Un máis, de Olalla González e ilustrado por Marc Taeger
Kalandraka
Álbum ilustrado para os máis pequenos sobre a vida dunha familia de coellos na que vai nacer outro coelliño
Unha tenra historia que relata a curiosidade e estrañeza do irmán ante o próximo acontecemento e como tamén colaboran outros animais.
Texto emotivo con simpáticas imaxes que lembran os debuxos infantís. Policromáticas (con predominio do azul, verde e ocre) cando representan as escenas do relato e monocromáticas ao representar os soños e desexos do protagonista.
Fermosa obra que desprende agarimo, solidariedade, tenrura e unha sorpresa final.
- Moz@s e adult@s:
La trenza, de Laetitia Colombani
Salamandra
Unha novela sobre tres mulleres nacidas en distintos continentes e con situacións persoais, culturais e socioeconómicas totalmente diferentes, pero unidas polas súas ansias de superación, liberdade e de saír da situación na que se atopan.
Smita é unha "dalit" (intocable) da India. Sobrevive recollendo excrementos das castas superiores. Baleira diariamente vinte casas. Continúa a tradición materna, trasmitida desde xeracións. Pero Smita desexa que a súa filla non se adique a iso, quere que vaia á escola e aprenda a ler e a escribir, o que significará desafiar as normas establecidas.
Giulia vive en Sicilia. A súa familia leva case cen anos traballando no seu propio taller de perrucas e postizos. Giulia tamén continúa a tradición desde os 16 anos tras deixar o instituto. O seu pai sofre un grave accidente e debátese entre a vida e a morte no hospital. Mesmo o taller entra nunha situación difícil porque empeza a faltar materia prima...
Sarah é unha ambiciosa avogada en Montreal que sacrificou a súa vida familiar en prol da súa carreira. As consecuencias son dous matrimonios fracasados e tres fillos aos que non ve medrar. No traballo ten por norma non falar da súa familia nin dos problemas que conleva. Sabe que está mal visto, así conseguíu ser nomeada conselleira e socia do bufete. Un día desmáiase na sala do tribunal e lévana ao hospital...
Smita, Giulia e Sarah non se coñecen, pero teñen moito en común, a loita por saíren adiante nas circunstancias máis desfavorables.
Narración conmovedora na que, a través dos cambios que ocasiona a vida, haberá unha relación nos camiños das tres mulleres, a xeito de entrelazo, de aí o título da obra, que simboliza a vontade e a forza inquebrantable por saír adiante.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.