1/7/11

Recomendacións en Radioleiros: 1 de xullo

- Para nenos e nenas menores de 8 anos:
"O corazón do xastre" de Txabi Arnal e Cecilia Varela.



Editado por OQO
Fermosa obra que nos fala dun xastre que traballaba para os señores e señoras de palacio e estaba canso de facer sempre ese tipo de roupa, sentía un inmenso baleiro no seu interior. Unha noite, mentres que todos durmían, decidiu marchar. Levou como única equipaxe un cofre cos seus instrumentos de traballo. Segundo vai camiñando descobre que a xente non vive tan ben como era de supoñer. No mundo hai máis pobreza e problemas dos que se imaxinaba e el decida axudar ás persoas que vai atopando no camiño.
Entrañable texto xunto cunhas delicadas ilustracións que os nenos e nenas deben observar xa que unhas veces reforzan o relato e outras desvelan aspectos interesantes.

- Para mozos/as e adultos/as:
"Non hai noite tan longa" de Agustín Fernández Paz.
Editado por Xerais.
"Non hai noite tan longa" conta o regreso de Gabriel Lamas, un home de 50 anos, asentado en París dende 1970 e que volve á vila galega na que naceu con motivo da morte da súa nai. Aos dezaoito anos marchou de Monteverde e nunca máis volveu. Nin sequera cando morreu o seu pai, inxustamente acusado dun delito polo que foi condenado e encarcerado, nun proceso que provocou a súa morte, en 1972. Só trinta e dous anos despois, o falecemento da súa nai é o que o forza a regresar. A Galicia coa que se atopa en 2002 é moi distinta, pero o problema que o obrigou a marchar formou unha ferida no seu interior que non pechou. Ten unha debida co seu pasado, limpar a memoria do seu pai.
Excelente obra ambientada nos últimos anos da ditadura e principio do século XXI que presenta unha ollada crítica sobre a nosa sociedade e que nos fala da culpa, a vinganza, pero sobre todo da xustiza, o amor e a morte.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

30/6/11

Horarios das Bibliotecas de Oleiros durante xullo, agosto e setembro

foto horarios bibliotecas de OleirosInformámosvos dos horarios das Bibliotecas para este verán, (clica na imaxe e accede aos horarios de todas as bibliotecas durante os meses de xullo, agosto e setembro).

Aproveitamos para recordarvos que na Biblioteca Central Rialeda poderedes renovar os libros daquelas outras bibliotecas que estean pechadas. Lembra que deberás facer a devolución dos libros ou o material que teñas en préstamo na biblioteca onde o retiraches. Se a biblioteca correspondente está pechada, espera a que abra para facer a devolución.

Como sempre, podedes contactar connosco ou consultar calquera dúbida sobre o horario chámandonos á Biblioteca Central Rialeda, no teléfono 981 63 95 11 ou envíandonos un correo electrónico a: biblioteca.rialeda@oleiros.org

Queremos desexar un feliz verán a todas as persoas que nos seguen a través do noso blog e da web do Concello de Oleiros, e por suposto a todos-as os-as nosos-as lectores-as e usuarios-as.