29/6/12

Recomendacións en Radioleiros: 29 de xuño

- Infantil (nenos/as de 8 a 10 anos):
"Corazón de pedra" de Agustín Fernández Paz. Ilustracións de Federico Delicado, editado por Oxford.
Brenda é unha nena á que lle apaixonan os dragóns. Durante as vacacións do verán, ela e seus pais instálanse nunha casa rural e coñece unha lenda dun fero dragón desaparecido. Un día paseando polo bosque, descobre unhas rochas e mirándoas cre que é o dragón fosilizado esperando a que alguén o esperte...
Fermoso relato, cunhas excelentes ilustracións, que nos fala de lendas e contos populares, da importancia da fantasía e da imaxinación e das relacións familiares.
- Mozos/as e adultos/as:
"Solar" de Ian McEwan, en Anagrama
Michael Beard (un científico que recibiu hai tempo o Premio Nobel e que desde ese momento se converte nun burócrata da ciencia) é o director dun centro de investigación instalado nas aforas de Reading. Non é escéptico sobre o cambio climático, pero ten outras cousas en que pensar e espera que os gobernos se reúnan e tomen medidas. El sempre está ao asexo dun cargo oficial que teña unha boa asignación económica. Así transcorre a súa vida, ata que Patrice, a súa quinta, nova e fermosa esposa (19 anos menor que el), o descobre nunha aventura cunha profesora de matemáticas. A reacción de Patrice, non se fai esperar, cámbiase de habitación e comeza unha relación amorosa co construtor que esta realizando unha reforma na súa casa, vinte anos menor que el e capaz de subir correndo as escaleiras cun saco de cemento baixo o brazo. Así empezarán a complicárselle as cousas. Beard, que sempre tivera éxito coas mulleres, e en todos os seus matrimonios el fora o adúltero e o culpable, agora suspira polo amor da súa muller e todo se complicará máis cando ela coñece a Tom Aldous un bolseiro do centro de investigación apaixonado polo que fai …
As obras deste autor sempre sorprenden, neste libro mestura realidade con ficción, a vida cotiá cos problemas da infidelidade e todo rodeado da temática do cambio climático, o quentamento da atmosfera e a busca de enerxías alternativas e renovables.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

27/6/12

Literatura do balón: libros e pelis para vivir a copa de Europa 2012 (Vol. II)

Aquí vai a escolma de libros e películas da Biblioteca Central Rialeda para os/as nenos/as siareiros/as do balón.

Enigmáticas historias e apaixoantes libros atraparánvos entre as redes destas aventuras relacionadas co esférico rodante (22 entre libros e películas neste Volume II). Consulta dispoñibilidade e lévate a casa algún desta especial selección.


Piiiiiiiiiiiii! sonou o asubío... que comece a lectura.
 
 


26/6/12

Horarios das Bibliotecas de Oleiros durante xuño, xullo, agosto e setembro

Informámosvos dos horarios das Bibliotecas para este verán, (clica na imaxe e accede aos horarios de todas as bibliotecas durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro).
Aproveitamos para recordarvos que na Biblioteca Central Rialeda poderedes renovar os libros e outros materiais daquelas outras bibliotecas que estean pechadas. Lembra que deberás facer a devolución dos libros ou o material que teñas en préstamo na biblioteca onde o retiraches. Se a biblioteca correspondente está pechada, espera a que abra para facer a devolución.
Como sempre, podedes contactar connosco ou consultar calquera dúbida sobre o horario chámandonos á Biblioteca Central Rialeda, no teléfono 981 639511, envíandonos un correo electrónico a biblioteca.rialeda@oleiros.org, ou a través de CONTACTA BIBLIOTECAS

Queremos desexar un feliz verán a todas as persoas que nos seguen a través do noso blog e da web do Concello de Oleiros, e por suposto a todos-as os-as nosos-as lectores-as e usuarios-as.