16/3/12

Recomendacións en Radioleiros: 16 de marzo

- Infantil:

Bárbara Fiori Editora

Fai moitísimo tempo o mundo estaba en construción, as bolboretas non existían igual que moitos outros animais e plantas e os “deseñadores de todas as cousas” eran os encargados de crealas, pero había unha regra moi estrita, non se podía mesturar o reino animal co reino vexetal. Mais un neno chamado Odaer, tiña un sono: crear unha criatura fermosa e marabillosa que puidera voar como un paxaro e ser tan bela como unha flor, para traer máis beleza ao mundo...

Magnífico álbum cunha fermosa historia e espléndidas ilustracións que nos di que os soños aínda son posibles, fálanos do poder do esforzo, da ilusión e da constancia. O segredo está en "non cansarse nunca de soñar, en non darse por vencido".

- Mozos/as e Adultos/as

As mulleres en Galicia no século XX, obra dirixida por Jesús de Juana López e Julio Prada
Editada por Ir Indo

Formado por un limiar e oito capítulos nos que interveñen os dous directores e expertas como: Carmen Benso, Rosa Mª Cid, Mª Victoria Martins Rodríguez, Ana Cebreiros Iglesias e Mª Concepción Álvarez Gómez.

Relevante obra que, dunha forma máis ou menos cronolóxica (dende principios do século XX), explica a visibilidade e pluralidade de sexos e xéneros; as conquistas femininas no primeiro terzo do século; o activismo feminino conservador neses primeiros anos; o novo ideal de muller que, principalmente durante a Segunda República, busca participar nos novos espazos de sociabilidade reclamando os seus dereitos políticos en plena igualdade co home, cunha parte moi interesante sobre o debate arredor do sufraxio feminino; a represión franquista sobre as mulleres; o seu papel na resistencia antifranquista; así como a súa intervención no tardofranquismo e na transición á democracia.

Ao longo dos distintos capítulos vemos que se hoxe temos estes dereitos é porque outras persoas que nos antecederon loitaron por conseguilos. As súas demandas anticiparon o que hoxe son modelo de convivencia en moitos ámbitos como o da igualdade absoluta ante a lei, a coeducación, o divorcio, o desenvolvemento económico e social, etc.
 
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

15/3/12

Celebramos o Día da Poesía na Biblioteca Xograr Mendiño de Lorbé

Desde o 16 ao 26 de marzo, na Biblioteca Pública Municipal Xograr Mendiño de Lorbé, co gallo do Día da Poesía (21 de marzo), farase unha selección de fondos para adultos/as e público infantil e xuvenil, animarase aos/ás usuarios/as a lelos e levalos a casa.
Exporánse pola biblioteca fragmentos de poesías, especialmente de Celso Emilio Ferreiro e animarase aos/ás usuarios/as a escribir un poema. Algúns dos obxectivos que perseguimos con esta actividade serán: utilizar a biblioteca non só como lugar de estudo senón tamén de lecer, celebrar esta día tan especial para as bibliotecas e a cultura en xeral, difundir os nosos fondos de poesía, aumentar os coñecementos sobre a poesía, en especial a galega, coñecer os/as principais autores/as, difundir a obra dos/das poetas contemporáneos/as galegos/as e aprender a amar e gozar da poesía.


14/3/12

Ler para saber A CIENCIA: 16 de marzo

Esperámoste na Biblioteca Central Rialeda (2º andar), o venres 16 de marzo ás 18:30, para participar nesta actividade dirixida a nenos e nenas a partir de 10 anos, adolescentes e público en xeral.
Primeiramente, Iria Pillado e Carmen Rodríguez Coronado, de 1º da ESO do IES Neira Vilas de Perillo realizarán unha breve presentación sobre “As estrelas”.

A continuación, José Manuel Rodríguez Seijo, profesor titular da Universidade da Coruña, Departamento de Métodos Matemáticos e de Representación, área de Matemática Aplicada, nos ofrecerá a charla científica titulada “A sorprendente utilidade das matemáticas”.

Seleccionamos para ti libros para esta charla científica.

12/3/12

Obradoiro de Creación Literaria na Biblioteca Central Rialeda (3ª sesión): martes 13 de marzo

O día 13 de marzo, ás 18.30 horas, na Biblioteca Central Rialeda, terá lugar a 3º sesión do Obradoiro de creación literaria impartido polo escritor e profesor Xavier Seoane
Está dirixido a mozas/os (a partir de 15 anos) e adultas/os, realizarase os martes e terá unha duración de dez sesións. 
As prazas son limitadas. É imprescindible inscribirse na biblioteca chamando ao teléfono 981 639 511 ou a través do correo electrónico biblioteca.rialeda@oleiros.org
Importante: esta actividade ten prezo público para as persoas non empadroadas no Concello de Oleiros.
É unha iniciativa da Concellería de Cultura de Oleiros e da Asociación de Escritores en Lingua Galega e con ela preténdese animar a escribir textos literarios mediante a manipulación de formas lingüísticas e a imitación de modelos expresivos da nosa tradición literaria, aos que podemos chegar mediante o xogo e a descuberta da nosa propia creatividade.

IMPORTANTE: A actividade realízase no 2º andar da biblioteca. Durante a mesma quedan fora de servizo os ordenadores da citada sala.