10/1/14

Recomendacións en Radioleiros: 10 de xaneiro

http://www.ipernity.com/doc/284673/29544323
- Infantil:

A verdadeira historia da mosca da tele, de María Solar ; ilustracións de Ana Francisco e Jorge Vázquez
Galaxia

María Solar escríbenos unha historia divertida e moi pouco particular, que nos vai servir para acompañar á mosca da tele dende os platós da televisión en Galicia á televisión do Caribe!. A culpa de todo tívoa un señor calvo que puxo o sombreiro xusto cando a mosca estaba a lle zugar a suor da cabeciña. Na súa viaxe, a mosca da tele coñecerá outros moitos insectos cos que compartirá aventuras e alimentos. Unha viaxe zoolóxica e zooilóxica do máis divertida.

María Solar é xornalista da TVG e dobradora . É autora de As meigas de Lupa, Vou ter un irmán!!!  e O fillo do pintamonas .

- Moz@s e Adult@s:

Blancanieves debe morir: dos asesinatos, una condena y un muro de silencio, de Nele Neuhaus
Maeva

Nuns días de novembro coinciden varios feitos: o achádego dun corpo nun aeroporto dun pobo alemán, a saída do cárcere dun veciño do mesmo e a desaparición dunha rapaza. Unha historia na Alemaña actual.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

“Se somos iguais seremos máis libres”. Simone de Beauvoir na Biblioteca de Santa Cruz

Convidámosvos a achegarvos á obra de Simone de Beauvoir na Biblioteca “Rosalía de Castro” de Santa Cruz.

Porque hoxe é o aniversario de Simone de Beauvoir, se estivera viva, faría 106 anos. Dela é unha das principais frases do movemento feminista “Non nacemos mulleres, facémonos”. As mulleres non temos un destino biolóxico senón que somos formadas nunha sociedade que define o noso papel no seu seo.  Por iso a propia Simone rompe co seu destino feminino e fai da súa vida algo completamente diferente do esperado para unha muller. A educación, a preparación académica son os puntais para forxar mulleres máis independentes.

Esta filósofa marxista convencida,  publicou en 1949 a súa obra esencial, “O segundo sexo”, mil páxinas de tratado cunha análise profunda sobre a historia do papel do xénero feminino.

A obra de Simone de Beauvoir non se reduce ao movemento feminista, son tamén importantes as súas achegas sobre a incapacidade do ser humano para fuxir da morte e as súas obras autobiográficas onde reflexa a sociedade parisina e a súa propia experiencia de cómo a vida dunha muller pode estar marcada por unha figura masculina, a pesar de vivir coma iguais.

8/1/14

Expo de Carmen Amoraga, Premio Nadal 2014 na Biblioteca Rosalía de Castro

http://bit.ly/1eq8ndnA escritora Carmen Amoraga gañou o Premio Nadal de Novela na súa 70.ª edición coa obra “La vida era eso”, a historia dunha muller que enviúva e sae adiante inmersa nas redes sociais. O fallo foi anunciado pola autora Ana María Matute, que fora vencedora do Nadal en 1959. Amoraga naceu no ano 1969 en Picanya, é licenciada en Ciencias da Información e traballou na radio e a televisión. Ademáis de ser columnista no xornal “Levante”, actualmente é asesora da Universitat de València nas relación cos medios de comunicación. En 2007 foi xa finalista do Premio Nadal e no 2010 do Premio Planeta. Das setenta edicións deste premio, catorce concedéronse a mulleres, a primeira no ano 1944 a Carmen Laforet pola novela "Nada". Con motivo da concesión deste premio presentamos unha pequena exposición das obras de Amoraga na Biblioteca Rosalía de Castro de Santa Cruz: "El tiempo mientras tanto" (Finalista Premio Planeta 2010), "Algo tan parecido al amor" (Finalista Premio Nadal 2007), "Para que nada se pierda", "Todas las caricias".                                                                                                                   PARABÉNS CARMEN!!!