2/9/22

Recomendacións en Radioleiros: 2 setembro 2022

- Xuvenil (a partir de 10 anos):

As músicas viaxeiras, de Ramón Caride. Ilustracións de Dani Padrón
Xerais

Versión dixital en GaliciaLe

Un libro de aventuras que trata da igualdade de xénero e da ruptura de estereotipos.

En tempos remotos, cando a xente aínda tiña medo das cousas que andaban de noite, dos meigallos, cando non había redes informáticas nin intelixencias artificiais, nun reino que ninguén lembra había un rei que quería casar a súa filla, Albaflor, co príncipe herdeiro do reino veciño, que lle dobraba a idade e ao que ela non coñecía.
Albaflor debaixo da súa aparente submisión alentaba un espírito rebelde, e non entendía como os homes podían ir a onde quixeran e as mulleres non, o motivo polo que tiñan que pasar a vida no interior dos pazos. Decidiu escapar. Na fuxida atopouse con outras tres mulleres, que se dedicaban a cantar. Como ela tamén cantaba ben, propuxéronlle que as acompañara indo de feira en feira e de romaxe en romaxe, tocando e cantando coplas...

A través da cantiga tradicional as mulleres tiñan un pequeno espazo de liberdade e podían expresar a súa rebeldía. Moitas das cantigas populares teñen un dobre sentido: parece que falan dunha cousa, cando en realidade están contando outra que non se podía falar en público.


Como nos di o seu autor, esta publicación fai “unha revisión dos contos tradicionais actualizados desde o punto de vista das súas protagonistas femininas” e tamén é a continuación dun libro seu anterior Andanzas de Xan Farrapeiro, cunha neta dese personaxe, María Farrapeira, unha das catro músicas viaxeiras, pero é un libro que se pode ler de forma independente.

Unha divertida historia, con princesas rebeldes e músicas ventureiras que nos lembran que non todos os contos son exactamente como nolos contaban.

- Mozas/os e adultas/os:


Pequena Inglaterra, de Ioanna Karistiani
Hugin e Munin

Por esta obra, a autora recibiu o Premio Nacional de Literatura de Grecia. Publicada por primeira vez en Atenas en 1997, desde ese momento sucedéronse as reimpresións e as traducións a diversas linguas. En español está publicada na editorial Lengua de Trapo. En galego publicouse en Hugin e Munin en 2018.

Pequena Inglaterra é o nome que os armadores do Exeo lle deron á illa de Andros, que é a máis septentrional das Illas Cícladas.

A novela desenvólvese na primeira metade do século XX (principalmente entre os anos vinte e os corenta), co mar Exeo e a illa Andros de marco, presentando a forma de vida desta comunidade composta principalmente por familias de mariñeiros.
Narra a vida dunha familia, xunto coa de diversos habitantes, principalmente de mulleres que, ao tempo que administran a casa e crían os fillos, agardan a chegada dos seus homes que están embarcados.
Savvas é un capitán da mariña mercante que pasa a maior parte do tempo navegando polos mares de todo o mundo e ven ver a súa familia cada dous ou tres anos. A súa muller, Mina, de carácter forte, fría e calculadora, goberna a familia segundo a tradición, aumenta o patrimonio mercando propiedades, concerta os casamentos das súas fillas Orsa e Moscha sen contar coa opinión delas, etc., pero non sempre acontece como ela quere...
Orsa era introvertida, solitaria, soñadora, fermosa, calada...
Moscha, a irmá pequena, era rebelde, inconformista, mandona, máis autónoma e independente, sociable, que sentía envexa da súa irmá maior porque era a preferida do pai e que non quería casarse cun mariño...

Asistimos á vida no mar, desgracias, amores cruzados, vodas... Todo isto complicarase coa chegada da Segunda Guerra Mundial...


Os sentimentos e as relacións humanas é o verdadeiramente importante nesta obra. Di a autora “Las entrañas de los seres humanos son los sentimientos y la fuerza de estos sentimientos es atemporal”. O amor, a perda, as renuncias, o mar e a dura paisaxe das Cícladas serán os principais temas polos que xirará esta narración. Vemos as relacións de poder, a xerarquía, a obediencia aos proxenitores, a falta de comunicación dentro da familia, a vinganza, os celos, a soidade, a forza do amor...
Ao estilo das traxedias gregas clásicas, estamos ante unha traxedia moderna de amores segredos na Grecia dos anos 30.

Magníficamente levada ao cine en 2013, polo director Pantelis Voulgaris e con guión da propia Karystiani.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.