20/9/13

Recomendacións en Radioleiros: 20 de setembro

- Infantil (a partir de 6 anos):
 
Bárbara Fiore Editora

Como cada ano, todos soben ao alto do outeiro, pero debido a que a tartaruga está enferma, a formiga é a que vai dirixir a reunión. O  elefante ten  unha pregunta. É unha pregunta difícil. Como se pode saber si se quere a alguén? Todos os que alí están dan a súa particular visión do amor e o que senten: o rato, Brancaneves, a pedra, o mar, as nubes, o vagabundo, o explorador, a maceira, o oso, o sol...

Fermoso álbum ilustrado que nos achega ao sentimento do amor,  cunhas delicadas imaxes realizadas en tons suaves.

- Moz@s e Adult@s:

Galaxia

Estamos en Santiago de Compostela no ano 1928 e Marcel, un neno de 5 anos, ve (agochado debaixo da cama) o asasinato de súa nai e o seu irmán e o suicidio de seu pai. Este acontecemento marcarao para toda a súa vida. Alí o atopará Lucía e coidarao igual que se fora fillo dela. De Santiago trasládanse a vivir para A Coruña. Lucía é unha muller rica, culta e librepensadora, amante na ficción de Ánxel Casal, que subvenciona a súa edición de libros, e amiga de Santiago Casares Quiroga.

A obra desenvolve cincuenta anos da vida do protagonista, por medio do relato en primeira persoa do propio Marcel. Como viven na Coruña ata o estoupido da Guerra Civil en que fuxen para París, onde se establecen e cidade na que consegue traballar de actor. De aí viaxará, por motivos de traballo, a Bos Aires e a Nova York.

Na infancia e adolescencia de Marcel podemos ver como era a vida cultural, política  e de ocio na Coruña, unha cidade moderna. Aparecen desmitificadas figuras e lugares coñecidos do galeguismo. Ánxel Casal visita moitas veces a casa de Lucía e será para Marcel como un mestre. A súa amizade con Samuel e o amor adolescente de Vitola (María Casares), a quen volverá a ver en París e coa que manterá  unha amizade durante toda a súa vida. En París tamén nos presenta episodios da invasión nazi e da súa vida alí. Na última parte da novela vemos como Marcel quere coñecer as causas polas que mataron á súa familia.

Unha boa novela, cunha linguaxe áxil que engancha ao lector/a.



Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

18/9/13

Mércores 18 de setembro: apertura do prazo de inscrición nas Tertulias Literarias en Rialeda

O prazo de inscrición para a tempada 2013-2014 das Tertulias Literarias na Biblioteca Central Rialeda ábrese o mércores 18 de setembro*.

A inscrición poderá facerse dos seguintes xeitos: 
- Persoalmente na Biblioteca Central Rialeda.
- Por teléfono (981 639 511) no horario da biblioteca (de 8,15 a 21,15 h., luns a venres).

Os grupos formaranse rigurosamente por orde de inscrición
As 20 primeiras solicitudes constituirán o grupo A e as 20 restantes o grupo B.  

As persoas que queden sen praza entrarán a formar parte da Lista de Espera.

*Non se admitirán solicitudes previas á data sinalada.

17/9/13

Actividades de Promoción da Lectura (setembro a decembro)

   Unha tempada máis, as Bibliotecas Municipais de Oleiros organizan actividades de promoción da lectura dirixidas a nenas e nenos.

Entre os meses de setembro a decembro realizaranse, nas oito bibliotecas municipais, 57 sesións de diferentes actividades para fomentar á lectura e animar a que as nenas e nenos visiten as bibliotecas no seu tempo libre. Levarase a cabo a programación de Ler conta moito e a da Hora do conto e poden solicitar a información en calquera das oito bibliotecas municipais, aínda que tamén se distribuirá nos catro colexios públicos de ensinanza primaria de Oleiros.

Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola
Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e en colaboración coas Bibliotecas Municipais de Oleiros. Con este programa as nenas e nenos poderán fomentar a creatividade con obradoiros de plastilina, divertirse e aprender con sinxelos experimentos científicos, escoitar  contacontos, ver espectáculos de monicreques, gozar cun taller sobre a arte nos libros ou entreterse cun espectáculo de maxia.

A Hora do conto é unha actividade tradicional nas Bibliotecas Municipais de Oleiros na que se levan a cabo diferentes sesións de contacontos dirixidas a nenas e nenos menores de 10 anos. Nárranse ou dramatízanse un ou varios contos, cun enfoque lúdico e unha vivencia activa e participativa cos libros, fomentando a creatividade, como unha invitación a viaxar a un mundo máxico de imaxinación e fantasía.

Os obxectivos que se intentan conseguir son, principalmente, a promoción da lectura, pero tamén que as
nenas e nenos participantes se divirtan escoitando contos, facer novas lectoras e lectores ou consolidarlles este hábito, que descubran a diversidade dos libros e o pracer pola lectura e que vivan o libro en colectividade xunto con outras nenas e nenos.

    Participarán as contadoras e contadores Raquel Queizás, Pablísimo, Soledad Felloza, Paula Carballeira, Marisa Irimia, Ramiro Neira, Genma Pardo, Pedro Brandariz, Fátima Fernández, Caxoto, Pizpireta, o Fogueteiro, Carmen Domech, as Compañías Sarabela Teatro, Trinke-Trinke, Elefante Elegante, Migallas Teatro, Larraitz,  Matapiollos Teatro, Xanela ocio e animación, Expresión Produccións, así como as monitoras María Noel Toledo e Nita, ou o mago Chrystyan Magic.

    Preténdese introducir ás nenas e nenos no mundo dos libros a través dunha lectura que poidan comprender, que os faga gozar e divertirse. Tratarase de espertar unha sensibilidade que faga descubrir o pracer que pode proporcionar a lectura, que os nenos e nenas vexan que tamén se poden divertir e pasar momentos moi agradables cos libros.

16/9/13

Recomendacións en Radioleiros: 13 de setembro

- Infantil (de 6 a 8 anos):

Editado por Kalandraka
 
Diante da súa alopecia, Nicomedes proba con distintas solucións. O seu gato acabará por axudalo a atopar a máis práctica. Libro divertido que fomenta a autoestima.

- Moz@s e Adult@s:

Editado por Norma
 
Un político novo da esquerda francesa tenta rematar a súa tese cando é contratado como asesor do ministro de Exteriores. Banda deseñada definida por Le Monde como “delirante, grandilocuente e megalómana“. Excelente humor xunto a un debuxo soberbio que acompañan a un texto de primeira calidade.


 Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

Recomendacións en Radioleiros: 6 de setembro

- Infantil (menores de 6 anos):

Editado por Kalandraka

Carle, ilustrador e deseñador, faille unha homenaxe ao expresionismo alemán empregando animais pintados de cores. Libro apto para todas as idades, de contido fundamentalmente visual e moi pouco texto.

- Moz@s e Adult@s:

Editado por Salamandra
 
Avogado penalista en Berlín desde 1994, Von Schirach tráenos quince relatos produto da súa experiencia laboral. Miniaturas do comportamento humano, historias reais do mundo da delincuencia expresadas dun xeito sobrio e de grande calidade literaria. Impactante e distinto, é unha oferta diferente para un lector concreto.

 Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.