Recuperada do esquecemento a novela inédita de
Méndez Ferrín, "
Os corvos, a figueira e a fouce de ouro". Por esta obra o autor foi levado a prisión en 1969, acusado dun delito de propaganda ilegal: tres libros de Mao-Tse-Tung; dúas revistas sobre Cuba; un libro sobre Hô-Chi- Minh; o poemario Os nenos do Vietnam de Farruco, pero sobre todo tres exemplares da súa novela inédita de corenta e unha páxinas e asinada co pseudónimo de Laín Feixóo,
"Os corvos, a figueira e a fouce de ouro", custáronlle a Xosé Luis Méndez Ferrín ser detido, xulgado e encarcerado, durante case dous anos, por un suposto delito de propaganda ilegal. Era 1969 nunha España en estado de excepción, e aínda que o autor, na súa primeira declaración manifestou que se trataba dunha ficción alegórica, baseada en feitos reais, e que nunca pensara en publicar, a sentenza condenou o escritor por un delito de propaganda ilegal. Cumpridas as penas de prisión ás que Ferrín foi condenado, os tres exemplares, así como a tradución encargada a Francisco Fernández del Riego polo xuíz instrutor do Tribunal de Orden Público, de
"Os corvos, a figueira e a fouce de ouro", caeron no esquecemento.
Pasaron máis de 50 anos, ata que o docente e investigador da Universidade Vigo,
Fernando Ramallo, logo dunha conversa co propio Ferrín en marzo de 2018, inicia un proceso que culmina a finais de 2019 coa localización, primeiro, e a posterior restauración da obra inédita do escritor ourensán. “Pasados máis de cincuenta anos, a novela que serviu como proba para a acusación e que levou a
Méndez Ferrín ao cárcere permanece inédita e durante todo ese tempo, formou parte da documentación relacionada co caso nos fondos do que actualmente se coñece como
Centro Documental de la Memoria Histórica, (Salamanca)”. A finais de 2018 recibíu a confirmación de que a novela fora localizada.
Le a
nova completa de Mª del Carmen Echevarría. A que esta historia podería ser un guión de película?