21/7/23

Recomendacións en Radioleiros: 21 xullo 2023

"Por cuatro esquinitas de nada" de Jérôme Ruillier
Recomendacións en Radioleiros: 21 xullo 2023
- Infantil (menores de 6 anos):
"Por cuatro esquinitas de nada" de Jérôme Ruillier. En Juventud.
A Cadradiño encántalle xogar cos seus amigos os Redondiños. Un día Cadradiño atópase cun problema: todos entran na casa grande menos el que non pasa pola porta porque é redonda. Sinxela e preciosa metáfora sobre como deberían realizarse os cambios necesarios para a inclusión de todas as persoas na sociedade.
"Carol" de Patricia Highsmith
- Mocidade e persoas adultas:
"Carol" de Patricia Highsmith. Editado por Faktoría K.
Novela de amor entre mulleres, publicada por primeira vez en 1952 baixo pseudónimo, que desafiou os estereotipos sobre a homosexualidade lésbica e que se le coa mesma fascinada atención que espertan as súas novelas de suspense.

Consulta a dispoñibilidade da adaptación cinematográfica en Bibloleiros.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

19/7/23

O valor social das bibliotecas

O valor social das bibliotecas
A Dirección Xeral de Cultura puxo en marcha un estudo titulado "O valor social das bibliotecas" co obxectivo de coñecer a percepción que ten a cidadanía sobre os servizos bibliotecarios dispoñibles.
Esta iniciativa servirá para coñecer como valora a sociedade o servizo que ofrecen as bibliotecas públicas e como contribúen ao benestar e desenvolvemento da sociedade. Servirá para cuantificar, visibilizar e poñer en valor as achegas das bibliotecas para as persoas usuarias e para a sociedade no seu conxunto, en termos tanto económicos como de benestar colectivo.
Tanto as persoas usuarias das bibliotecas como as persoas que habitualmente non usan este servizo poderán participar a través dunha sinxela enquisa á que poderás acceder escaneando o código QR que atoparás nas bibliotecas, ou clicando nesta ligazón. Se o prefires, na biblioteca tamén dispoñemos de cuestionarios en papel.
A enquisa é anónima e non se recollerán datos de carácter persoal.
Poderás participar ata o 30 de xullo.
Agradecemos de antemán a vosa participación.
Fonte: xunta.gal

17/7/23

Cecilia Monllor recomenda... neste verán 2023!

Presentámosche as recomendacións literarias de Cecilia Monllor, xornalista e coordinadora dos clubs de lectura da Rialeda e de Santa Cruz desde hai 25 anos.

La autopista Lincoln, de Amor Towles
Versión dixital en eBiblio
Audiolibro en eBiblio
POR QUE? Porque é un libro de aventuras, de valores, de momentos para repensar a ética e porque este autor asegura a diversión do público lector, sempre.
  
La casa de caramelo, de Jennifer Egan
POR QUE? Porque o tema é moi novidoso e a súa autora pon o foco no mundo dixital e nas redes sociais e cóntanos a historia de diversos personaxes na procura dunha conexión real nun mundo cada vez máis dixitalizado e hiperconectado. E xenerou unha conversa arredor da súa novela, o cal é para ter en conta. Ademáis Jennifer Egan gañou o premio Pulitzer cunha novela anterior.
 


Los ecos del pantano, de Elly Griffiths
Versión dixital en eBiblio
POR QUE? Porque imos coñecer a Ruth Galloway, unha peculiar arqueóloga forense que amosa a súa pericia para entretecer o pasado e o presente nos casos que se lle presentan.
 


Flores en el infierno, de Ilaria Tuti
Versión dixital en eBiblio
POR QUE? Porque estamos ante unha ópera prima de éxito inmediato en Italia non só literario senón tamén audiovisual. Ademáis, o  verán é sempre un tempo ideal para ler novela negra.
 


Libre, de Lea Ypi
POR QUE? Porque precisamos memoria e esta moza escritora albanesa apórtanola. Para amantes das novelas de experiencias persoais. Esta é fresca, divertida e lévanos a Albania, un país nada coñecido e con moita historia ás costas.
 


Madres e hijos, de Colm Toibín
Versión dixital en eBiblio
POR QUE? Porque é dos autores con voz propia que non defraudan.
 


 Middlesex, de Jeffrey Eugenides
Versión dixital en eBiblio
POR QUE? Non é novidade e iso importa menos que nada pois pode atoparse en librerías e bibliotecas. Eugenides prantexa a mutación dun xen en tres xeracións dunha familia grega. É incríble, orixinal na súa exposición e no seu fondo. Unha novela inesquecible e impactante.
 


Los misterios de la taberna Kamogawa, de Hisashi Kashiwai
Versión dixital en eBiblio
POR QUE? Porque queremos ler historias cheas de tenrura e esta cumpre o requisito. Os protagonistas son unha parella de detectives formada por pai e filla do Kamogawa Shokudo, un restaurante agochado en Kioto, que sempre está cheo. O éxito entre a clientela radica en que este dúo singular especializase en preparar exactamente o prato que o público anhela e lembra do seu pasado e non é quen de reproducir ou atopar.
 


No hablemos más de amor. de Hervé Le Tellier
POR QUE? Porque resulta interesante, aínda que nalgúns momentos teña un argumento enredado. Nas antípodas de "La anomalía", en canto á posibilidade de ser programas replicados. Aquí hai un universo pechado e moi do gusto do público amante das novelas de psicoanálise e dramas psicolóxicos.
 


Pequeñas desgracias sin importancia, de Miriam Toews
POR QUE? Porque garda un equilibrio perfecto entre o drama e a comedia, entre o entrañable e o arrepiante e porque as historias de familias resúltanos moi atractivas.
 


Los perseguidos, de Fernando Benzo
POR QUE? Porque é unha novela negra sobre as segundas oportunidades, con personaxes de trasfondo moral nun mundo corrupto e violento.
 


Siempre hemos vivido en el castillo, de Shirley Jackson
POR QUE? Porque a señora Shirley Jackson é toda unha personaxe que inqueda. É verán e queremos tamén durmir a siesta e ter doces... ou non tan doces soños.
 


El tiempo de las moscas, de Claudia Piñeiro
Audiolibro en eBiblio
POR QUE? Porque é coma unha vella amiga á que xa limos. Ademáis o tema resulta curioso: a vinganza das mulleres... Oh, ah, vaia! «Mujeres estafadas por un hombre hay muchas, pero repudiadas por la madre como por la hija, no tantas». Ohhhhhh.

Feliz verán!!!


Prezado Agustín

Prezado Agustín
"Se tivese que definirme en poucas palabras, diría que son unha persoa que atopa pracer en inventar historias e contalas por medio da escritura. Un contador de historias, aínda que isto sempre debería colocalo en segundo lugar, porque o que de verdade me gusta é ler o que escriben outras persoas. E ler e escribir, como ben sabemos, son as dúas caras dunha mesma moeda. As historias, os libros: o fío invisible que nos une a todas as persoas do planeta."
Un autor que recibiu numerosos premios, entre os que podemos destacar o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil pola fermosa obra “O único que queda é o amor”. Un referente ético para todas-os, unha persoa que sempre defendeu a lingua galega, fomentou a lectura e destacou o seu compromiso polo ensino público. 
Hai sete anos do pasamento de Agustín Fernández Paz. O seu falecemento deixounos a todas-os un pouco orfas-os, mais como “escritor galego para a humanidade” como a el lle gustaba definirse, deixa un brillante ronsel que durará sempre xa que “os libros son imprescindibles para axudar a soñar e a vivir”. Queremos adicar unha exposición ao autor de Vilalba na Biblioteca Central Rialeda (Perillo) ao autor de, entre moitas obras, “Contos por palabras”, un dos escritores máis recoñecidos da literatura galega, máis lidos, máis estimados polas-os lectoras e lectores e máis recomendados na emisora municipal Radioleiros (105.5 FM) que deixa unha obra literaria fundamental. Poderían ser moitas as exposicións e homenaxes adicadas a Agustín. Desta volta escollemos, da súa fecunda colleita literaria, títulos orientados ao lectorado desde os 6 anos ata a xuventude. Fermosas narracións para o seu querido público infantil e a mocidade!!!