30/7/21

30 de xullo: na Biblioteca de Santa Cruz celebramos o Día Internacional da Amizade

O 30 de xullo celébrase o Día Internacional da Amizade. Din que quen ten un amigo-a ten un tesouro, e nós pensamos que un libro é un tesouro... Así que desde a Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz) pareceunos que unha boa forma de celebrar este día sería coñecendo historias que nos falen dese vencello tan especial que une as persoas e fomenta as relacións entre as diferentes culturas, países e colectividades.

Aquí vos deixamos un pequeno vídeo con propostas para as-os máis pequenas-os da casa, lecturas frescas, a ver se así conseguimos un verán cheo de amor e amizade!!!

Recomendacións en Radioleiros: 30 xullo 2021

- Infantil (nenas-os de 6 a 8 anos):
"O dragón que non botaba lume" de Carlos López; ilustracións de Óscar Villán. En Galaxia.
Despois dunha tempada sementando o terror, un dragón deixa de botar lume. Un problema co que non contaba e que ten que amañar.
- Mozas-os e adultas-os:
"Madrid" de Andrés Trapiello. Editado por Destino.
Instalado na cidade desde 1975, Trapiello retrata a súa experiencia na mesma dun xeito lóxico e, á vez
desordenado: casas, xente, barrios, museos, bares.. formando un “pobo grande e revolto” en palabras de Galdós. Un Madrid poliédrico capaz de reinventarse todos os días neste ensaio de alta calidade literaria e expositiva.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas. 

26/7/21

Doses de aloumiños: Exposición de libros infantís sobre as avoas e os avós na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz)

O 26 de xullo celébrase o Día das avoas e dos avós . Figuras que conforman sólidos pilares familiares creando vencellos especiais coas súas netas e netos. 

Consentidoras-es, tenras-os e cunha grande sabedoría, as avoas e os avós sempre están dispostas-os para aloumiñar, aconsellar e coidar. Por iso, desde a Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz), queremos brindarlles unha homenaxe escollendo unha serie de libros nos que as-os protagonistas das historias son elas e eles. 

Porque un conto lido pola túa avoa ou polo teu avó é a mellor dose de aloumiños para rematar o día!!!

Clica na imaxe para ver a escolma de libros.