- Infantil (menos de 6 anos):
Orellas de bolboreta, de
Luisa Aguilar, ilustracións de
André Neves
Kalandraka
Mara ten unhas orellas moi grandes, polo que outros nenos e nenas chámanlle orelluda. Cando chega triste a casa pregunta á súa nai se é certo. Ela responde que non, que ten orellas de bolboreta. Outras veces dinlle que ten o pelo como o estropallo... e así continuamente.
Pero Mara saberá sobrepoñerse a este acoso. A nai deulle as claves para saír airosa: autoestima, imaxinación e espontaneidade. Así Mara transformará estas burlas en algo positivo, ata que ao final se dará conta de que nin será necesario porque cada persoa é diferente.
Fermosa obra cunha sinxela estrutura, textos curtos e simpáticas e coloridas ilustracións que achegan, ao público máis novo, o tema do acoso con naturalidade e sen dramatismos, dando pautas de como responder.
- Mozas/os e adultas/os:
Arte, de
Yasmina Reza
Anagrama
Obra de teatro publicada orixinalmente en 1998. Reeditada e estreada posteriormente en teatros en numerosas ocasións.
Ambientada en París a finais dos anos 80, narra como se deteriora a relación de tres amigos a partir de que un deles (Serge) compra por unha desorbitada cifra de diñeiro un cadro completamente en branco que considera unha obra de arte. O seu amigo Marcos non comprende tal gasto nin o seu valor artístico, polo que discuten entre eles. Iván intenta calmalos. Ambos tratarán de convencer a Serge que sobre a tea non hai nada, pero el obstínase en dicir que é unha obra mestra da arte abstracta.
Yasmina Reza inspirouse no cadro "
Branco sobre branco" do pintor ucraniano
Malevich para crear esta historia.
Considerada por algunhas persoas como unha comedia polos momentos que moven á risa, Yasmina Reza discrepa de tal comicidade porque encerra a “demolición dunha amizade”. A autora logra crear personaxes totalmente reais, cos que calquera se pode identificar.
Dous temas se destacan no texto: A temática da arte contemporánea e se todo o que se crea pode considerarse arte. E por outra banda o tema da amizade, se é posible mantela sen reciprocidade, só polo agarimo cara unha persoa ou se pola contra hai que coidala día a día.
Os tres amigos proceden dunha sociedade similar, pero a vida levaos a situacións sociais e económicas distintas. A crise vivida pola compra do cadro fai que un deles se pregunte por que seguen sendo amigos. Ao agravarse a disputa, van aireando os trapos sucios e vellos rancores, cuestionando o sentido da súa amizade. Se a amizade basease nun mutuo acordo tácito, que ocorre cando un amigo fai algo totalmente diferente e inesperado, algo co que non contamos?
Recomendacións feitas no programa semanal que podes
ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en
Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.