13/5/22

Letras Galegas 2022 nas Bibliotecas de Oleiros

Para conmemorar o Día das Letras, nas Bibliotecas de Oleiros editamos un marcapáxinas coa vida e a obra do autor homenaxeado, Florencio Delgado Gurriarán. Podes achegarte á túa biblioteca favorita e levalo gratuitamente.

A continuación, lembrámosche as nosas actividades para celebrar este día:

Poesía e música para público mozo e adulto:

Xoves 19 de maio ás 20:30 h. no Teatro As Torres de Santa Cruz

As poetas Lucía Aldao e María Lado válense da retranca que as caracteriza para poñer sobre a mesa
unha reflexión sobre a situación actual da lingua galega e o seu futuro.
A combinación de recital de poesía, música en directo, xogos co público e improvisación é sempre característica dos espectáculos de Aldaolado. Nesta ocasión achégannos unha proposta na que unen emotividade e risas, e na que, dunha maneira desenfadada, se permiten rir de todo para facernos reflexionar sobre o que realmente importa. 

Desde unha perspectiva crítica e comprometida co idioma, as dúas poetas artellaron este espectáculo onde a poesía, a música e sobre todo o humor -presente na narración oral que o envolve todo- están orientados a reafirmar a nosa lingua como unha lingua moderna, síntoma de coñecemento e cultura e, sobre todo, con moitas primaveras por diante por obra e graza das persoas neofalantes.

Desde as bibliotecas municipais invítase ás persoas que desexen asistir, ata completar o aforo permitido, para que gocen coa palabra e a música destas poetas.

Actividades para público infantil:

Contacontos para nenas e nenos a partir de 6 anos
Ás 18:30 h. Aforo limitado. Imprescindible reservar praza na biblioteca ou chamando por teléfono. Inscrición desde 10 días antes da data de realización.

- 5 de maio: "Os monstros xa non queren asustar" con Fran Amil
- 12 de maio: "Anuncio por palabras" con Trémola Teatro
- 19 de maio: "Ven c@ntar" con Pakolas

- 4 de maio: "Contos diversos" con Miguel Alonso Diz
- 11 de maio: "Un saquiño de palabras" con Proyecto Bululú
- 18 de maio: "Extra!" con Paco Nogueiras 

- 9 de maio: "Contos de aquí para nós" con Ramiro Neira

- 10 de maio: "Contos escritos na nosa Terra" con Lía Magalia

- 13 de maio: "Contos de cerca" con Ana Carreira

- 19 de maio: "As fadas verdes" con Lía Magalia

- 20 de maio: "Contos de trasnos e maigallos" con Iván Davila

Actividades para alumnado dos centros de ensino:

"Florencio Delgado Gurriarán" con Trémola Teatro
A Compañía Trémola Teatro realizará unha narración oral centrada na biografía e obra do autor homenaxeado polo Día das Letras Galegas deste ano. Actividade dirixida a alumnado de 5º de primaria do CEIP Juana de Vega, que terá lugar o 12 de maio, ás 10:30 h. na Biblioteca Central Rialeda.

"Contos de aquí" con Ana Carreira
Actividade na que a actriz Ana Carreira narrará historias das seguintes obras: As porcas porquiñas de Xosé Antonio Neira Cruz, A noite dos animais de Agustín Fernández Paz e Xela volveuse vampira de Fina Casalderrey. Asistirá alumnado de 6º de primaria do CEIP Valle Inclán, os días 11 e 13 de maio, polas mañás na Biblioteca Central Rialeda.

"A miña historia" con Trémola Teatro
Trémola Teatro presentará a Andrea, unha xornalista do século XIX que sabe moito sobre Rosalía de Castro, unha das grandes poetas da literatura galega do século XIX e unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento galego. Asistirá alumnado de 5º de primaria do CEIP Isidro Parga Pondal, o día 10 de maio, pola mañá na Biblioteca de Santa Cruz.

"Extra!" con Paco Nogueiras
Espectáculo baseado no libro-disco de Paco Nogueiras, titulado Extra!
Sesión que recolle as novas máis curiosas, sucesos especiais con melodías e ritmos modernos, pegadizos e bailables que invitan á participación. Asistirá alumnado de 3º de primaria do CEIP A Rabadeira e de 5º de primaria do CEIP Luis Seoane, os días 3 e 18 de maio, polas mañás na Biblioteca de Santa Cruz.

"Ramona Órbita. A dona do tempo" con Pakolas
Espectáculo baseado no libro-disco de Pakolas, titulado Ramona Órbita: A dona do tempo.
Historia de Ramona Órbita, muller labrega que posúe unha horta cibernética con patacas automáticas, ademais de ter unha máquina do tempo coa que viaxa na procura da tecnoloxía para crear un mundo mellor, máis ecolóxico e con enerxías limpas. Asistirá alumnado de 1º e 2º de primaria do CEIP Luis Seoane e do CEIP A Rabadeira, os días 25 e 28 de maio, polas mañás na Biblioteca de Santa Cruz

"Hércules e o xigante: Unha torre de lenda" con Quique López
O arquitecto e ilustrador Quique López, autor da obra Hércules e o xigante: Unha torre de lenda, narrará, apoiándose nas ilustracións, como puido ser o encontro entre un heroe mitolóxico e un xigante colosal, que só podería dar como resultado o nacemento dunha torre de lenda...
Asistirá alumnado de 4º e 6º de primaria do CEIP Luis Seoane, o día 5 de maio, pola mañá na Biblioteca de Santa Cruz.

"A vella da botella" con Lía Magalia
A contadora Lía Magalia narrará a historia dunha vella caprichosa, que nunca está satisfeita con nada. Cando unha bruxa cumpre os seus desexos, de seguida se cansa co que ten...
Asistirá alumnado de 2º de primaria do CEIP Isidro Parga Pondal, o día 6 de maio, pola mañá na Biblioteca de Santa Cruz.

"Animaliños" con Ramiro Neira
O actor Ramiro Neira dramatizará diversos contos de tradición oral a través dos que coñeceremos a Gata Kisha, a unha tartaruga moi intelixente, a unha urraca moi larpeira, a un coello e a un loro que teñen unha granxa... Asistirá alumnado de 1º e 2º de primaria do CEIP A Rabadeira, os días 5 e 6 de maio, polas mañás na Biblioteca Rialeda.

Máis actividades nas bibliotecas:

“Aí ven o maio”. Libros e información sobre Florencio Delgado e as Letras Galegas, 

Mostra de libros sobre Florencio Delgado Gurriarán e pasatempos para cativas e cativos.

"Un feixe de poemas, poemiñas e poemoides". Escolma de textos de Florencio Delgado Gurriarán.
"Pintamos a Florencio". Actividade para nenos e nenas.

Hora do conto e actividades infantís: 18 a 20 de maio 2022

- Hora do conto para nenas e nenos a partir de 6 anos.
Todas as sesións serán ás 18:30 h.
- Aforo limitado: chama á biblioteca na que se realiza a actividade e reserva a túa praza. Podes inscribirte desde 10 días antes da data de realización de cada unha das contadas.
 
Mércores 18 de maio
Aforo completo!!!
CONTACONTOS: Paco Nogueiras
TÍTULO: “Extra!"
 
Xoves 19 de maio
Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 618 201
CONTACONTOS: Lía Magalia
TÍTULO: “As fadas verdes"
 
Xoves 19 de maio
Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 639 511
CONTACONTOS: Pakolas
TÍTULO: “Ven c@ntar con Pakolas"
 
Venres 20 de maio
Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 664 257
CONTACONTOS: Iván Davila
TÍTULO: “Contos de trasnos e meigallos"
 
                                                       AVISOS

Atendendo á razón de interese esencial no ámbito específico da saúde pública e coa finalidade do seguimento e vixilancia epidemiolóxica do COVID-19, será necesario notificar os datos persoais das/dos participantes ao persoal da biblioteca que coordine a organización do evento.

O/A adulto/a responsable de cada un dos/as menores de idade deberá permanecer necesariamente no recinto da biblioteca ata que remate a actividade e recolla o neno ou nena.

Recomendacións en Radioleiros: 13 maio 2022

- Xuvenil (a partir de 10 anos):
"Florencio Delgado Gurriarán: Polos vieiros da saudade" de Héctor Cajaraville. Ilustracións de Antía Antepazo. En Xerais.
Biografía que presenta o escritor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
No 1º capítulo explica a importancia da súa figura. Un autor que toda a súa obra literaria está centrada no xénero poético, pero que tamén foi articulista en prensa, crítico literario, coordinador editorial, lexicógrafo, tradutor e corrector e que se preocupa porque os/as galegos/as coñecésemos na nosa lingua pezas poéticas doutras literaturas, principalmente da francesa, pero tamén da inglesa.
Preséntao desde o seu nacemento en 1903 en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras). O seu paso pola universidade como estudante de dereito en Valladolid. A súa instalación como avogado no Barco. O ingreso no Seminario de Estudos Galegos e a militancia no Partido Galeguista. No 1936, en que ao estalar a Guerra Civil, fuxe a Portugal, Barcelona e Francia e no 1939 para México, no barco Ipanema, con 998 refuxiados.
En México desenvolveu un intenso labor para manter alí unha actividade política e cultural que en Galicia resultaba imposible. Foi un dos principais intermediarios entre os galegos de México e outras comunidades de galegos espalladas polo mundo (principalmente de Arxentina) e tamén co denominado “exilio interior”, é dicir, con aqueles intelectuais galegos (Otero Pedrayo, Paz Andrade, Fernández del Riego, etc) que permaneceron en Galicia nunha situación de silenciamento e marxinalidade. Participou na posta en marcha de diversos proxectos entre os que debemos destacar a revista Vieiros (1959-1968), que aínda hoxe sorprende pola súa modernidade. Vemos como este é un momento en que a cultura galega se desenvolveu con máis vigor fóra ca dentro das súas fronteiras. Ata chegar ao seu falecemento na casa dunha filla en Fair Oak (California) en 1987.
Cajaraville dinos que este recoñecemento das Letras Galegas tamén o debemos ver como unha homenaxe a aqueles “que lonxe da súa terra se dedicaron a (re)construír a identidade e a singularidade de Galicia como cultura, como pobo e como país”.

- Mozas-os e adultas-os:
"O rosario e a buguina" de Xosé Ricardo Losada. Editado por Galaxia.
Premio Torrente Ballester 2020
Unha obra emotiva, intimista, ben construída, que achega unha triste historia: a relación do poeta Manuel Antonio con súa nai, Dona Pura, cando el xa está gravemente enfermo de tuberculose, e volve para morrer na casa de Asados. A novela está narrada alternativamente desde a visión da nai e desde a do fillo.
Manuel Antonio sempre tivo unha relación difícil coa nai. Ela desexaba que o seu fillo fixese a carreira eclesiástica, pero el, con só 11 anos, rexeitou a proposta. El ansiaba ser poeta.
Ela era unha muller pouco dada a mostrar os afectos. A súa relación estaba baseada nos silencios e na carencia dos afectos. Tiñan dúas concepcións antagónicas do mundo. A ideoloxía conservadora da nai, fronte ás ideas revolucionarias do fillo.
Ambos queríanse pero non se entendían. A nai era unha persoa moi relixiosa, ríxida, que dicía que o único que lle preocupaba era que a entendera Deus.
A nai quere que acepte recibir a extrema unción, ao que el se nega e pídelle a ela que consinta en que lle lea e lle explique o 1º e o derradeiro poema da súa obra “De catro a catro”, estrofa a estrofa. O libro que lle deu sentido a súa vida. Desexa expoñerlle a nai a súa necesidade de ser poeta que é o sentido da súa vida. Daría a vida (unha vida que xa non lle quedaba) porque súa nai o entendese. Sente que non pode morrer sen explicarse. Quere que a nai se sinta orgullosa de el, e ela acepta que lle esclareza dous poemas...
O xurado do XXXII Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega destacou que “a obra leva a reflexionar sobre a incomprensión da figura do artista no ámbito familiar”.
Estamos ante unha interesante e profunda historia, que permite coñecer mellor ao magnífico poeta Manuel Antonio, e na que presenta os distintos sentimentos a través de dúas persoas que se enfrontan á morte de maneiras distintas. Súa nai achegábase ao Alén rezando o rosario, Manuel Antonio oíndo o rumor do mar, dun “Mar sen fin” nunha buguina.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

Aviso: o luns 16 de maio 2022 as bibliotecas de Dorneda e Lorbé estarán pechadas.

A Biblioteca Mª José Ruso de Dorneda e a Biblioteca Xograr Mendiño de Lorbé permanecerán pechadas o luns 16 de maio en horario de 16 a 20 h.

Pregamos desculpen as molestias.

FDG na Biblioteca Central Rialeda (Perillo)

Na Biblioteca Central Rialeda (Perillo) celebramos a figura de Florencio Delgado Gurriarán no Día das Letras Galegas 2022 con varias actividades coas que queremos dar a coñecer a súa vida e obra.
As-os máis novas-os poden colaborar na decoración da sala infantil coa actividade "Dámoslle cores ás Letras Galegas", seguindo a proposta da RAG e a súa primavera das letras.
Mozas-os e adultas-os poden profundizar na bio-bibliografía de FDG na exposición "Polos vieiros de Florencio", constituída por obras do protagonista das Letras Galegas 2022, ensaios sobre o seu importante labor a prol da lingua e cultura galegas, a súa amada comarca valdeorresa, a cultura vinícola que cantou nos seus versos e o exilio mexicano.
As-os nosas-os visitantes de calquera idade poden gozar dos poemas de FDG expostos en lugares destacados da biblioteca.

Actividades de promoción da lectura: 18 a 26 de maio 2022

Programa de actividades de promoción da lectura que Bibloleiros organiza para os centros de ensino do Concello, de 18 a 26 de maio:
Mércores 18 de maio:
- 10:30: alumnas-os de 5º de Primaria do CEIP Luís Seoane (Mera).
"Extra!" con Paco Nogueiras.
Mércores 25 de maio:
- 10:20 e 12:00: alumnas-os de 1º e 2º de Primaria do CEIP Luís Seoane (Mera).
"Ramona Órbita" con Pakolas.
Xoves 26 de maio:
- 10:20 e 12:10: alumnas-os de 1º e 2º de Primaria do CEIP Rabadeira (Oleiros).
"Ramona Órbita" con Pakolas.

12/5/22

FDG na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz)

Na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz) celebraremos o Día das Letras Galegas coas seguintes actividades:
Exposición bibliográfica As galegas das Letras Galegas: mostra bibliográfica coas obras das autoras que foron homenaxeadas ao longo destes anos no Día das Letras Galegas, desde Rosalía de Castro (1963) ata Xela Arias (2021). 60 autores-as homenaxeados-as e tan só 5 mulleres!
Lectura de textos das Letras Galegas: aproveitando as sesións de tertulias literarias dos días 3 e 10 de maio fixemos unha lectura ao remate da sesión de pequenos textos ou poesías das 5 mulleres que foron homenaxeadas nas Letras Galegas: Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987), María Mariño (2007), Mª Victoria Moreno, (2018), Xela Arias (2021).
Outras actividades:
Mostra bibliográfica sobre o autor homenaxeado neste ano, tríptico bibliográfico sobre Florencio Delgado Gurriarán, mural bibliográfico interactivo sobre Florencio Delgado Gurriarán, Club de lectura virtual (Grupo A) sobre a obra “Os dous de sempre” de Castelao (24 de maio), Club de lectura virtual (Grupo B) sobre a obra Poetízate: selección de poesía galega baseada na obra de Fran Alonso,  “Poetízate” (10 de maio).

11/5/22

FDG na Biblioteca Ánxel Fole (Nós)

Na Biblioteca Ánxel Fole (Nós) poderás ver unha exposición sobre o escritor homenaxeado, acompañada de pasatempos para as-os nenas-os.
A exposición presenta a biografía de Florencio Delgado Gurriarán con carteis explicativos e os libros da súa autoría, xunto con outros títulos de autoras-es galegas-os que influíron na súa obra: Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal engadindo algúns títulos destas-es literatas-os, e así co resto das etapas da súa vida: as-os autoras-es coas-cos que se relacionou (Castelao, Otero Pedrayo...), o seu labor como tradutor, etc.

10/5/22

Tertulia literaria en Rialeda: mércores 11 maio 2022 (Grupo B)

Biblioteca Central Rialeda (Casiña de actividades)
17:30 a 19:30 h.

Comentario de Beleza vermella, de Arantza Portabales
Coa colaboración da profesora xubilada de lingua e literatura galegas Rosa García Vilariño.
Documentación

Seguinte lectura: Lo que queda de luz, de Tessa Hadley

FDG na Biblioteca Mª José Trincado (Mera)

Para conmemorar o Día das Letras Galegas 2022 na Biblioteca Mª José Trincado (Mera) poderás contemplar dúas mostras, a infantil "Premios Compostela", coas últimas edicións do Premio  Compostela Internacional para albúms ilustrados convocados polo concello de Santiago de Compostela e a editorial Kalandraka e a mostra de adultas-os titulada "Os nosos contemporáneos", exposición de novela de autoras-es galegas-os actuais de recoñecido prestixio na nosa Terra e fóra dela: Pedro Feijóo, Ledicia Costas, Domingo Villar e outras-os. As persoas que veñan á biblioteca serán obsequiadas cun marcapáxinas conmemorativo das Letras Galegas.


9/5/22

Tertulia literaria en Santa Cruz: martes 10 maio 2022 (Grupo B)

Biblioteca e Centro de Documentación da Muller "Rosalía de Castro"
17:30 a 19 h.

Comentario de "Poetízate: antoloxía da poesía galega" de Fran Alonso
Documentación

Seguinte lectura: "El reflejo de las palabras" de Kader Abdolah

FDG na Biblioteca Mª José Ruso (Dorneda)

Para conmemorar o Día das Letras Galegas 2022 na Biblioteca Mª José Ruso (Dorneda) exporase a obra de Florencio Delgado Gurriarán acompañada dunha selección dos seus poemas e unha breve biografía.
Nas salas infantil e de adultas-os poderá visitarse a mostra “A volta ao galego en 20 editoriais”, unha escolma literaria para destacar a calidade e variedade da produción editorial que se está a facer na Galiza.
Na sala infantil a cativada terá a súa disposición entretidos pasatempos referidos á figura de Florencio Delgado. Ademáis, o público visitante recibirá de agasallo un marcapáxinas especial do autor das Letras Galegas 2022.