4/2/22

Recomendacións en Radioleiros: 4 febreiro 2022

- Infantil (nenas-os a partir de 6 anos): 

"A estraña visita" de Gracia Iglesias. Ilustracións de Vicente Cruz. Editado por Bululú.

Inspirada nun conto tradicional escocés, “A estraña visita” é unha historia terroríficamente divertida na que unha velliña que desexa ter compaña vaise atopar, nunha noite tormentosa, cunha visita inesperada e moi estraña. Historia de humor arrepiante cun sorprendente final. 

- Mozas-os e adultas-os:

"Madialeva" de Ana Moreiras. En Aira.

Madialeva é un colorido libro de banda deseñada que nos traslada á Terra Chá, concretamente ao lugar de Miraz, no que a autora pasou a súa infancia e no que todas-os poderíamos recoñecer a nosa aldea. É unha homenaxe, tan sentida como reivindicativa, ao rural galego afastado de tópicos e moi especialmente ás súas mulleres. Mulleres fortes e loitadoras como Pelines, Gloria ou Mirta ás que este cómic dá voz.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.


31/1/22

Presentación do libro "Un peixe na gorxa" de María G. Cotelo

No Teatro As Torres (Santa Cruz), o xoves 3 de febreiro, ás 20:00 h., terá lugar a presentación do libro "Un peixe na gorxa" de María G. Cotelo.

María G. Cotelo estará acompañada do escritor Cesáreo Sánchez.

O poemario Un peixe na gorxa, publicado na editorial Toxosoutos na colección Letra Inversa, é unha escolma poética formada por 43 poemas que falan do amor, o desamor, a beleza... Para a autora, escribir poesía é unha especie de catarse mediante a cal canaliza as paixóns que dá a madureza.

María G. Cotelo vive en Santa Cruz (Oleiros). Traballa na empresa familiar desde hai máis de vinte anos. O seu amor pola poesía, alimentado pola canción popular, venlle desde nena. Ten un Blog de contos denominado La vida a cuestas, no que escribe tanto en galego como en castelán. A lectura e o atletismo son as súas maiores afeccións.

En atención ás indicacións e medidas de seguridade fronte ao COVID-19, a presentación terá aforo limitado e será obrigatorio  manter a distancia de seguridade e asistir con máscara, así como atender ás indicacións e normas da organización.

Desde as bibliotecas municipais invítase ás persoas que desexen asistir ata completar o aforo permitido para que gocen coa palabra.

Tertulia literaria (virtual) en Rialeda: mércores 2 febreiro 2022 (Grupo B)

17:30 h. Sesión virtual (90 minutos)

Comentario de La herencia, de Vigdis Hjorth
Documentación

Seguinte lectura: El fin de semana, de Bernhard Schlink

Tertulia literaria (virtual) en Santa Cruz: martes 1 febreiro 2022 (Grupo A)

17:30 h. Sesión virtual (90 minutos)

Comentario de Y llovieron pájaros, de Jocelyne Saucier
Documentación

Seguinte lectura: A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. Docampo