10/11/12

Hora do conto: de 12 a 16 de novembro

Aquí tes a programación da hora do conto de 12 a 16 de novembro. Todas as sesións darán comezo ás 18:30 horas.

Luns 12 de novembro
CONTACONTOS: Avoa Violeta da Compañía do Trinke Trinke
TÍTULOS: O espírito de bosque: “O bidueiro de prata”, “Aínda nada?”


Martes 13 de novembro
CONTACONTOS: Soledad Felloza
TÍTULOS: "Rompe con tu mala pata", "Ziezozaurus", "Papá Oso"

Biblioteca Central "Rialeda". Perillo
Xoves 15 de novembro
CONTACONTOS: Soledad Felloza
TÍTULOS: "Cuidado extraterrestres", "Rosa y Trufo", "El Grúfalo"

Venres 16 de novembro
CONTACONTOS: Rato Camifuco da Compañía do Trinke Trinke
TÍTULOS: “Asociación de animais solidarios”: “A casa da mosca chosca”, “O galo que non sabía cantar”, “Dona Carme”
(AVISO: Os títulos programados poden sufrir variacións en función do público asistente)

9/11/12

Tertulia literaria en Santa Cruz: 12 de novembro

Na Biblioteca e Centro de Documentación da Muller "Rosalía de Castro" de Santa Cruz.

De 18,30 a 20 horas.

- Comentario da obra "Nosotras que nos queremos tanto" de Marcela Serrano.
- Entrega de "Memorias de Adriano" de Margueritte Yourcenar.

Obras de Marcela Serrano nas bibliotecas do Concello de Oleiros.

Actividades de Fomento da Lectura 2012-2013


Na XXII Campaña de promoción da lectura as bibliotecas municipais de Oleiros ofrecen 24 actividades dirixidas ao alumnado dos centros de ensino público de Oleiros. Dende a Biblioteca Central Rialeda estase presentando, nos colexios e institutos, as diferentes actividades que o profesorado pode elixir durante este curso escolar para o seu alumnado, clasificadas en función dos cursos ou idades á que van dirixidas.

Para educación infantil e primaria preséntanse contacontos da compañía Trinke-Trinke, Pablísimo, Soledad Felloza, Ramiro Neira, Paula Carballeira ou Caxoto; espectáculos de contacontos teatral; unha adaptación da obra de Xabier P. Docampo “Un conto de tres noites”, etc. Ao cumplirse 10 anos do falecemento do escritor galego Carlos Casares, como unha sinxela homenaxe, figura un contacontos baseado na súa obra “As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas”.

Para educación secundaria ofértase un espectáculo titulado “Xeografía do imaxinario: contos e lendas da mitoloxía galega”; ou tamén un contacontos baseado en relatos de Edgar Allan Poe de “O corazón delator e outros contos” ; ou “Contos de candil que ninguén cre” que é un contacontos realizado a partir das obras de Ánxel Fole “Á lus do candil”, “Contos da néboa” e “Historias que ninguén cre” ; tamén “Cen anos de maxia”, que son actividades baseadas na obra “Merlín e familia” de Álvaro Cunqueiro ou “Feirantes” que é un contacontos que adapta a obra “Os outros feirantes” de Álvaro Cunqueiro; “Canción de Nadal” a partir da adaptación do libro de Charles Dickens ; “O neno preguntaba...”, que é un concerto poético da obra de Celso Emilio Ferreiro.

Para bacharelato, un recital de diferentes poesías de “La voz a ti debida” de Pedro Salinas ; ou a narración de diferentes pasaxes da obra dramática de Shakespeare “Macbeth”; ou “Las Ingeniosas del hidalgo: El Quijote en voces de mujeres” que é un espectáculo con varios monólogos curtos no que se dramatizan diferentes personaxes femininos de El Quijote.

Para diferentes idades tamén se presentan obradoiros sobre o escritor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas no ano 2013, Roberto Vidal Bolaño, sen esquecernos dos tradicionais obradoiros de ilustración ou talleres de iniciación á banda deseñada. Tamén se ofertan obradoiros infantís e xuvenís de poesía, visitas guiadas á Biblioteca Central Rialeda, etc

Actividades moi diferentes que se van a desenvolver na Biblioteca Central Rialeda en Perillo, na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz ou na Biblioteca Municipal Manuel María; coa finalidade de fomentar a lectura e promover os libros e os obxectivos de que o alumnado dos centros de ensino público de Oleiros coñezan algunhas das bibliotecas do seu municipio; potenciar a súa asistencia non só como lugares de estudo e consulta, senón tamén como centros de lectura lúdica; espertar o gusto pola lectura, de forma que vexan os libros como algo ameno, cos que poden pasar bos momentos ao mesmo tempo que se instrúen e amplían os seus coñecementos; achegarnos pola vía da animación aos sectores menos dados á lectura, a aqueles nenos/as, adolescentes e mozos/as que non senten ningún interese por esta; incidir na importancia dos libros de contos, narracións e historietas no desenvolvemento da imaxinación e creatividade dos nenos/as, adolescentes e mozos/as; favorecer procesos de creación e expresión oral e escrita; fomentar unha lectura lúdica, crítica e reflexiva que os faga pensar e reflexionar como cidadáns/as máis libres e solidarios; vivir o libro en colectividade, enriquecéndose cunha lectura activa e participativa; promover a reflexión nos diferentes axentes educativos sobre a importancia da lectura como un enriquecemento individual e colectivo.



Recomendacións en Radioleiros: 9 de novembro

- Infantil (a partir de 4 anos):

Quen levou a Lúa?, texto de Mario Catelli, con ilustracións de Madalena Matoso.

Fai moito tempo, unha manda de lobos preparábase para a chegada da Lúa chea, co motivo de celebrar o nacemento dos seus cachorros. Cada día subían á montaña e ouveaban até a hora de volver ás goridas. Mentres tanto os lobiños pequenos corrían e emporcallábanse pola neve. Kipá, o máis pequeno da manda, quere ouvear como os lobos grandes, pero non lle sae. A noite antes da Lúa chea, cando todos estaban durmindo, escapa á montaña e aspira tan forte que a Lúa se desprende do ceo…

Bonita obra, cunhas fermosas ilustracións, que nos fala de como se aprende na infancia a través da imitación. Unha historia sinxela sobre a aprendizaxe e como os máis pequenos van descubrindo as cousas da vida.

- Mozos/as e Adultos/as:


Este magnífico relato foi escrito en 1886 e trata sobre a ambición do ser humano, cunha vixencia e actualidade total .

Pajom, era un campesiño que canta máis terra tiña, máis necesitaba. Un día chegou a súa casa un home que viña da zona do Volga, e contoulle que os bashkirios estaban a ofrecer tanta terra como puidera recorrer unha persoa nun día...

É un breve texto, de gran calidade literaria, que, acompañado dunhas excelentes ilustracións, fai unha crítica social sobre a cobiza das persoas.

James Joyce dixo del que era o mellor relato curto que lera.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

5/11/12

Tertulia literaria en Rialeda: 7 de novembro (Grupo B)

Na Biblioteca Central Rialeda (Casiña de actividades)
Hora: 17,30 a 19,30 h.

Comentario da obra "La mancha humana" de Philip Roth.
Documentación
Obras de Philip Roth nas nosas bibliotecas.

Entregaráse a obra "A miña planta de laranxa lima" de José Mauro de Vasconcelos.

Laura Gallego, Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2012

A escritora Laura Gallego gañou o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2012, concedido polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, coa obra "Donde los árboles cantan". "Donde los árboles cantan" foi unha novela moi esperada polo-as lectores-as de Laura Gallego, os-as que a autora mantivo informados-as do seu desenvolvemento a través de Twitter. Saíu á venda o 14 de outubro de 2011, cun éxito inmediato; nos dous primeiros días de lanzamento vendéronse máis de 4.000 exemplares; un ano despois superou os 100.000. Trátase dunha obra de xénero fantástico-épico con doses de belicismo e romanticismo. Narra as aventuras de Viana, unha xove que, grazas á súa fiel doncela, consegue escapar dos bárbaros que invadiron o seu reino. Refuxiada no bosque, atopa a Lobo, un valente soldado que se convertirá no seu mentor e a ensinará a sobrevivir na natureza salvaxe, e a Uri, un xoven que cautiva o seu corazón. Coa axuda de ambos, a xove intentará vengar a morte da súa familia e a dos seus mellores amigos.
Este galardón concedido polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte para distinguir unha obra de autor-a español-a, escrita en cualquera das linguas oficiais do Estado, editada en España durante 2011, está dotado con 20.000 euros.
Info tomada do CILIJ da Fundación GSR
Na Biblioteca Central Rialeda ofrecemos unha exposición bibliográfica da autora que cativa a miles de xoves con libros como Finis Mundi (Premio Barco de Vapor 1998), La leyenda del rey errante (Premio Barco de Vapor 2001), a triloxía Memorias de IdhúnAlas de fuego, etc.
Na Biblioteca "Xograr Mendiño" de Lorbé, tamén poderás contemplar a expo bibliográfica adicada a Laura Gallego.
PARABÉNS LAURA!!!