O maio do 68 implicou moitos cambios: decisivo para a transformación da Francia contemporánea; explosión de carácter internacional: Praga, México, Pekín, Berkeley, Berlín, Madrid, Santiago de Compostela... conxunción de crise universitaria e crise obreira, revolución transmitida en directo. Non foi un, se non moitos "maios", supuxo a presenza da palabra nas rúas, prazas, bares. Foi un maio lúdico, social, no que as-os xoves convírtense de vez en categoría política. O 68 cuestiona a guerra, o autoritarismo, a concepción clásica da familia, a universidade atrofiada…. Fala de liberación sexual, de novos movementos sociais, de cambios na esquerda… Como se podía ler nunha pintada na parisina Rue Rotrou, "A poesía está na rúa", e desde o 68 o mundo cambiou o paso e agromaron outros xeitos de concebir as relacións entre as persoas, individual e colectivamente.
- Xuvenil (a partir de 12 anos):
"Nunca seré tu héroe" de María Menéndez-Ponte. Editado por SM.
Andrés, o protagonista, heroe ao seu pesar desta historia, non só ten 15 anos, que xa por si só é un problemón… ten unha nai que só sabe dicirlle que estude, a cara inzada de acne, e para complicar máis a súa existencia, unha irmá máis pequena e un irmán máis vello, que se cre moi listo e que segundo Andrés, só serven para facerlle a vida imposible.
A gran afección de Andrés é o debuxo e a verdade é que non o fai nada mal, ten talento, pero a vida non lle pon as cousas doadas. A súa preocupación principal neste momento é a súa ex moza, que está saíndo co máis repelente, pelota e insoportable da clase, Jorge.
- Mozas-os e adultas-os:
"A sociedade literaria e do pastel de pel de pataca de Guernsey" de Mary Ann Shaffer e Annie Barrows. En Rinoceronte.
Nun momento de baleiro literario, a escritora e xornalista británica Juliet Ashton, recibe en forma de agasallo postal, a carta dun descoñecido procedente da illa de Guernsey, ubicada no Canal da Mancha: un tal Dawsey, que lle pide a referencia dalgunha libraría que coñeza e que poida ter algunha outra obra de Charles Lamb, pois foi nun libro deste autor no que atopou o enderezo de Juliet, xa que na illa, tras a guerra, non queda ningún establecemento deste tipo onde atopar lecturas interesantes. A situación desperta a curiosidade de Juliet, que inicia con el unha fluída correspondencia que se extenderá ao resto das-dos membros da sociedade literaria creada na pequena illa durante a ocupación alemana.