31/10/13

Actividades de fomento da lectura 2013-2014

http://www.oleiros.org/c/document_library/get_file?p_l_id=14092&folderId=122559&name=DLFE-16559.pdf
Un curso máis as Bibliotecas Municipais de Oleiros presentamos a Programación de actividades de fomento da lectura, dirixidas á poboación de Oleiros e ao alumnado dos centros de ensino público deste Concello, co fin de fomentar o gusto pola lectura e o amor polos libros, así como que coñezan algunhas das bibliotecas municipais para que as visiten e utilicen no horario en que non permanecen nos seus respectivos centros de ensino.
34 actividades diferentes para que seleccionen as que mellor se adaptan aos seus gustos e intereses;  a través das que poderán gozar con contacontos, espectáculos de música, baile, maxia, recitais de poesía e xogos de palabras; realizar obradoiros de ilustración, banda deseñada, poesía ou curtametraxes; ter encontros con escritores/as; visitar a biblioteca central  e aprender a realizar buscas no catálogo bibliográfico; coñecer quen foi e que escribiu, Xosé María Díaz Castro,  o escritor ao que se lle vai dedicar, no ano 2014, o Día das Letras Galegas; participar nos clubs de lectura infantís e xuvenís ou nas tertulias literarias para mozas/os e adultas/os; ou recorrer lugares do municipio nos que viviron mulleres e homes ilustres, como unha homenaxe a todos eles. Todas estas son actividades coas que fomentamos o acceso ao libro e á lectura en condicións de igualdade para todos os cidadáns e traballamos para conseguir novos e mellores lectores e lectoras que contribúan a crear unha sociedade máis culta libre e solidaria. 

http://www.oleiros.org/c/document_library/get_file?p_l_id=14092&folderId=122559&name=DLFE-16559.pdf
- Obradoiro de curtametraxes: libros, imaxes, curtametraxes. Realización de curtametraxe a partir de textos de libros. Obradoiro creativo impartido polo xornalista e  director de documentais Xes Chapela.
 - Abrapalabra: espectáculo de maxia, poesía, contos e xogos de palabras coa  compañía Matapiollos Teatro.
-  Hip Hop poema pop, concerto e obradoiro interactivo de música, poesía, pintura e danza realizado por Modestos contos de Broadway.
-  Leixaprem, Martín Codax: un obradoiro de poesía, música e pintura a través do tempo (Século XIII - S. XXI). Unha actividade de creación poética a partir do poema de Martín Codax "Eno Sagrad´ en Vigo" (S. XIII), levado a cabo polo músico Juan Carlos Vázquez
XXIII Campaña de promoción da lectura: con contacontos da Compañía Trinke Trinke, Soledad Felloza, Paula Carballeira, Ramiro Neira, Caxoto ou Genma Pardo.
Contos terribles: contacontos teatralizado a cargo do actor e contador de contos Pablísimo
O cole de Lonxedetodo: contacontos teatralizado polo Rato Camifuco da Compañía Trinke Trinke
Viaxe a París: contacontos teatralizado pola artista Lilí Gruyère da Compañía Trinke Trinke
- Un conto de tres noites: contacontos a partir da adaptación desta obra de Xabier P. Docampo, a cargo do contador de contos Caxoto.
Xeografía do imaxinario: contos e lendas de tradición oral sobre mitoloxía e seres míticos de Galicia, a cargo da actriz e contadora de contos Soledad Felloza.
- Obradoiro Instantáneas de plastilina: obradoiro de creación de personaxes con plastilina. Introdución ao volume co modelado de personaxes e a creación dunha pequena escenografía a partir dunha historia coñecida ou unha creada nese momento, a cargo da monitora María Noel Toledo

http://www.oleiros.org/c/document_library/get_file?p_l_id=14092&folderId=122559&name=DLFE-16559.pdf

- Obradoiros de ilustración: realizaranse talleres de ilustración a través dos cales as nenas e os nenos poidan analizar distintos tipos de ilustracións e dar a coñecer diferentes ilustradoras e ilustradores galegos. Contrataranse ilustradores/as  en función das programacións cos centros de ensino: Marina Seoane, Xosé Tomás, Fran Bueno, Óscar Villán, Marisa Irimia, etc.
- Talleres de banda deseñada: levaranse a cabo talleres de banda deseñada para que aprendan os aspectos básicos do cómic. Contrataranse ilustradores/as  en función das programacións cos centros de ensino: Xosé TomásFran Bueno, Manel Cráneo, etc.
- Encontros con escritores/as: encontros literarios con escritores e escritoras, para dar a coñecer e promover aos nosos autores e autoras e as súas obras. Realizarase a actividade en función das programacións e do autor/a que solicite cada centro de ensino.
- A extracción da poesía: obradoiro de poesía xa escrita. A través de técnicas de collage, poesía visual, ilusións óptico-poéticas, puzzlepoesía, autoría colectiva e, a partir do xa escrito, descubrimos a poesía e extraemos novos poemas e lecturas mesturando a palabra coa imaxe (fotografía, publicidade, pintura), traballando os conceptos de fondo e forma,  coa escritora Emma Pedreira.
- Obradoiro infantil de poesía: obradoiro de iniciación lúdica á linguaxe poética, dedicado a aqueles nenos e nenas que comezan a manifestar un gusto polas letras, unha imaxinación creativa e unha vontade de xogar coas palabras. Dunha maneira desenfadada e moi activa, xogarase a crear metáforas a partir da realidade circundante, imaxinarlle novas calidades a obxectos, a cargo da poeta Yolanda Castaño.
- Obradoiro xuvenil de poesía: traballarase tanto con prácticas de estimulación creativa como reforzándoas a partir de textos que conecten co seu mundo. O amor, o erotismo, a dor, a carraxe ou a liberdade son eixos temáticos que proporcionan, á vez, campos aboados para a experimentación poética, levado a cabo pola poeta Yolanda Castaño.
- O corazón delator e outros contos: historias de Edgar Allan Poe, cun breve percorrido polos contos máis representativos do autor que revolucionou a literatura gótica, cos seus relatos de medo e terror psicolóxico. Historias de persoas aparentemente normais, sinxelas, de vidas case grises, que se ven envoltas en acontecementos fantásticos, sobrenaturais ou fatídicos, que os levan a situacións límites,  coa actriz Soledad Felloza.
- Contos de candil que ninguén cre: contacontos baseado nas obras  Á lus do candil,  Contos da néboa e Historias que ninguén cre  de Ánxel Fole, por Artestudio Teatro.
Un conto de Nadal: contacontos baseado na célebre obra de Charles Dickens, a cargo da actriz Soledad Felloza.
- “La voz a ti debida”: recital de diferentes poesías desta obra de Pedro Salinas. A autenticidade, a beleza e o enxeño, os tres alicerces da poesía en que cría don Pedro Salinas, fanse verso e voz neste libro,  pola actriz Soledad Felloza.
- Visitas guiadas á Biblioteca Central Rialeda: con esta actividade preténdese ensinar e explicar o funcionamento da Biblioteca Central Rialeda, para que o alumnado a utilice fóra do seu horario escolar, presentar a páxina web municipal, o blog das bibliotecas e aprender a realizar buscas no catálogo. Esta actividade está levada a cabo polo persoal das bibliotecas e finaliza cun contacontos titulado Feirantes a cargo do actor e contador de contos Ramiro Neira. Realizado a partir da adaptación dun relato da obra Os outros feirantes de Álvaro Cunqueiro.
- A favor da igualdade. Conmemoración do día internacional da muller: realización de exposicións bibliográficas na Biblioteca Central Rialeda  e na Biblioteca Pública Municipal e Centro de Documentación da Muller Rosalía de Castro de Santa Cruz, conferencias e outras actividades sobre temas relacionados coa muller.
- “Príncipas e princesos”: divertida reflexión sobre a igualdade.  Espectáculo de narración oral interactivo con contos tradicionais e contemporáneos contados con kamishibai, monicreques de variña e música, a cargo do actor Pablísimo.
- Contos contados con todas e todos: contacontos no que se tratan os relatos desde un punto de vista non sexista, desmontando moitos mitos adquiridos e facendo reflexionar a todas as nenas e nenos. As personaxes comprenden a importancia da igualdade de xénero, desempeñan roles non moi usuais ... ensinan que todas e todos debemos ter as mesmas oportunidades, a cargo do contador de contos Caxoto.
- Mulleres que corren con lobos: recital de lendas baseado na recompilación de Clarissa Pinkola, interpretado por Inés Cuadrado, con acompañamento en clarinete de Xocas Meijide.
- Conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil: exposición de obras de literatura infantil e xuvenil e contacontos teatralizado titulado Contos con ovos, un espectáculo de narración oral, adiviñas, xogos de palabras, obxectos e bonecos a cargo do actor Pablísimo.
- Conmemoración do Día do Libro: mostra de diversas edicións da obra de “El ingenioso hidalgo Don Quijote de la Mancha”, exposición doutras obras de Miguel de Cervantes Saavedra, exposición de obras de autores/as que recibiran o Premio Cervantes e o espectáculo “Las Ingeniosas del hidalgo: El Quijote en voces de mujeres”  no que a actriz Soledad Felloza relata varios monólogos curtos nos que se dramatizan diferentes personaxes femininos da obra de Cervantes. Narra diversos capítulos de “El Quijote” nos que as mulleres teñen certo protagonismo.
- Conmemoración do Día das Letras Galegas: co obxectivo de achegar a figura e a obra de Xosé María Díaz Castro realizarase unha mostra de fondos bibliográficos de e sobre Xosé María Díaz Castro e para lembrar obras e escritores/as aos que se lles dedicase o Día das Letras Galegas levarase a cabo unha exposición de literatura galega, ademais dunha charla-coloquio sobre Xosé María Díaz Castro a cargo do profesor,  escritor e crítico literario Armando Requeixo, na que se comentarán os aspectos biográficos máis significativos deste autor, así como a importancia e características fundamentais da súa obra.
- Guías de lectura e recomendacións bibliográficas: recomendacións de obras pola súa calidade literaria, artística ou científica, infantís, xuvenís e de adultos. Relacións de libros, DVD, CD, por idades, temas ou contidos para difundir a súa lectura e tamén para suxerir como un bo agasallo.
- Club de Lectura Infantil e Xuvenil Rialeda: é unha actividade libre na que poden participar nenas e nenos a partir de 9 anos e adolescentes, onde se len ou comentan diferentes libros, coa que pretendemos fomentar a lectura, animar a ler, que se divirtan coa literatura, que o pasen ben e, en definitiva, formar boas lectoras e lectores.
- Hora do conto e narración de contos: actividade que se realiza en todas as bibliotecas municipais, para nenas e nenos menores de 10 anos, a través da narración ou dramatización dun ou varios contos, cun enfoque lúdico e cunha vivencia activa e participativa cos libros.
- Talleres de lectura e tertulias literarias para mozas/os e adultas/os: consiste no comentario dun libro, fundamentalmente do xénero narrativo, pero tamén se procura ler teatro, poesía e ensaio. Este libro é facilitado, previamente, pola biblioteca ás persoas participantes para que o lean. Dependendo de como sexa o libro coméntase o argumento, recursos literarios, tema que trata ou con que está relacionado, etc. Unha monitora e o persoal da biblioteca dirixen a actividade facilitan material complementario (artigos de prensa, entrevistas, películas, bibliografías, etc.) para o seu desenvolvemento.

http://www.oleiros.org/c/document_library/get_file?p_l_id=14092&folderId=122559&name=DLFE-16559.pdf
- Roteiro cultural e literario: esta actividade organízase entre o Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais, o Servizo de Normalización Lingüística e o IES Miraflores. Consiste no recorrido por distintos lugares do municipio nos que viviron diferentes mulleres e homes ilustres, como unha homenaxe a todos eles. Este curso comezamos en Dorneda, no antigo Pazo de Xaz, co ilustrado liberal e xornalista Manuel Pardo de Andrade, trasladámonos a Montrove onde naceu a matemática María Wonenburger, posteriormente desprazámonos a Oleiros onde traballou o escritor Manuel Lugrís Freire.

28/10/13

“Se de medo queres tremer mira ben o que vas a ler”: expo sobre o Samaín na Biblioteca de Santa Cruz, na de Montrove e Rialeda

Na Biblioteca "Rosalía de Castro" de Santa Cruz, Biblioteca "Federico García Lorca" de Montrove e Biblioteca Central Rialeda de Perillo, poderás atopar material relacionado co Samaín: as cabazas, as caveiras, bruxas e personaxes do Outromundo que che farán tremer pero que non poderás deixar de ler.
http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=19787Samaín, palabra gaélica, non significa máis que fin do verán, principio do inverno. Na antiga cultura céltica o tempo de Samaín, especialmente a noite do 31 de outubro ao 1 de novembro, era o período máis importante do ano. Eran datas clave para se reunir nos camposantos, comer o ritual e comunal porco de samaín e concelebrar as farradas festeiras dos guerreiros. Era a noite máis perigosa do ano: as portas do Outromundo abríanse nesas horas e as ánimas eran quen de vir visitar este mundo e aos seus moradores: tantas veces para render contas inacabadas.

Tertulia literaria en Rialeda: 30 de outubro (Grupo A)

Na Biblioteca Central Rialeda (Casiña de actividades)
Hora: 17,30 a 19,30 h.

Comentario da obra "Amor de Artur" de Xosé Luis Méndez Ferrín
Documentación
Obras de Xosé Luis Méndez Ferrín nas nosas bibliotecas.

 Nesta sesión contaremos coa presenza da profesora e catedrática de lingua e literatura galega Rosa García Vilariño.

A seguinte obra programada é "La gran casa" de Nicole Krauss.