29/11/13

Recomendacións en Radioleiros: 29 de novembro

- Xuvenil (de 12 a 14 anos):

Son cinco relatos que abordan temas sobre nenas e nenos aos que se lles negan os dereitos básicos. Os textos que abren cada conto son adaptacións de artigos da Convención dos Dereitos da Infancia. 

Aakesh ten que sobrevivir buscando os alimentos nos contedores de lixo, Altair é explotada, o Meninho da rúa carece de identidade, Leila obrígana a casar cun home adulto e Carlos é un neno con discapacidades. Unha fermosa obra que aposta pola xustiza e a liberdade, deixando sitio para a esperanza. Un magnífico libro escrito con gran sensibilidade, no que presentan estas temáticas con tal delicadeza que o fan axeitado para adolescentes a partir de, aproximadamente, 12 anos. Esta obra foi incluída na Lista do Centro IBBY de Documentación para Nenos con Necesidades Especiais con sede en Oslo.

Fina Casalderrey, unha das mellores escritoras galegas de literatura infantil e xuvenil na actualidade, ven de ingresar hai uns días na Real Academia Galega. Desde as Bibliotecas Municipais de Oleiros queremos felicitala e darlle os nosos parabens. 


- Moz@s e Adult@s:

Cátedra (dispoñible tamén en Alianza, Altea e Unidad Editorial)

Foi publicada en 1859. É unha novela histórica sobre a Revolución francesa e a vida nesa época. Desenvólvese entre dúas cidades: Londres e París. Mentres que en Londres podían levar unha vida relativamente tranquila e representa a paz; en París é unha época de grandes cambios sociais e de axitación.

A obra esta formada por tres partes denominadas: “Vuelto a la vida”, “El hilo de oro” e “El rastro de una tempestad”.

Estamos no ano 1775, a moza Lucie Manette e o señor Lorry (un home que traballa no Banco Tellson, amigo da familia dende hai moito tempo) van a Francia a rescatar ao pai de Lucie, a quen crían morto. Estivera 18 anos recluído na prisión da Bastilla, no calabozo 105 da torre norte. Fora un médico de prestixio. Lucie trasládao a vivir con ela a Londres. Levan unha vida apracible, pero, no ano 1780, foron chamados como testemuñas nun proceso de traizón, o mozo Charles Darnay é acusado de ser espía ao servizo de Francia...

Destacan as descricións de personaxes e de lugares, xunto a unha gran ironía ao describir determinados feitos. Presenta unha crítica social e unha reprobación ás malas condicións de vida das clases máis baixas, a como eran oprimidas polos poderosos.

A obra explica o ambiente da Revolución francesa e as numerosas execucións realizadas, amosa a Revolución como un castigo á aristocracia pola explotación que realizaron ao pobo, sen ningún debate político nin filosófico e dándolle demasiado protagonismo ás clases populares. Transmítenos o seu rexeito da barbarie e da violencia, tanto da que realizan os poderosos como da das clases populares, ao mesmo tempo que nos fala das inxustizas e da pobreza dos oprimidos.

Estamos ante unha obra clásica da literatura universal, de espías e conspiradores, de heroes e fracasados, de conflitos sociais e de vinganzas, pero tamén de amor e de amizade.


Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

28/11/13

28 de novembro: Obradoiro "Leixaprem" nas Torres de Santa Cruz


Nas Torres de Santa Cruz celebrouse o obradoiro de poesía, música e pintura "Leixaprem" a cargo do músico Juan Carlos Vázquez.

"Leixaprem" é unha viaxe dende o século XIII, inspirada no poema de Martín Codax -"Eno Sagrad´ en Vigo" (S. XIII)-, cantiga de amigo que emprega o paralelismo.

É unha actividade dirixida ao alumnado de ESO dos centros públicos de ensino que consiste en escribir e completar unha cantiga medieval, elaborando asimesmo unha nova versión. Todo elo acompañado de música modal.

O xoves 28 de novembro foi realizada co alumnado de 3º C da ESO do I.E.S. Miraflores. Velaí unha imaxe do traballo realizado:




 

27/11/13

Exposicións bibliográficas na Biblioteca "Rosalía de Castro"

 
Na Biblioteca e Centro de Documentación da Muller "Rosalía de Castro" (Santa Cruz) podes contemplar as exposicións bibliográficas "As máquinas" e "25 de Novembro: día internacional contra a violencia de xénero", ambas dirixidas ao público infantil.

24/11/13

Hora do conto: de 25 a 29 de novembro

http://www.oleiros.org/c/document_library/get_file?p_l_id=14092&folderId=122549&name=DLFE-16222.pdf
http://bibliotecasoleiros.blogspot.com.es/search/label/Hora%20do%20ContoBiblioteca Pública Municipal "Mª José Ruso". Dorneda
Luns 25 de novembro
CONTACONTOS: Avoa Violeta da Compañía Trinke Trinke
TÍTULOS:  A buscar o que se perdeu: “Os catro amigos”, “Peluche”
Biblioteca Pública Municipal "Manuel María". Oleiros
Martes 26 de novembro
CONTACONTOS: Ramiro Neira
TÍTULOS: “As princesas tamén xogan ao fútbol” 


Biblioteca Pública Municipal "Rosalía de Castro". Santa Cruz
Mércores 27 de novembro
CONTACONTOS: Genma Pardo
TÍTULOS: Ven ao mundo do circo!!: “A pallasa Lola”, “Agustina, a pallasa”, "O gran amigo do ceo”
Biblioteca Central "Rialeda". Perillo
Xoves 28 de novembro
CONTACONTOS: Soledad Felloza
TÍTULOS: “Quen dixo medo?”
Biblioteca Pública Municipal "Mª José Trincado". Mera
Venres 29 de novembro
CONTACONTOS: Raquel Queizás
TÍTULOS:  “O amigo do pequeno tiranosauro”, “Orellas de coello”
(AVISO: Os títulos programados poden sufrir variacións en función do público asistente, todas as sesións son ás 18:30, dirixida a nenas e nenos de 3 a 10 anos)