17/2/23

Entroido 2023 e Hora do conto

Entroido 2023 nas bibliotecas de Lorbé e de Mera
Entroido 2023 en Bibloleiros
Obradoiros de sombreiros de Entroido
- Dirixido a nenas e nenos a partir de 6 anos
- Máximo de participantes en cada obradoiro: 20
- Hora: 17:30
- Imprescindible inscribirse na biblioteca na que desexen participar. Podes facelo telefonicamente ou achegándote á biblioteca correspondente. O prazo para inscribirse ábrese 10 días antes da data de realización da actividade.

 
Biblioteca Municipal Xograr Mendiño (Lorbé)
Xoves 23 de febreiro
Tlf.: 981 618 201
Biblioteca Municipal Mª José Trincado (Mera)
Venres 24 de febreiro
Tlf.: 981 628 507 
 
Hora do conto: 23 de febreiro. Celebramos o Día de Rosalía
Hora do conto Celebramos o Día de Rosalía

Biblioteca Central Rialeda (Perillo)
Xoves 23 de febreiro, ás 18:30 
Para nenas-os a partir de 6 anos (Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 639 511)
TÍTULO: "Rosalía de Castro: a miña historia"
CONTACONTOS: Trémola Teatro
AVISO
O/A adulto/a responsable de cada un dos/as menores de idade deberá permanecer necesariamente no recinto da biblioteca ata que remate a actividade e recolla o neno ou nena.

Recomendacións en Radioleiros: 17 febreiro 2023

Cuberta do libro "Doña Problemas" de El Hematocrítico. Ilustracións de Paco Roca
Recomendacións en Radioleiros: 17 febreiro 2023- Infantil- xuvenil:
"Doña Problemas" de El Hematocrítico. Ilustracións de Paco Roca. En Anaya.
Carlota é unha nena de 10 anos, moi intelixente e tremendamente empática. Isto concédelle un don case que sobrenatural para detectar e solucionar problemas. O patio do cole é a súa zona de actuación. Atoparemos situacións como unha mochila chea de iogur, un mural de ciencias que hai que preparar nos vinte minutos do recreo, etc. Sucesos moi de patio de escola que se misturan con temas tan importantes como o acoso escolar, a dificultade para facer amigas-os ou a soidade da terceira idade.
 
Cuberta do libro "Canto yo y la montaña baila" de Irene Solà
- Mozas-os e adultas-os:
"Canto yo y la montaña baila" de Irene Solà. Editado por Anagrama.
Un auténtico exercicio literario e de delicadeza. Dezaoito capítulos contados por dezaoito narradoras-es distintas-os. Porque non só falan as persoas: os cans, os corzos, as setas, as bruxas, as mulleres de auga, as pantasmas, mesmo a propia montaña terá algo que dicir. Todos formamos parte da natureza e todo o que existe ten algo que contar nesta novela. Unha novela que se desenvolve nas montañas dos Pirineos onde as paixóns son máis crúas e carentes de artificios. A insignificancia do ser humano para a natureza tamén porque calquera día pódenos partir un raio e ao día seguinte as flores seguirán medrando.
 
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

Libros de chulas, orellas, carautas e disfraces: todo o necesario para o Entroido, en Bibloleiros

Libros de chulas, orellas, carautas e disfraces: todo o necesario para o Entroido, en Bibloleiros
Nas Bibliotecas Municipais de Oleiros temos exposicións, como a da Biblioteca Central Rialeda (Perillo), con libros adicados a todo o necesario para gozar o Entroido: confección de disfraces, máscaras; platos típicos desta época do ano, festas emblemáticas do Entroido galego, etc.
Mostra bibliográfica “A cociña galega de Entroido”  na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro. Santa Cruz
 
A mostra bibliográfica da Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz), “A cociña galega de Entroido”, céntrase nos valores gastronómicos do noso Entroido: se por algo é coñecido é polos seus platos típicos: laconadas, botelos, filloas, orellas… cobran un valor especial e se converten en grandes protagonistas desta festa de festas.
Na Biblioteca Municipal Mª José Trincado (Mera) podes visitar a mostra bibliográfica "Tempo de filloas e orellas" de libros do Entroido salientando os doces típicos desta festa. Na Biblioteca Municipal Mª José Ruso (Dorneda) a mostra "Peliqueiros e cigarróns" é unha escolla de contos, música, libros de disfraces e receitas entroideiras. Poderás poñer a proba o teu enxeño cos pasatempos de Entroido e colorear a túa propia máscara.
Na Biblioteca Municipal Xograr Mendiño (Lorbé) tes a mostra "Entroido na biblioteca", na Biblioteca Municipal Ánxel Fole (Nós) a expo de libros infantís "Moitos disfraces polo Entroido" e na Biblioteca Municipal Manuel María (Oleiros) podes contemplar a escolla bibliográfica “Viva o Entroido!!!” sobre as orixes e principais características desta festividade que inclúe saborosas receitas. En todas elas poderás recortar e colorear antefaces impresos en cartolina.
 
Clica na ligazón para ver as exposicións de recursos sobre o Entroido en Bibloleiros!!!


15/2/23

Presentación de "Las voces de mi cabeza. Conmoción" de Lois Calviño: 16 de febreiro 2023

Presentación de "Las voces de mi cabeza. Conmoción" de Lois Calviño: 16 de febreiro 2023
Día: xoves 16 de febreiro 
Hora: 20:00 h.
Lugar: Teatro As Torres (Santa Cruz)
Intervirán: o autor, Lois Calviño e o profesor da Universidade da Coruña, Luís Ángel Veiga.
 
"Las voces de mi cabeza. Conmoción" é unha novela con prisma psicolóxico e perspectiva social sobre a vida dun mozo reservado que intenta fuxir da rutina e da dura convivencia coa súa nai, pero as voces da súa cabeza non tardan en desprezalo. A súa vida dará un xiro de forma inesperada e todo cambiará.
 
Lois Calviño é veciño de Oleiros, cursou o grado de ADE e o mestrado en Banca e Finanzas. Actualmente alterna o seu traballo de asesor financeiro coa súa paixón por escribir e a súa outra gran afección: o baloncesto. 
 
Desde as bibliotecas municipais invítase ás persoas que desexen asistir.