- Infantil (a partir de 6 anos):
Gran festa de aniversario para tigre. Escrito e ilustrado por Janosch
Kalandraka
Janosch está recoñecido internacionalmente como un dos mellores autores e ilustradores de libros infantís.
Ten diversas obras nas que o protagonista é pequeno Tigre e que temos nas bibliotecas de Oleiros: Yo te curaré, dijo el pequeño oso, Correo para el tigre, El pequeño tigre y el osito en la ciudad, De cómo el tigre aprendió a contar, ¿Que bonito es Panamá!: la historia de como el pequeño tigre y el pequeño osito fueron a Panamá e a que recomendamos hoxe: Gran festa de aniversario para Tigre.
Un día tigre pequeno díxolle a oso pequeno que estaba de aniversario e que quere celebrar unha festa por todo o alto, invitando aos seus amigos e veciños.
Pero organizar unha festa non é doado, hai que escribir aos convidados, preparar a comida e a bebida, organizar a casa, seleccionar a música.
En total cen invitados. Oso pequeno axudáballe e escribiu as cen invitacións a toda présa. Todos se puxeron en camiño para ir á festa de tigre pequeno: o león dos pantalóns azuis, o sonecas, a galiña co seu ovo, as dúas ras do bosque Rin e Ran, o Mocoso e máis o seu cabalo, o home narigudo e o enorme elefante gris, etc. Os que podían levaban algo de beber, ademais das botellas de zume de tía gansa. Mentres tanto, tigre pequeno xuntou todas as potas que tiñan na casa para cociñar unha sopa de cebola, verduras e patacas, porque os convidados sempre teñen fame. Despois de tantos esforzos chega o momento de divertirse, de cantar, bailar e de facer novos amigos...
Unha fermosa historia acompañada dunha boa edición e unhas coloridas ilustracións, que nos lembran aos debuxos infantís.
Unha nova aventura destes entrañables personaxes, unha guía perfecta para preparar unha festa de aniversario inesquecible e na que pode suceder o máis inesperado.
Dispoñible tamén a versión en castelán co título ¡Feliz cumpleaños, pequeño tigre!
- Mocidade e persoas adultas:
Baumgartner, de Paul Auster
Seix Barral
Versión dixital en eBiblio
Paul Auster foi un escritor, tradutor, guionista e director de cine estadounidense, que faleceu o 30 de abril deste ano. Autor de libros como Trilogía en Nueva York, Leviatán ou Tombuctú. Foi galardoado co Premio Príncipe de Asturias das Letras. Cando o seleccionaron, o xurado destacou a súa renovación literaria, que permitiu unir «tradición americana e europea» así como «pola súa capacidade para innovar o relato cinematográfico e incorporar á literatura algunhas das súas achegas» e destacou «a súa exploración de novos ámbitos de realidade que conseguiu atraer a novos lectores, ao dar un testemuño esteticamente moi valioso dos problemas colectivos e individuais do noso tempo».
O autor asegurou que nas súas novelas intenta ser realista e reflectir fielmente a realidade dun mundo «raro e impredecible».
Un dos escritores estadounidenses máis famosos deste século.
Preséntanos unha reflexión dun home viúvo, a través das lembranzas, sobre a soidade, a perda dun ser querido, o amor e o paso do tempo.
Baumgartner é un profesor universitario, algo excéntrico, que se enfronta á vellez, tras falecer a súa esposa, Anna, hai nove anos nun accidente nadando. A súa vida estivo definida polo amor que sentía hacia ela e polo seu traballo de profesor de filosofía; e como agora, con 71 anos, continúa loitando por vivir na súa ausencia e intenta superalo.
A través dos recordos, vemos como se coñeceron en Nova York, en 1968, sendo estudantes, ata construír unha vida xuntos.
Presenta as diferenzas entre a familia dela, pertencente á burguesía e cun bo poder económico, e a del, fillo dun emigrante de Europa do Este, con ideas revolucionarias e dunha nai, abandonada polos pais e criada por un tío...
Nas novelas de Auster podemos ver como inflúe o azar e as casualidades, cun estilo de escritura conciso e cunha gran capacidade para mostarnos imaxes con poucas palabras.
Unha obra de lectura áxil, que provoca distintas opinións. Un discurso a favor do amor e da superación da perda dun ser querido, que invita a pensar en como o amor define e dá forma ás nosas vidas. Un libro de amor pola vida e con esperanza, a pesar da dor, e cun final sorprendente.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.