4/10/24

Hora do conto e Ler conta moito: 7 a 11 de outubro 2024

Hora do conto e Ler conta moito: 7 a 11 de outubro 2024
- Aforo limitado: chama á biblioteca na que se realiza a actividade e reserva a túa praza. 

Podes inscribirte desde 10 días antes da data de realización de cada unha das mesmas. 

Biblioteca Pública Municipal Mª José Ruso (Dorneda)
Luns 7 de outubro, ás 17:30 
Para crianzas a partir de 6 anos (Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 626 638)
OBRADOIRO: “Creamos o noso pop-up”
MONITORADO: Xogando nas nubes

Biblioteca Pública Municipal Manuel María (Oleiros)
Martes 8 de outubro, ás 18:30 
Para crianzas a partir de 5 anos (Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 610 700)
OBRADOIRO: “A gaita galega”
MONITORADO: Antón Ke

Biblioteca Pública Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz)
Mércores 9 de outubro, ás 18:30  
Para crianzas a partir de 5 anos (Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 626 338)
ESPECTÁCULO: “Contos para caghar patatillas”
CONTACONTOS: Brais das Hortas

Biblioteca Central Rialeda (Perillo)
Xoves 10 de outubro, ás 17:30  
Para crianzas-os a partir de 6 anos (Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 639 511)
OBRADOIRO: “Unha arte delicada: a papiroflexia”
MONITORADO: Miguel Cortés

Biblioteca Pública Municipal Ánxel Fole (Nós)
Venres 11 de outubro, ás 18:30  
Para crianzas a partir de 5 anos (Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 664 257)
ESPECTÁCULO: “Letras máxicas”
CONTACONTOS: Mago Javier Muro

Biblioteca Pública Municipal Mª José Trincado (Mera)
Venres 11 de outubro, ás 18:30  
Para crianzas a partir de 5 anos (Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 628 507)
ESPECTÁCULO: “Maxia tola e lectora”
CONTACONTOS: Leo Leíño
AVISO
A-o adulta-o responsable de cada menor de idade deberá permanecer necesariamente no recinto da biblioteca ata que remate a actividade e recolla a-o nena-o.

Recomendacións en Radioleiros: 4 outubro 2024

- Infantil (a partir de 6 anos):

La guerra ¡no es para mí!, de Éric Battut
Blume

Narrado en primeira persoa por Baki, o rei da pelota, un neno de 12 anos. Ten os mesmos que a guerra civil que soporta o seu país.

Unha mañá uns soldados chegaron á localidade onde vivía, rexistraron as casas e obrigárono a ir con eles. Dixéronlle "es forte! serás un bo soldado!", el preguntouse, “Será que os nenos aos 12 anos xa son soldados en todos os países?”.

Chegaron a un poboado nun claro dun bosque e ensináronlle a disparar cunha metralleta, non era de xoguete! Pola mañá puxeron rumbo as montañas, a súa arma pesaba tanto como el, pero, a pesar diso, tratou de seguir o ritmo dos demais soldados. Produciuse un combate, pola noite intentou durmir, aínda que fóra cun só ollo. Ao lonxe escoitábanse uns helicópteros que disparaban. Pola mañá volveron a atacalos, perderon a batalla. Tiveron que entregar as armas, a súa non chegou a disparar a ninguén. Leváronos a un bosque, pero el conseguiu escapar e unirse a unha fila de refuxiados. Viviu varios meses nun campamento de refuxiados baixo a protección da ONU. Alí aprendeu a ler e a escribir. Agora ten 25 anos e é Baki o mestre…

Unha fermosa obra que fala dos nenos soldado, da monstruosidade da guerra, pero cun toque de esperanza e un final feliz: el aprendeu a ler e a escribir e agora é o mestre da súa localidade.
Cunhas ilustracións moi coloridas, nas que predominan as cores vermella, amarela e negra e uns debuxos que parecen infantís, mergúllanos na historia dun neno que non quere a guerra.
Dinos “A paz é unha ave moi fráxil”.

- Mocidade e persoas adultas:

El infinito en un junco: la invención de los libros en el mundo antiguo, de Irene Vallejo
Siruela

Versión dixital en eBiblio
Audiolibro en eBiblio

Publicado en 2019, foi un fenómeno editorial, principalmente por tratarse dunha obra de ensaio de 449 páxinas que fala do libro no mundo antigo. Inicialmente ninguén agardaba que tivera tanto éxito. Van un millón de exemplares vendidos, con traducións a 35 idiomas e séguese a falar del.

Trata sobre a historia do libro como obxecto, sobre todo no mundo antigo, aínda que chega ata a actualidade. Céntrase principalmente en dúas cidades: Alexandría e Roma, sen esquecerse de Mesopotamia como a testemuña máis antiga da escritura, pasando pola invención da imprenta e ata chegar ao mundo editorial actual. 


Presenta a gran supervivencia, ao longo dos séculos, dun elemento tan fráxil como un libro e as persoas que se esforzaron en salvalos, como garantía para toda a humanidade. Segundo nos di a autora, todo o que somos non se vai desvanecer no esquecemento, di tamén que é incrible como un simple xunco, transformado en papiro, cambiou a nosa capacidade para transmitir ideas ao longo do tempo e do espazo.


Ofrece mitoloxía, anécdotas de escritores, historias de bibliotecas, contadores de contos e de lectores,

resaltando o papel dos libros como vehículos de coñecemento, liberdade e resistencia fronte á censura e ao esquecemento. Dinos que os relatos antigos, os mitos e os libros non só están feitos de datos ou de información, senón tamén das emocións humanas, das nosas fraxilidades e esperanzas. Interésalle reflexar aspectos relacionados coa actualidade, unindo os clásicos co mundo contemporáneo e conectándoos con debates actuais: Aristófanes e os procesos xudiciais contra humoristas, Safo e a voz literaria das mulleres, por citar só algúns. Tamén compara obras do mundo antigo con películas, sempre reivindicando a importancia do papel das humanidades neste mundo tecnolóxico.


Estamos ante unha declaración de amor aos libros, cunha linguaxe precisa, evocadora, que transmite
emoción. É unha obra moi fermosa e interesante.

Para as persoas que non lles apeteza ler as máis de 400 páxinas desta edición, pero que si teñan interese
por este tema, recomendamos, a obra gráfica El infinito en un junco coa adaptación do texto e as ilustracións de Tyto Alba, publicada en Penguin Random House en 2023. Unha magnífica adaptación, que selecciona moi ben os aspectos máis salientables da obra orixinal.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

3/10/24

Clubs de lectura e Tertulias Literarias en Rialeda, Oleiros e Mera: datas de inscrición

Na Biblioteca Central Rialeda, en Perillo, haberá dous grupos, con 19 persoas por grupo que se reunirán quincenalmente os mércores, ás 17:30 h. Cada sesión durará dúas horas. A inscrición abrirase o venres, 4 de outubro, ás 8:30 h. e poderán realizala en liña no seguinte enlace https://t.ly/0ZBTm, a través do teléfono 981 639 511, ou persoalmente na biblioteca.

Na Biblioteca Municipal Mª José Trincado de Mera haberá dous grupos, con 15 persoas por grupo que se reunirán mensualmente un luns ao mes, ás 19 h. A actividade durará 90 minutos. A inscrición abrirase o martes, 8 de outubro, ás 16:15 h. e poderán realizala en liña no seguinte enlace https://t.ly/r9rUb, a través do teléfono 981 628 507, ou persoalmente na biblioteca.

Na Biblioteca Municipal Manuel María de Oleiros haberá un grupo, con 15 persoas que se reunirán mensualmente un xoves ao mes, ás 11 h. A actividade durará 90 minutos. A inscrición abrirase o luns, 7 de outubro, ás 16:15 h. e poderán realizala en liña no seguinte enlace https://t.ly/mWwKb, a través do teléfono 981 610 700, ou persoalmente na biblioteca.
 
As persoas solicitantes sen praza formarán parte dunha lista de agarda.
Non se admitirán solicitudes previas á data sinalada.
Poden inscribirse todas as persoas maiores de 18 anos que desexen participar.
Teñen prioridade as persoas empadroadas no Concello de Oleiros.
A actividade remata no mes de xuño de 2025.

Comentaranse obras de distintos xéneros literarios, principalmente narrativa contemporánea, pero tamén se le poesía, teatro e ensaio, nun ambiente de familiaridade, procurando o lado formativo e á vez, lúdico da lectura. O principal obxectivo é animar a ler lendo, gozar da literatura como un desenvolvemento da capacidade de creación e comunicación a través da lectura, de maneira que compartindo ideas, reflexionando sobre temas diversos poidamos enriquecernos cos diferentes puntos de vista.

Ler para saber A CIENCIA: outubro - decembro 2024

Ler para saber A CIENCIA: outubro - decembro 2024
Charlas de divulgación científica
dirixidas a nenas e nenos, a partir de 10 anos, adolescentes e para público en xeral.
Hora: 18:30 h.

- 11 de outubro
Os fungos. Curiosidades
Explicará a importancia dos fungos, calidades dos fungos, cales son tóxicos, a súa relevancia desde o punto de vista ecolóxico, etc.


- 8 novembro
Isabel Zendal e a expedición Balmis
Profesora da Universidade da Coruña no Departamento de Bioloxía
Tratará sobre a expedición que levou a vacina da varíola a América no século XIX.

- 13 decembro
Limpar de antibióticos o medio ambiente
Graduada en Bioloxía e Química, estudante de doutoramento na UDC
Falará sobre os antibióticos que se lle dan aos animais e o seu impacto na agricultura.

2/10/24

Presentación de "Los secretos del árbol" de Bego Gayoso: 3 outubro 2024

Xoves 3 de outubro ás 19 h.

Intervirán: a autora: Bego Gayoso; a especialista en Pedagoxía Sistémica: Charo López Amor.

Los secretos del árbol é unha obra que indaga na historia da familia da autora. Todos os personaxes, lugares e acontecementos son reais, pero están narrados buscando que o lector se sinta identificado coa vivencia.

Bego Gayoso é economista e Máster en COMEX. Desenvolveu a súa carreira na empresa privada e na Xunta de Galicia durante unha década. A raíz da súa maternidade emprende un profundo proceso de transformación persoal, tras descubrir a psicoxenealoxía e o transxeneracional, que lle axudan a comprender moitos dos conflitos e repeticións que vivía na súa vida. Decide cursar un posgrado en Bioneuroemoción e fórmase en PNL e Life Coach para dedicarse de cheo a compartir os seus descubrimentos e reflexións, de forma pública, e axudar a outras mulleres a resolver os seus conflitos, exercendo como terapeuta e escritora desde hai dez anos.

Desde as bibliotecas municipais invítase a todas as persoas que desexen asistir, ata completar o aforo.