O edificio Rialeda, do prestixioso arquitecto Rafael González Villar (1887-1941), autor de numerosos proxectos arquitectónicos na cidade da Coruña e o seu entorno, chega ao seu centenario. Rialeda é un edificio modernista. Unha casa moi atrevida no seu tempo, inspirada no movemento europeo da "Sezzesion vienesa", adaptada aos gustos da nacente burguesía urbana que comezaba a construír espléndidas casas de campo. Torres, ángulos, óvalos, claroescuros, azulexos, cores rechamantes... fan de Rialeda unha peza con engado.
Esta singular construción é desde o 21 de novembro de 1998 sede da Biblioteca Central Rialeda, cabeceira do Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do Concello de Oleiros, con premios como o da Irmandade do Libro, no ano 2012, na modalidade de Fomento da lectura, concedido pola Federación de Libreiros de Galicia ou o Premio Nacional María Moliner, no 2011, na categoría de Animación á lectura, concedido polo Ministerio de Cultura. O edificio, catalogado como patrimonio histórico-artístico municipal, está rodeado dun fermoso xardín con gran diversidade de árbores, no que destacan un cedro do Himalaia (cedrus deodara) e frondosos tileiros (tilia cordata). Ademais da xoia arquitectónica que representa o edificio en si mesmo, a Biblioteca Central Rialeda alberga na sala infantil un mural realizado, no ano 2009, polo ilustrador e prestixioso autor de banda deseñada Miguelanxo Prado.
Avanzamos os actos previstos para a conmemoración do centenario de Rialeda e aos que estades convidadas/os (todos terán lugar na Biblioteca Central Rialeda, en Perillo):
ACTIVIDADES INFANTÍS:
Todas as actividades para nenas e nenos serán ás 18:30 horas
Luns, 10 de decembro: Contacontos a cargo da actriz Soledad Felloza
“Ventá máxica”. Para menores de 4 anos.
Martes, 11 de decembro: Contacontos a cargo da actriz Paula Carballeira
“Contos para unha tarde de outono”. Para menores de 8 anos.
Xoves, 13 de decembro: Espectáculo de maxia a cargo do mago Chrystyan Magic
“Atrapado na torre”. Para nenas/os a partir de 10 anos.
Venres, 14 de decembro: Contos e cancións a cargo da Compañía Migallas
“Cantacontos”. Para nenas/os a partir de 8 anos.
ACTIVIDADES PARA MOZAS/OS E ADULTAS/OS:
Mércores, 12 de decembro, ás 20 horas
Mesa redonda: Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros; Henrique Seoane, arquitecto, coa presentación titulada “Rafael González Villar e a súa elegante arquitectura" e o escritor Manuel Rivas, co relatorio titulado “Resistencia erótica do libro”, e a actuación do Trío de Vento de Alumnos/as da Escola Municipal de Música do Concello de Oleiros.