De ningunha maneira debería considerarse a quen realizou a escolma desta exposición como unha voz autorizada para determinar que autoras-es son as-os mellores de entre as-os que residen nos andeis desta biblioteca. Por tanto, quen asumiu esa comprometida tarefa, consciente da súa limitación, decidiu esquecer ese criterio de procura e centrarse nas peculiaridades de cada volume. Seguro que faltan moitas voces da poesía galega; terá razón quen iso observe. Tamén moitas voces da poesía española, e moitas máis serán as ausencias no que se refire á poesía dos países lusófonos. Pero hai outros criterios para montar unha exposición. Ás veces o reseñable non é a autora ou autor da obra, nin a obra en si, senón as circunstancias nas que é publicada, quen dirixe a edición, ou ben outras circunstancias que envolven ao volume, como por exemplo como chegou a estar aquí.
Esta exposición está baseada na
escolla de máis de 50 títulos de poesía realizada polo escritor
Ramiro Vidal Alvarinho, na que figuran títulos como "Cantares gallegos" de Rosalía de Castro, "Longa noite de pedra" de Celso Emilio Ferreiro, "O divino sainete" de Manuel Curros Enríquez, "Poesía galega completa" de Xosé María Álvarez Blázquez, "Os ángulos da brasa" de Manuel Álvarez Torneiro, "Tigres coma cabalos" de Xela Arias, "Cantos caucanos" de Avilés de Taramancos, "Vento mareiro" de Ramón Cabanillas, "Os eoas" de Eduardo Pondal, "Memoria solar" de Luz Pozo Garza, "Marinero en tierra" de Rafael Alberti, "La destrucción o el amor" de Vicente Aleixandre, "Inventario" de Mario Benedetti, "Romancero gitano" de Federico García Lorca, "Sonetos completos" de Luis de Góngora, etc.