19/7/19

Recomendacións en Radioleiros: 19 xullo 2019

https://youtu.be/qepUU9k-sUs
https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=1426219&branch_group_limit_txt=Oleiros-Bibliotecas%20P%C3%BAblicas%20Municipais&branch_group_limit=multibranchlimit-OLE- Infantil (a partir de 4 anos):

Nina e Antón, de Antonio Ventura e ilustrado por Alejandra Estrada
Kalandraka

Un emotivo conto sobre a relación dunha nena co seu gato.

Nina cóntalle un conto a Antón, pero el non a atende como a nena quere. Antón é un gato e non comprende por que a nena lle fala así. Pregúntase se estará enfadada. Nina volve ao libro e segue lendo. Antón déitase no chan e escoita. Pon a súa pouta sobre a páxina cando Nina lle di que hai unha ilustración moi bonita. Nina e Antón enténdense moi ben...

Fermoso texto acompañado dunhas sinxelas e tamén fermosas ilustracións que falan sobre o amor aos animais e da magnífica relación que se pode establecer entre unha persoa e un animal. Neste caso un gato pero tamén podería ser con outros animais.

Esta obra está dedicada a Gabrielle Vincent, a autora do clásico infantil Ernesto y Celestina, que, supostamente, é o libro que a nena lle está lendo ao seu gato.

Recibiu unha mención do IX Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado.


- Mozas/os e adultas/os:

https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-search.pl?idx=&q=flor+purpura+chimamanda&branch_group_limit_txt=Oleiros-Bibliotecas+P%C3%BAblicas+Municipais&branch_group_limit=multibranchlimit-OLE
La flor púrpura, de Chimamanda Ngozi Adichie
Penguin Random House Grupo Editorial

Primeira novela desta escritora nixeriana coa que gañou o Commonwealth Writers' Prize como Best First Book.

Conmovedora historia sobre unha relación familiar ambientada no sur de Nixeria sobre o último terzo do século XX, durante un dos golpes militares, nunha época de conflitos políticos e sociais.

Kambili, unha moza de 15 anos e o seu irmán maior Jaja levan unha vida privilexiada. Viven nunha fermosa casa e van a un elitista colexio relixioso. Eugene, seu pai, é un poderoso e respectado empresario que dá importantes doazóns á igrexa local, a hospitais infantís e a moitos habitantes cristiáns, principalmente á poboación do lugar onde naceu. Ademais é o propietario dun xornal que critica a corrupción e a política de nepotismo do país e que non dubida en enfrontarse ao ditador que acaba de efectuar un golpe de estado e de tomar o poder.

Pero a vida familiar con el é un calvario debido a que é un fanático. Na súa casa non permite a entrada a xente doutras relixións. Non se relaciona con seu pai, ao que denomina pagán por non aceptar o cristianismo, e só deixa que os seus fillos vaian visitalo polo Nadal durante 15 minutos. Tanto á muller como aos fillos infrínxelles duros castigos se non actúan como el quere ou como el considera que di a relixión.

Esta intransixencia os fillos vana soportando porque non coñecen outra forma de vida, aínda que Jaja xa comeza a rebelarse ao non querer ir comulgar. Mais todo cambia, ou empeora, cando os fillos van pasar uns días á casa da súa tía Ifeoma, unha profesora de universidade viúva que vive nun modesto apartamento acompañada dos seus tres fillos (Amaka, Obiora e Chima). Aquí descobren unha liberdade que non existe na súa casa. Seus primos poden falar libremente e dar a súa opinión sobre os temas máis diversos. Non hai castigos físicos e predominan as risas e a ledicia. Despois diso ao volver a súa casa a tensión aumenta, principalmente ao descubrir o pai de que alí tamén estivo o avó...

Unha emotiva historia sobre as relacións familiares e sobre a complexidade das persoas. Como un home pode ser admirado e un benfeitor cara ao exterior e un tirano coa súa propia familia. Non é unha crítica ás relixións, senón á intolerancia e ao fanatismo dalgunhas persoas. Ao mesmo tempo podemos asistir á convulsa situación política e social de Nixeria nesta época de finais do século XX.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

18/7/19

Exposicións bibliográficas de Andrea Camilleri (1925-2019) nas bibliotecas de Santa Cruz e Perillo

https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-search.pl?idx=au&q=camilleri&multibranchlimit=multibranchlimit%3AOLE&multibranchflag=OLE&sort_by=title_az&addto=Engadir+a...&biblionumber=1108255&loggedinuser=&biblionumber=1157603&loggedinuser=&biblionumber=1163098&loggedinuser=&biblionumber=1181633&loggedinuser=&biblionumber=1188917&loggedinuser=&biblionumber=1188946&loggedinuser=&biblionumber=1188954&loggedinuser=&biblionumber=1188957&loggedinuser=&biblionumber=1188959&loggedinuser=&biblionumber=1197837&loggedinuser=&biblionumber=1198845&loggedinuser=&biblionumber=1212043&loggedinuser=&biblionumber=1425930&loggedinuser=&biblionumber=613690&loggedinuser=&biblionumber=734931&loggedinuser=&biblionumber=787550&loggedinuser=&biblionumber=817019&loggedinuser=&biblionumber=1003911&loggedinuser=&biblionumber=1208218&loggedinuser=&biblionumber=510931&loggedinuser=
Na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz) e na Biblioteca Central Rialeda (Perillo) rendimos homenaxe a Andrea Camilleri, este contador de historias que nos facilitou tantos e tantos sorrisos no seus percorridos polas paisaxes sicilianas acompañando ao inspector Montalbano. De seguro os seus soños seguirán repletos de cores. E como Sicilia ben o merece, tal vez na nosa vindeira viaxe intentaremos localizar a inexistente Vigàta na busca dun personaxe tan querido.
Ata pronto mestre, a brisa do Mediterráneo e o cheiro a peixe seguirán a ser os protagonistas das nosas lecturas!!!

16/7/19

Cos pés na Lúa: expo de libros infantís en Rialeda

https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-shelves.pl?viewshelf=6941&sortfield=
A misión Apolo 11, depois dunha viaxe de 3 días e 3 horas aproximadamente, colocou o 20 de xullo de 1969 (hai 50 anos!!!) a 3 astronautas na Lúa.
O noso satélite natural recibíu, por primeira vez, a visita inesperada (habería 6 "visitas" posteriores que levaron á Lúa a 12 persoas máis), de Armstrong, Collins e Aldrin froito dunha aventura fantástica, unha proeza tecnolóxica e o motor inesgotable que a humanidade leva no seu ADN: o desexo de coñecemento. Carreira espacial e guerra fría á parte, a Lúa foi e será un lugar (disque a visita poderíase repetir en 2024) e unha inspiración á que volveremos sempre. Cos pés na Lúa é unha expo de libros de contos, narracións e poesías, para nenas-os de ata os 12 anos, para conmemorar este espacial cincuentenario, na sala infantil-xuvenil da Biblioteca Central Rialeda.
Viaxa á Lúa con contos e poesías!
Por certo, que lle preguntaríamos aos astronautas logo da súa viaxe?, "A que sabe a Lúa?", non si?, como no conto de Grejniec...