10/6/23

Tertulia literaria en Mera: luns 12 xuño 2023

Biblioteca "María José Trincado". Mera
19 a 20:30 h.

Comentario de "Un señor elegante" de Suso de Toro
Coa colaboración da profesora xubilada de lingua e literatura galegas Rosa García Vilariño
Documentación

Con esta sesión remata esta primeira tempada de tertulia literaria na Biblioteca de Mera. Agradecemos a todas e todos os participantes a súa fidelidade. Voltamos en outubro!

9/6/23

Recomendacións en Radioleiros: 9 xuño 2023

"¡Cuidado Lobo! Aquí hay alguien más malo que tú" texto de Jude Evans. Ilustracións de Lucy Semple
- Infantil (crianzas menores de 6 anos):Recomendacións en Radioleiros: 9 xuño 2023
"¡Cuidado Lobo! Aquí hay alguien más malo que tú" texto de Jude Evans. Ilustracións de Lucy Semple. Bruño.
Simpático álbum ilustrado, con follas troqueladas e lapelas despregables, de diferentes tamaños e formas, que gardan segredos para os máis pequenos.
Un lobo pensa que é o animal máis malo do libro. Cando o lobo ruxe “¡Vou a comervos!” ningún coello corre a esconderse, senón que lle din: ¡Sálvanos lobo feroz! ¡Hai un monstro neste libro! O mesmo sucede cos porquiños, que lle pediron que lles axudara a construír a súa casa. Ou coa avoa de Carapuchiña, que lle solicitou que lle axudara a arranxar a horta porque estaba toda queimada polo monstro e que rescatara o seu gato. Ante todo isto, o lobo decidiu enfrontarse ao seu rival, polo que o foi a buscar acompañado do resto dos animais...
Estamos ante unha divertida obra de aventuras, cunhas grandes e coloridas ilustracións e unha boa edición. Presenta un argumento que mestura e cambia diversos contos clásicos: Carapuchiña Vermella, Os tres porquiños, etc., na que o malo non é tan malo...
"Tokio Blues" de Haruki Murakami
- Mocidade e persoas adultas:

"Tokio Blues" de Haruki Murakami. Tusquets.
Dispoñible en eBiblio
Haruki Murakami é un escritor e tradutor xaponés, ao que lle acaban de conceder o Premio Princesa de Asturias das Letras.
Unha novela de temática psicolóxica, que trata os temas da perda dun ser querido na adolescencia e na mocidade e o da sexualidade. Narra varias historias de amor,  así como a inestabilidade emocional dalgunhas persoas, ao mesmo tempo que reflexa a educación sentimental da época. Desenvólvese no Tokio dos anos 60, co telón de fondo das protestas dos estudantes.
Narrada en primeira persoa polo protagonista Toru Watanabe, un home de 37 anos que cando aterriza nun aeroporto europeo escoita unha canción dos Beatles o que o fai retroceder á súa mocidade, ao Tokio de finais dos anos 60. Cando tiña 18 anos, acababa de ingresar na universidade para estudar literatura dramática. Non coñecía Tokio, polo que os pais, intranquilos, matriculárono nunha residencia de estudantes, na que so había mozos.
Lembra á inestable Naoko, moza do seu mellor amigo da adolescencia (Kizuki) e como o suicidio de este os distanciou durante un ano, ata que se reencontraron, pero ela tivo que ingresar nun centro de repouso.
O protagonista desde o suicidio do seu amigo, e ata que acabou os estudos no instituto, foi incapaz de atopar o seu lugar no mundo. Esa foi unha das causas das que o motivaron para que marchara a realizar os estudos universitarios a Tokio. O día en que a morte levou a Kizuki, tamén se levou parte del.
Na universidade lía a Claudel, Racine ou a Eisenstein, pero os libros non chegaban a interesarlle. Relía os seus autores favoritos: Truman Capote, Scott Fitzgerald, Raymond Chandler, etc. A obra que máis lle gustaba era O gran Gatsby de Fitzgerald e gustaríalle que aos outros mozos tamén lles gustara. Ata que un día, grazas a ese libro, coñeceu a Nagasawa, que estudaba dereito, dous cursos por encima del. Un mozo cunha gran intelixencia e un don innato de liderazgo, pero que pensaba que o mundo estaba cheo de mediocres.
A causa dunha folga na universidade, decide non contestar cando pasan lista, a causa disto, establece contacto cunha moza chamada Midori...
Watanabe segundo narra os acontecementos, vai falando de libros e de música. Coméntanos que libros está lendo e que cancións está escoitando. Cando vai ver a Naoko ao centro de repouso está lendo A montaña máxica de Thomas Mann. Na novela de Mann os protagonistas íllanse nun hospital para tuberculosos, na de Murakami íllanse nun centro de repouso debido a súa enfermidade mental e a que senten que non encaixan nesta sociedade.
O título orixinal desta obra en xaponés é Norwegian Wood, que é o dunha canción dos Beatles que lle gustaba moito a Naoko.
Estamos ante unha novela realista, de corte psicolóxico, escrita con palabras sinxelas e cunha linguaxe fluída.
Hai unha adaptación ao cine.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

7/6/23

8 xuño 2023: Charla do escritor Xesús Fraga cos grupos de lectura da Biblioteca de Santa Cruz

Biblioteca e Centro de Documentación da Muller "Rosalía de Castro"
17:30 h.

O escritor Xesús Fraga reunirase cos dous grupos das tertulias literarias da Biblioteca de Santa Cruz para falar do seu libro Virtudes (e misterios) polo que recibiu os premios Blanco Amor 2019 e o tan aclamado Premio Nacional de Narrativa 2021.

O acto estará presentado pola profesora de lingua e literatura galega Pepe Taboada, coordinadora das lecturas en galego dos dous clubs de lectura.

O libro deste betanceiro nado en Londres foi lido e comentado no seu momento en ambos os dous grupos de tertulia, polo que será unha ocasión moi especial para poder tratar co autor temas que despertaron moito interese entre os/as tertulianos/as.

A situación das mulleres na Galiza dos anos 60, as diferenzas entre a emigración americana e a europea, os retornados, a familia, etc. Temas que suscitaron debate e que Xesús Fraga poderá compartir con todos e todas grazas á súa experiencia persoal como fillo e neto de emigrantes retornados.

6/6/23

Tertulia literaria en Rialeda: mércores 7 xuño 2023 (Grupo B)

Biblioteca Central Rialeda. Perillo
17:30 a 19:30 h.

Comentario de "El señor Wilder y yo" de Jonathan Coe
Documentación

Con esta sesión remata a tertulia literaria neste grupo. Agradecemos a todas e todos os participantes a súa fidelidade. Voltamos en outubro!

5/6/23

Tertulia literaria en Santa Cruz: martes 6 xuño 2023 (Grupo A)

Biblioteca e Centro de Documentación da Muller
"Rosalía de Castro"

17:30 a 19 h.

Comentario de "La anomalía" de Hervé Le Tellier
Documentación

Con esta sesión remata a tertulia literaria neste grupo. Agradecemos a todas e todos os participantes a súa fidelidade. Voltamos en outubro!