"Conoce, ama y protege: Listado de especies amenazadas y casos de éxito según la lista roja" de Laura Fraile. En Mosquito.
Un fermoso e interesante álbum ilustrado que presenta especies ameazadas do mundo.
Grazas á información que cada ano publica a Unión Internacional para a Conservación da Natureza, na súa Lista Vermella, podemos saber que especies desapareceron e cales están en proceso de salvación. Por exemplo: Que máis de 41.000 especies están ameazadas, das que o 41% son anfibios, o 37% tiburóns e raias, o 33% corais de arrecife, o 27% mamíferos, etc.
Como a caza ilegal e furtiva do gorila oriental é a súa principal ameaza. Cázano para o comercio da súa carne. O tigre é o felino máis grande e actualmente só sobreviven 6 das 9 subespecies que existiron. O lince ibérico é a especie de felino máis ameazada do mundo. Que acontece coas tartarugas mariñas ou cos mamíferos mariños como a balea azul, ou o rorcual común? O caso do panda xigante, o problema das abellas, a importancia dos insectos, etc.
Tamén fala de especies que xa están fóra de perigo: o bisonte europeo, o raposo insular, o oryx (antílope) de Arabia, o paxaro monarca colilongo, etc.
Nas primeiras páxinas explica algunhas características do Planeta Terra: cando naceu, cando se orixinou a vida, cando apareceu o ser humano, etc. Durante os millóns de anos transcorridos como se foron diversificando e evolucionando as distintas especies, pero tamén que é unha especie ameazada, como se avalían e clasifican as especies, etc.
Unha obra de só 42 páxinas con moitas ilustracións, gráficos, cadros e textos curtos. Dirixida a todos os públicos, pero principalmente a adolescentes a partir de 10 ou 11 anos, que indica como precisamos unha natureza sa para vivir, como a humanidade se enfronta a un reto medioambiental, pero tamén como hai diversos programas de conservación.
"Detective Ferruchi" de Marta Villar. Editado por Xerais.
Dispoñible en GaliciaLe
XLI Premio Xerais de Novela
Unha novela coral de intriga e entretida, que consegue manter o misterio ata o final.
Na localidade de Umeiro apareceu Xan Sequeiros brutalmente asasinado na súa propia casa. Era o mellor dos veterinarios da zona, cun don especial para curar os animais, pero tamén unha persoa introvertida e suprasensible. Ao chegar, a Policía Local protexeu o escenario do crime, agardando á Policía Xudicial que serían os que levarían a investigación.
Uns días antes, Sol Cortés, unha padronista de Inditex, decide deixar ese traballo e a cidade da Coruña, e volver a súa vila natal para montar unha libraría, que vai chamar “Libraría Agatha”, como homenaxe á escritora Agatha Christie. Desde o principio, decidiu contratar unha empregada, coa casualidade de que tamén se chamaba Agatha. Vai narrando acontecementos relacionados con distintos personaxes: Vivita, madriña de Sol, que vive actualmente con ela, despois de abandonar o seu home tras 40 anos de infelicidade e convivencia insoportable. Acacio, avó do xefe da policía Amil, que está hospitalizado e que para Amil é unha persoa extraordinaria, coa que se criou, por estar seus pais emigrados. Acacio debe ser a única persoa do mundo encantada de estar no hospital: falar coas enfermeiras, coas médicas, coas acompañantes dos enfermos, etc. Sempre que sexan mulleres, el está feliz. Alicia, a alcaldesa, que lle pide ao xefe de prensa se a pode acompañar a unha voda. Cantoná, o heroe local. Santiago, o irmán do morto, que lle comenta a Sol se pode investigar algo, debido a que el é o principal sospeitoso por ser o herdeiro. Ten moitas débedas porque o negocio de arranxar ordenadores e móbiles non vai ben. A trama céntrase na investigación paralela de Sol, a través da cal saen temas da sociedade actual que invitan á reflexión: As mulleres que durante os anos oitenta axudaron a levantar o imperio téxtil de Inditex grazas ao seu duro traballo nas cooperativas, pero que para moitas significou a súa independencia económica. A visibilización de colectivos minoritarios que reivindican o valor da diferenza e rachan cos prexuízos. A propia Sol é xitana por parte do pai. Ágatha é lesbiana, etc. Unha novela presentada con humor, cunha morea de personaxes peculiares e sorprendentes, contada cun ton irónico para explicar costumes e hábitos da zona.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.