- Xuvenil (A partir de 11 anos):
No xardín do poeta, de Antonio García Teijeiro. Ilustracións de Víctor Rivas
Xerais
Antonio García Teijeiro é un dos mellores poetas galegos de literatura infantil e xuvenil da actualidade. Entre as súas numerosas distincións ten o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, do ano 2017, por Poemar o mar.
No xardín do poeta é un fermoso libro de poesía infantil e xuvenil no que o autor dialoga coa poesía de Federico García Lorca.
Nese xardín marabilloso que é a obra de Lorca nacen 30 poemas de Antonio García Teijeiro, con formas variadas e medidas diversas; poemas musicais, rítmicos, cheos de luz, e sobre todo vitais, que son froito da conversa íntima entre dous poetas que aman a vida...
Na conferencia de Antonio García Teijeiro na Biblioteca Nacional de España en 2018 define a poesía como “esa voz que hace preguntas” e di tamén “a los niños les encanta la poesía. Pero para ello necesitan mediadores o mediadoras que crean en esa necesidad, que estén convencidos de su bondad y en que solo desde ese convencimiento contagien su entusiasmo a los pequeños. Solo así se conseguirán resultados”.
- Mozas/os e adultas/os:
El camino del fuego, de María Oruña
Destino
Audiolibro en eBiblio
Novela de intriga da serie Los libros del Puerto Escondido, na que o personaxe principal é Valentina Redondo, tenente da Garda Civil a cargo da Unidade Orgánica de Policía de Investigación Xudicial de Santander.
Nesta obra, a inspectora Valentina Redondo e o seu compañeiro Oliver deciden tomar unhas vacacións e viaxan a Escocia para visitar á familia deste. O seu pai, Arthur Gordon, está empeñado en recuperar parte do patrimonio e da historia dos seus antepasados polo que adquiriu o castelo de Huntly, nas Highlands, que pertencera á súa familia ata o século XVII. Durante a rehabilitación do edificio atopan un pequeno despacho, que calculan que levaba oculto uns douscentos anos, e nel ven documentos que revelan que as memorias de Lord Byron (supostamente queimadas a comezos do século XIX) poden seguir intactas e estar entre esas paredes. Fai unha roda de prensa e rapidamente diversas persoas interesadas na obra de Lord Byron se achegan para colaborar na revisión desa documentación...
Paralelamente, e relacionada coa documentación que atopan no castelo, retrocederemos ata o século XIX á historia de Jules Berlioz e Mary MacLeod.
Jules era un aposto mozo de orixe francés que traballaba de empregado nunha librería nas Highlands, debido a que tivera que trasladarse para aí a causa dun problema que lle acontecera en Francia. Mary MacLeod era unha moza dunha familia escocesa acomodada. A ela gustáballe a lectura polo que visitaba a librería. Para Jules, Mary era o partido ideal. El non tiña patrimonio, pero por intentalo non perdía nada. Nesa cidade non o coñecía ninguén...
Os capítulos da novela van alternado do século XIX á época actual, pero un acontecemento inesperado fará que Oliver e Valentina se mergullen nunha investigación que os levará a adentrarse na Escocia de épocas pasadas...
Con esta novela, ademais de intrigarnos coas historias narradas, poderemos viaxar pola paisaxe escocesa, visitar algún palacio e achegarnos, dunha forma amena, á historia de Escocia, así como coñecer algunhas comidas e costumes típicas.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.