Chegou a nova edición da Hora do conto nas bibliotecas municipais, de febreiro a maio. Todas as sesións son ás 18:30 horas!!!
Participarán contadores/as de gran calidade como Raquel Queizás, Paula Carballeira, Caxoto, Soledad Felloza, Ramiro Neira, Charo Pita, Pablísimo, Gemola, Pedro Brandariz, Marisa Irimia, Trinke Trinke, Elefante Elegante, Pavís Pavós, Cucarandainas, etc.
Na Biblioteca Central Rialeda de Perillo e na Biblioteca Xograr Mendiño de Lorbé serán os xoves; na Biblioteca Rosalía de Castro de Santa Cruz os mércores; na Biblioteca Mª José Ruso de Dorneda levaranse a cabo os luns; na Biblioteca Federico García Lorca de Montrove e na Biblioteca Manuel María de Oleiros os martes; na Biblioteca Mª José Trincado de Mera e na Biblioteca Ánxel Fole de Nós realizaranse os venres alternos.
Co éxito que tiveron na Biblioteca Rialeda e na Biblioteca Rosalía de Castro as sesións dirixidas aos menores de 4 anos na temporada anterior, ampliouse esta oferta ás bibliotecas de Dorneda e de Mera, de forma que unha semana as sesións de contacontos serán para nenos e nenas de 1 a 4 anos e a seguinte para maiores de 4 anos e así sucesivamente nas catro bibliotecas. Desta forma as familias con nenos/as destas idades terán unha programación máis ampla e diversificada á que asistir.
As nenas e os nenos menores de 4 anos poderán gozar con espectáculos como: “Nanovo”, “Nano e Dara”, “O xogo de Nano”, “Toin, toin” e “Oooh!” de Raquel Queizás, “Palma, repalma” de Pavís Pavós, “A viaxe de Lup”, “O regalo”, “Cabaliño Hop” e “A visita do oso” de Soledad Felloza, “Arrolacontos” e “Bicos con leite” de Charo Pita, “Pequeniños” e “Entrecaixas” de Cucarandainas, “Glub!” de Ramiro Neira.
As nenas e os nenos de 5 a 10 anos poderán divertirse con representacións como “Contos das terras onde o sol se deita”, “Contos de misterios e de noites de lúa chea”, “Contos que trouxo o vento do norte para que escoiten as túas orellas” e “Contos de adiviñas e agasallos” de Paula Carballeira, “Sopa de contos” de Marisa Irimia, “Cousas de gatos” de Pedro Brandariz, “Zampulladas come de todo menos trapalladas”, “O marabilloso mundo do circo” e “Historias incribles” de Gemola, “Contos con cores”, “Contos que leva o vento” e “Os contos teñen flor” de Ramiro Neira, “Chismes, lerias e outras historias” de Pablísimo, “Contos de fillos que non o teñen tan doado” de Soledad Felloza, “Contos que deixan pegada” de Pavís Pavós, “Días de libros” e “Sopa de Letras Galegas” de Caxoto, “O xornal de Lonxedetodo” da Avoa violeta, “Un invento para chegar ao ceo” de Carolina “Avós”, “O coelliño” e “Contos de Perrault” de Lilí Gruyere, “Contos de ratiños” e “Rato Canguro” de Camifuco, ambos da Compañía Trinke Trinke.
Este ano, ademáis destas sesións tradicionais, haberá outras actividades de animación á lectura como maxia, teatro, monicreques, música e diversos obradoiros de creación de marionetas de papel, animalario fantástico, ilustración, creación de fósiles de dinosauros, etc.
Así, poderán participar no “Obradoiro espectáculo de maxia: O Sorriso de Rosalía” con Chrystyan Magic, “Maxia cómica” a cargo de Leo Leiño, “Lobo Bobo” de Elefante Elegante, “O libro da selva” de Títeres Cachirulo, “Crea fósiles de dinosauros” con Maumarela, “Obradoiro de ilustración Ñam!!” con Teatro Babaluva, “Obradoiro de marionetas de papel” de Viravolta Títeres, “Animalario fantástico” de Crearte Servizos Culturais ou “Moito conto” de Cucarandainas.
Importante!!: todas as sesións dirixidas a nenas e nenos de 1 a 4 anos e moitos dos espectáculos para nenas e nenos de 5 a 10 anos teñen un aforo limitado, polo que é imprescindible reservar praza chamando por teléfono á biblioteca á que se desexe asistir.