15/1/21

Recomendacións en Radioleiros: 15 xaneiro 2021

- Infantil (nenas-os a partir de 6 anos):

"O meu avó e o queixo" de María Reimóndez. Ilustracións de Vanesa Álvarez. Editado por Alvarellos.  
 
Sabores, afectos cos maiores e lingua mestúranse neste texto fermosísimo de María Reimóndez con ilustracións procedentes da arte urbana que nos remiten ao graffiti e ao collage.

- Mozas-os e adultas-os:

"Las dos Fridas: recuerdos escritos por Frida Kahlo". Ilustrado por Gianluca Folì. En Libros del Zorro Rojo.

A casa da nenez de Frida no barrio de Coyoacán tráelle lembranzas daqueles anos de problemas de saúde e primeiras inquedanzas artísticas que foron fundamentais para a súa evolución posterior. Ilustracións que corresponden perfectamente co espírito do texto.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

13/1/21

AVISO: horario das Bibliotecas Municipais en xaneiro de 2021

Horario das Bibliotecas Municipais durante o mes de xaneiro de 2021:

- Biblioteca Central Rialeda (Perillo): Aberta no seu horario habitual. Pecha ao público o 2 de xaneiro.
- Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz): Aberta no seu horario habitual. Pecha ao público o 2 de xaneiro.
- Biblioteca Municipal "Mª José Trincado" (Mera): Aberta no seu horario habitual.
- Biblioteca Municipal "Mª José Ruso" (Dorneda): Aberta no seu horario habitual. Pecha ao público o 5 e 22 de xaneiro.
- Biblioteca Municipal "Manuel María" (Oleiros): Aberta no seu horario habitual. Pecha ao público o 4, 5, 7, 8, 9, 15 e 27 de xaneiro.
- Biblioteca Municipal "Ánxel Fole" (Nós): Aberta no seu horario habitual. Pecha ao público o 4, 5 e 29 de xaneiro.
- Biblioteca Municipal "Xograr Mendiño" (Lorbé): Aberta no seu horario habitual. 

Desculpen as molestias. Feliz 2021!

60 aniversario da publicación de "Memorias dun neno labrego"

Bestseller e longseller! Van 60 anos da publicación, na editorial Follas Novas na cidade de Bos Aires, de "Memorias dun neno labrego" de Xosé Neira Vilas. 35 edicións e 700.000 exemplares convirten a historia de Balbino no libro escrito en galego máis vendido, editado e traducido da nosa historia! Idiomas como o alemán, sueco, romanés, ucraíno, búlgaro, esperanto, checo, maia, ruso, e a publicación en braille achegan a obra de Neira Vilas a moitas-os lectoras-es de todo o mundo.
O 5 de xaneiro de 1961 publicábase a primeira edición dun libro que faría historia na literatura galega.
"Memorias dun neno labrego" inicia unha triloxía completada con "Aqueles anos do Moncho" e "Cartas a Lelo" que falan da Galicia rural, a emigración e a desigualdade, ben coñecidas polo seu autor.
Unha morea de iniciativas conmemoraron a celebración deste aniversario, como foi a presentación do documental "Un legado de futuro", contido audiovisual que achega datos relevantes sobre Neira Vilas, o seu tempo e a súa obra. A Real Filharmonía de Galicia interpretou, en novembro de 2020, por vez primeira, a composición "Memorias dun neno labrego", orixinal do músico de orixe galega asentado en Nova York Aaron Siebert a partir da obra homónima do autor nacido en Gres.
Bibloleiros aproveita este aniversario para homenaxear a Xosé Neira Vilas e a súa obra cunha exposición bibliográfica no vestíbulo da Biblioteca Central Rialeda. Xosé Neira Vilas, que tivo, xunto á súa parella Anisia Miranda, unha vinculación especial con Oleiros, dálle nome, desde a súa inauguración en maio de 1989, ao IES situado en Perillo. Recuperamos unhas palabras daquel discurso de inauguración: "Quero adicar esta homenaxe que me facedes, ós rapaces de Galicia, ós Balbinos todos, ós nenos das aldeas, das vilas, das cidades do noso país... O mundo agarda por vós. O século XXI agarda por vós. Adiante."

Fontes: culturagalega, nosdiario, iesneiravilas, rfgalicia


Tertulia literaria (virtual) en Rialeda: 13 xaneiro 2021 (Grupo A)

17:30 h. Sesión virtual (90 minutos)

Comentario de Intemperie, de Jesús Carrasco
Documentación

Seguinte lectura: Tierra de campos, de David Trueba