra “Segue a frecha” que podes ver actualmente en Rialeda.

- Mozas-os e adultas-os:
"Hijos de Febrero" de Alan Parks. Editado por Tusquets.
O Glasgow dos primeiros setenta é a paisaxe desta trama policiaca que nos trae ao axente Harry McCoy. Unha cidade obreira nun frío mes de febreiro que nos levará varias décadas atrás sempre acompañados de té, tabaco e cervexa.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

Leo Leiño en Ler conta moito na Biblioteca Municipal Xograr Mendiño (Lorbé) 08/07/2021

Gravación do espectáculo “A peregrina máxica” que puidemos ver na sesión de Ler conta moito na Biblioteca Municipal Xograr Mendiño (Lorbé) o 8 de xullo a cargo de Leo Leiño.

Podes velo (ata as 11:30 do 11/07) clicando nesta ligazón: QueroContosDeLeoLeiño!

Lecturas de verán para rapazada inqueda na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz)

Se estás aburrida-o, cansa-o, se necesitas que alguén che cambie ese día “non tan bo”, desde a Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz), Ana e Mª José, estamos decididas a axudarche con estas pílulas de vitamina lectora.

Achégate ata a biblioteca e seguro que atoparás ese libro “diferente”!!!
Clica na imaxe e verás os títulos que non te poderás perder.

7/7/21

Presentación do libro “La serenidad y las palabras” de Miguel A. Castro

O pasado xoves 1 de xullo realizouse a presentación do libro “La serenidad y las palabras” de Miguel A. Castro, no Teatro As Torres (Santa Cruz), organizado polo Sistema de Bibliotecas Municipais do Concello de Oleiros.

Presentou o acto a concelleira de Cultura Esther Garrido, que fixo referencia á importancia de actos como este no que escritoras-es noveles se dan a coñecer e que cobran máis trascendencia cando son veciñas-os do Concello.

Seguiron as intervencións de Héctor J. Castro, sobriño do autor e tamén escritor, e do propio autor que fixo unha semblanza da novela. 
Desvelounos unha historia de amor literario, que ten como fío condutor a un narrador que parte da infancia para evocar, percibir e soñar desde a distancia e o esquecemento.
Podes ver algunha foto deste acto clicando na imaxe.

6/7/21

Natureza na Biblioteca Municipal Mª José Trincado (Mera)

Este verán, máis que nunca, natureza na Biblioteca Municipal Mª José Trincado (Mera)!!!

Agora que voltamos ao contacto coa natureza polos beneficios para a nosa saúde física e psíquica, desde a Biblioteca de Mera animámosvos a visitar a nosa mostra de libros sobre natureza, especialmente dirixida á rapazada e as súas familias.