24/2/24

Presentación da obra "De entre as tebras" de Alex Pernas: 29 febreiro 2024

Xoves 29 de febreiro ás 19 h.

Intervirán: o autor Alex Pernas e escritor Alfonso Ricoy Devesa.

De entre as tebras é unha obra de relatos que, partindo dos seres e lugares da mitoloxía de Galicia, amosa o máis escuro da condición humana nuns textos nos que nada é o que semella.

A través de diferentes épocas e viaxando entre o urbano e o rural, fai un percorrido polo territorio galego escoitando, na propia voz de moitas das protagonistas e cos trazos dialectais que as caracterizan, a realidade que hai detrás dos contos de demos, trasnos, espíritos e meigas.

Alex Pernas desenvolve a súa carreira coma enxeñeiro de software. No ámbito cultural formou parte de varias formacións musicais, estando na actualidade na banda de metal Oymyakon. De entre as tebras é o seu terceiro libro, despois da publicación da novela Xarfas e do libro de relatos A Paga.

Desde as bibliotecas municipais invítase a todas as persoas que desexen asistir, ata completar o aforo.

23/2/24

23 de febreiro: Día de Rosalía de Castro

23 de febreiro: Día de Rosalía de Castro en Bibloleiros
Ese amor que ela aqueceu e proxectou é un alento que aínda hoxe mapea horizontes, abre porvires e renace día a día en cada persoa que levanta a cabeza para que Galiza exista, nun mundo mellor, diverso e igualitario. Un mundo, en fin, máis rosaliano. Do manifesto Rosalía: o amor da patria galega de Carlos Callón para a AELG.
O 23 de febreiro conmemoramos o Día de Rosalía de Castro, data do seu nacemento. Rosalía de Castro é un símbolo para o pobo galego, unha das grandes poetas da literatura galega e española do século XIX e unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento galego. Un ano máis, as Bibliotecas Municipais de Oleiros xuntámonos á iniciativa que promove a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega  e celebramos o aniversario do nacemento da autora. A  AELG propón á cidadanía desde 2010 que agasalle un libro en galego e unha flor. O lema escollido para este 2024 foi #oamordapatriagalega.
En 2024 Carlos Callón foi a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, (sábado 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, Santiago de Compostela). Podes ler o manifesto nesta ligazón e ao carón da expo adicada á Rosalía de Castro no vestíbulo da Biblioteca Central Rialeda (Perillo).
Actividades en Bibloleiros para conmemorar este día:
Xoves 22 de febreiro, ás 18:30, sesión de contacontos para crianzas a partir de 5 anos a cargo de Antón Ke titulada "Cantares gallegos ao ukelele".
Exposición de libros e cedés musicais "Por un mundo + rosaliano".
Día de Rosalía 2024 na Biblioteca "Rosalía de Castro" (Santa Cruz)
- Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz): as crianzas de 5 anos en adiante poden gozar dunha sesión da Hora do conto adicada a Rosalía o mércores 21 de febreiro ás 18:30 a cargo de Trémola Teatro titulada "A miña historia".
Actividade “Rosalízate” cun “caldiño de groria” a base de poemas de Rosalía.
- Biblioteca Municipal "Mª José Trincado" (Mera): Mostra bibliográfica da obra rosaliana.
Día de Rosalía 2024 na Biblioteca "Manuel María" (Oleiros)
- Biblioteca Municipal "Manuel María" (Oleiros): do 19 ao 29 de febreiro, mostra bibliográfica para todos os públicos “23 de febreiro, Día de Rosalía” con obras de Rosalía de Castro. Actividade para o público infantil “Pintamos a Rosalía”, no que as crianzas poderán colorear o retrato de Rosalía de Castro. Con todos os debuxos farase un mural.
- Biblioteca Municipal "Mª José Ruso" (Dorneda): Mostra "Por sempre Rosalía", coa obra de Rosalía e doutros autores que lle adican o seu especial homenaxe a través da música ou a fotografía. As crianzas disporán de diversos pasatempos para xogar e aprender sobre a autora.
- Biblioteca Municipal Ánxel Fole (Nós), as crianzas de 2 a 4 anos poderán gozar da sesión "Rosalía pequena" con Ramiro Neira, o venres 23 de febreiro ás 18:30. Exposición de libros infantís de e sobre Rosalía, marcapáxinas para pintar a Rosalía e pasatempos.
- Biblioteca Municipal "Xograr Mendiño" (Lorbé): Expo de recursos bibliográficos de e sobre Rosalía de Castro. Debuxos para colorear cunha pequena biografía de Rosalía para repartir ás crianzas.

Recomendacións en Radioleiros: 23 febreiro 2024

Recomendacións en Radioleiros: 23 febreiro 2024"A visita", texto de Núria Figueras e ilustracións de Anna Font- Infantil (crianzas a partir de 4 anos):
"A visita" de Núria Figueras, ilustrado por Anna Font. En Kalandraka.
A raposiña queda soa na cova e recibe a visita do silencio. Pasan a tarde e a noite xuntos moi a gusto ata que regresa a nai da raposiña ao luscofusco. Fermoso e orixinal álbum ilustrado que combina unha tenra narración cun cromatismo desbordante. Obra gañadora do XVI Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados.

"Cometierra" de Dolores Reyes- Mocidade e persoas adultas:
"Cometierra" de Dolores Reyes. Editado por Sigilo.
Novela breve e intensa, ambientada na profundidade do Conurbano bonaerense, que narra en primeira persoa a historia de Cometierra.
Cometierra é unha moza que ten visións sobre persoas desaparecidas. Pode ver o que lles sucedeu tragando a terra que estivo en contacto con elas. Moitas veces están mortas, outras veces secuestradas e case sempre son mulleres. De feito na súa primeira visión, de nena, Cometierra descubríu que súa nai fora brutalmente asasinada polo seu pai. As visión que ten Cometierra fan a súa vida moi difícil porque ela vive nun barrio onde a violencia, o desamparo e a inxustiza abrollan en cada recuncho. Por riba, cada vez son máis as persoas que acoden a ela desesperadas buscando aos seus seres queridos ante a neglixencia da policía e ela sinte a carga do seu don. Na persecución da verdade, no descubrimento do amor, no coidado entre irmáns Cometierra buscará o seu propio camiño. A autora adica esta novela á memoria de Melina Romero e Araceli Ramos, ás vítimas de feminicidio e ás súas sobrevivintes.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

Hora do conto: 28 de febreiro a 1 de marzo de 2024

Hora do conto: 28 de febreiro a 1 de marzo de 2024
- Aforo limitado: chama á biblioteca na que se realiza a actividade e reserva a túa praza. 
Podes inscribirte desde 10 días antes da data de realización de cada unha das mesmas. 

Mércores 28 de febreiro, ás 18:30
Para crianzas de 2 a 4 anos Aforo completo!!!
ESPECTÁCULO: “Cantos contos canto”
CONTACONTOS: Pablo Díaz

Xoves 29 de febreiro, ás 18:30
Para crianzas de 2 a 4 anos Aforo completo!!!
ESPECTÁCULO: “Fábulas”
CONTACONTOS: Ramiro Neira

Venres 1 de marzo, ás 18:30
Para crianzas a partir de 5 anos (Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 628 507)
ESPECTÁCULO: “Rebeldes”
CONTACONTOS: Ramiro Neira
AVISO
A-o adulta-o responsable de cada menor de idade deberá permanecer necesariamente no recinto da biblioteca ata que remate a actividade e recolla a-o nena-o.

Actividades de promoción da lectura: 27 de febreiro a 1 de marzo 2024

Actividades de promoción da lectura: 27 de febreiro a 1 de marzo 2024
Programa de actividades de promoción da lectura
que Bibloleiros organiza para os centros de ensino do Concello, de 27 de febreiro a 1 de marzo:

Martes 27 de febreiro:
- 10:15 alumnado de 4º de EP e 11:45 alumnado de 3º de EP do CEIP Valle-Inclán (Perillo).
"Preparados, listos, xa!" con Ramiro Neira.
Mércores 28 de febreiro:
- 10:15 alumnado de 2º EP do CEIP Valle-Inclán (Perillo).
"Preparados, listos, xa!" con Ramiro Neira.


Martes 27 de febreiro:
- 10:15 alumnado de 3º de EP e 12:00 alumnado de 4º de EP do CEIP Juana de Vega (Nós).
"Contacontos en verso para nenas e nenos" con Yolanda Castaño.
Mércores 28 de febreiro:
- 10:00 e 11:40 alumnado de 3º de ESO do IES Miraflores (Oleiros).
"Muller, poeta en galego" con Yolanda Castaño.
Xoves 29 de febreiro:
- 10:15 alumnado de 3º de EP e 12:00 alumnado de 4º de EP do CEIP Luís Seoane (Mera).
"Rosalía pequena" con Ramiro Neira.
Venres 1 de marzo:
- 10:15 alumnado de 6º de EI do CEIP Parga Pondal (Santa Cruz).
"Sorpresa!" con A Xanela do Maxín.

Venres 1 de marzo:
- 10:15 e 11:45 alumnado de 2º de EP do CEIP Rabadeira (Oleiros).
"Preparados, listos, xa!" con Ramiro Neira.

20/2/24

Ler para saber A CIENCIA: 1 de marzo 2024

Ler para saber A CIENCIA: 1 de marzo 2024Charla de divulgación científica dirixida á poboación infantil (a partir de 10 anos), adolescentes e público en xeral.

Día: Venres, 1 de marzo.
Lugar: Biblioteca Central Rialeda (Perillo).
Hora: 18:30 h.

A importancia da conservación dos océanos
Sebastián Losada FigueirasEcoloxista e activista. Licenciado en Ciencias do Mar. Asesor de Greenpeace Internacional.

Rialeda, poesía da natureza


 O Concello de Oleiros edita unha publicación sobre o edificio da biblioteca Rialeda e as árbores do seu xardín.

A Biblioteca Central Rialeda está situada nun edificio modernista proxectado no ano 1912 polo arquitecto coruñés Rafael González Villar e restaurado polo Concello de Oleiros a través de dúas escolas taller, inaugurándose como biblioteca en 1998.

Rodeada dun agradable xardín con gran diversidade de árbores e arbustos, no que destacan un cedro do Himalaia e frondosos tileiros, pódense atopar especies variadas, desde castiñeiros ata outras moi adaptadas ao noso territorio, como son as camelias ou as magnolias.


 
En "Rialeda, poesía da natureza" amósase unha fotografía e a descrición da planta acompañada duns versos da obra de diversos escritores e escritoras.

Os textos das árbores e arbustos foron realizados por Fina Mosquera Roel, profesora de ensinanza primaria no colexio Valle Inclán de Perillo.



As fotografías e o deseño son de Miguel Sánchez Mosquera que estudia Bachelor of Arts de fotografía e vídeo en LABA Valencia School of Art Design & New Media.

A coordinación e a selección das poesías foi realizada polo persoal da Biblioteca Central Rialeda.

Deséxase potenciar a cultura de unir ciencia e literatura e invítase a que visiten a biblioteca e gocen do apracible parque.



Tertulia literaria en Rialeda: mércores 21 febreiro 2024 (Grupo A)

Biblioteca Central Rialeda. Perillo.
17:30 a 19:30 h.

Sesión moderada por Cecilia Monllor.

Comentario de "El árbol del olvido" de Nancy Huston.
Documentación.

Ao remate da sesión entregaráse a seguinte lectura: "As malas mulleres" de Marilar Aleixandre.

18/2/24

Tertulia literaria en Mera: luns 19 febreiro 2024 (Grupo B)

Biblioteca "María José Trincado". Mera.
19 a 20:30 h.

Sesión moderada Rosa García Vilariño, profesora xubilada de lingua e literatura galegas.

Comentario de "A nena do abrigo de astracán" de Xabier P. Docampo.
Documentación.

Ao remate da sesión entregaráse a seguinte lectura: "La uruguaya" de Pedro Mairal.