26/7/13

Recomendacións en Radioleiros: 26 de xullo

-Infantil (menores de 6 anos):
"Luna llena" de Antoine Guilloppé, en Macmillan.
Fermoso e espectacular álbum, realizado totalmente en branco e negro para acentuar máis o contraste, coas ilustracións troqueladas con láser, de forma que parecen belidos encaixes. É unha noite de lúa chea e hai algo que alerta aos animais do bosque. Que é ese ruído que os esperta? Baixo a temática da natureza, os animais e o misterio temos un espléndido libro para ler, mirar, regalar e sobre todo gozar con el.
Magnífica obra deste ilustrador francés no que combina unha tenra e sinxela historia cun excelente traballo para a elaboración do libro.

- Mozos/as e adultos/as:
"La ecuación de la vida" de Yasmina Khadra, editado por Destino
Novela de aventuras e ao mesmo tempo de suspense e intriga, narrada en primeira persoa polo protagonista, Kurt Krausmann, un médico alemán que leva unha vida tranquila e feliz,
casado con Jessica, da que está moi namorado, pero ela ultimamente volvérase moi distante, o que lle provoca a el un gran desasosego e preocupación, ata que un drama familiar o leva á desesperación.
Por este motivo, Hans, un amigo, invítao a que o acompañe nunha misión humanitaria, viaxar ás Illas Comoras, onde ten a intención de equipar un hospital para unha organización caritativa da que é membro. Pero, no transcurso desta viaxe, cerca da costa somalí, o barco é asaltado por piratas. Kurt e Hans son secuestrados e trasladados dun campamento clandestino a outro, vivindo en  lugares insalubres e en moi malas condicións e levando unha vida infrahumana. Obra que atrapa ao lector presentando uns europeos que se enfrontan a un mundo descoñecido, no que manda a violencia, a tortura e a arbitrariedade. O autor intenta achegarnos un pouco a África,  presentándonos as terribles situacións de guerra e pobreza, un continente de miseria e violencia, pero ao mesmo tempo cuns habitantes que teñen unha gran alegría de vivir.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo,todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.