22/8/14

Recomendacións en Radioleiros: 22 de agosto

- Infantil (a partir de 3 anos):

"Onde estás, Caracol?" de Susanna Isern ; ilustracións de Leire Salaberria
OQO Editora

Unha tarde cando comezaba a chover e Lagartiña corría para a súa casa,
veu a Caracol que nese momento asomaba a cabeza. Aquela noite soñou con el e ao día seguinte decidiu ir buscalo. Buscou por todas partes ata que o atopou durmindo enriba dun xirasol e agardou ao seu lado ata que espertase. Pola tarde como chovía e as lagartiñas arrefríanse ao mollaren, tivo que marchar para a casa moi triste. Desde ese día, ao saír o sol, Lagartiña ía buscar a Caracol...

Fermosa obra que narra unha relación que parece imposible: Caracol non pode saír ao sol porque senón
sécase e agarda dentro do seu caparazón a que chova. Lagartiña, pola contra, enferma se se molla. Conta como Lagartiña e Caracol tiran de enxeño para poder estar xuntos.

Delicioso conto no que a autora quere destacar que se se loita, con ilusión e imaxinación,  poden superarse as diferenzas. Ademais posúe unhas preciosas ilustracións, nas que Lagartiña e Caracol son uns personaxes humanizados moi entrañables. En toda a obra predominan as cores cálidas e vivas, creando unhas paisaxes moi alegres (aínda cando chove) que fan un libro que desprende ledicia e felicidade.

- Mozos/as e adultos/as:

"El proyecto esposa" de Graeme Simsion
Salamandra

Unha divertida novela narrada en primeira persoa polo protagonista Don Tilman, profesor de xenética na universidade de Melbourne, quen coñecedor dos estudos que demostran que os homes que viven en parella son máis felices que os solteiros, decide facer un proxecto que lle axude a buscar a esposa ideal. Don ten 39 anos, é intelixente, metódico, organizado, cunha vida estruturada, directo e sincero, ao que lle é difícil entender esta sociedade na que moitas veces as persoas din o contrario do que pensan.

Debido a súa dificultade para relacionarse cos demais e pola súa forma de ser nunca consegue ter unha segunda cita cunha muller. El sabe que é unha persoa difícil de entender, cun cerebro diferente á maioría dos seres humanos, pero non comprende como el, un home en forma, cun bo estatus social non consegue ter parella. Decide redactar un cuestionario de 16 páxinas para atopar a parella perfecta para el: unha muller puntual, que non fume nin beba  e que as candidatas deben cumprimentar. Pero coñece a Rosie Jarman, unha fermosa muller, que fuma, bebe, chega tarde e é

vexetariana. Unha muller inadecuada que nunca superará o cuestionario, pero que irá facendo que cambie algúns dos requisitos marcados ao principio. Fanse amigos, mais está totalmente descartada para o Proxecto esposa. Ela tamén  ten o seu proxecto propio que é atopar ao seu pai biolóxico. Don, debido aos seus coñecementos de xenética, decide axudala, para o que saltará unha e outra vez as súas estritas regras.

Unha obra fácil de ler, unha comedia simpática, chea de ironía e humor, con moitos diálogos, un ritmo áxil e escenas divertidas, que fará as delicias das persoas que a lean e coa que poderán pasar un fin de semana moi agradable.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.