11/6/21

Recomendacións en Radioleiros: 11 xuño 2021

- Infantil (nenas-os a partir de 10 anos):

"A grande epopea do pianista de Cans" de Xosé A. Perozo; ilustracións de Fran Muñiz. En Auga Editora.

Pedro de Chamorro acadou gloria e sona no século XVIII pola súa adicación á música.

- Mozas-os e adultas-os: 

"Hora Zero: la inteligencia británica en España durante la Segunda Guerra Mundial" de Emilio Grandío Seoane. Editado por Cátedra.

Unha detallada investigación histórica dunha das partes máis interesantes da II Guerra Mundial.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

10/6/21

Parabéns, Ana Luísa!

Ana Luísa Amaral foi galardoada co XXX Premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana. A escritora portuguesa está considerada unha das voces máis importantes das letras portuguesas dos últimos trinta anos. É profesora na Universidade do Porto, ten un doutoramento sobre a poesía de Emily Dickinson e publicacións académicas sobre poesía inglesa e estadounidense, así como poética comparada e estudos feministas. O Premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana está suscrito dentro do Convenio de Cooperación Cultural entre a Universidad de Salamanca e Patrimonio Nacional. O galardón está dotado con 42.000 euros e ten por obxecto premiar o conxunto da obra poética dunha autora ou autor vivo que, polo seu valor literario, constitúa unha aportación relevante ao patrimonio cultural común de Iberoamérica e España. 
Tivemos a sorte de contar coa presenza de Ana Luísa Amaral, xunto aos prezados Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas na Biblioteca Central Rialeda o 6 de maio de 2005 cando a biblioteca acolleu a bonita actividade "Estafeta do Conto", na que participaron o escritor galego, a escritora portuguesa, e o ilustrador galego, ademais de 35 nenas-os de 10 e 11 anos, do CEIP Valle-Inclán (Perillo). Rialeda foi seleccionada, xunto con outras bibliotecas do resto de Galicia, para levar a cabo esta iniciativa que organizou a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. A actividade consistíu na elaboración dun conto colectivo entre nenas-os galegas-os e portuguesas-es conducidos polo escritor galego Xabier P. Docampo e a escritora portuguesa Ana Luísa Amaral. O conto iniciábase nunha biblioteca galega, viaxaba a unha portuguesa, volvendo a outra biblioteca galega para rematar nunha portuguesa. O resultado desta creación entre nenas-os de Oleiros, a poeta portuguesa e o escritor galego foi engadido a outros tres contos que foron elaborados coa mesma dinámica e que contaron coa participación doutras-os creadoras-es galegas-os e lusas-es.
 
Finalmente este conto transfronteirizo e intercultural publicouse en galego e portugués, conxuntamente pola Xunta de Galicia e o Ministério da Cultura de Portugal. Esta fermosa iniciativa deu lugar ao libro "Pasos de música, camiños de auga = Passos de música, caminhos de água", con espléndidas ilustracións de Xosé Cobas.

Parabéns, Ana Luísa!!!

8/6/21

Eric Carle (1929-2021): expo de eirugas, elefantes, camaleóns e papás que acadan lúas

Hai uns días que nos deixou Eric Carle, autor e ilustrador da eiruga máis coñecida do mundo da literatura para cativas-os. O conto protagonizado por esta larva de bolboreta é un auténtico best-séller infantil. "Unha eiruga moi larpeira", "La pequeña oruga glotona" en castelán, foi traducido a 66 linguas e leva vendidos máis de 50 millóns de exemplares.

Esta historia engaiola a nenas-os de todo o mundo polo seu humor e as cores das ilustracións feitas en colaxe, papeis pintados a man e recortados que conforman imaxes brillantes. Moitos dos seus libros teñen páxinas esfuracadas, luces que pestanexan e sons, o que o convertíu nun precursor dos álbumes para ler e xogar. Outro dos seus libros máis lidos e xogados nas nosas bibliotecas é "Papá, por favor, achégame a lúa", "Papá, por favor, consígueme la luna" en castelán.

Na Biblioteca Central Rialeda (Perillo) fixemos unha expo co libro da eiruga e os outros bichiños deseñados por Carle para que os sigas gozando na túa casa.

Tertulia literaria (virtual) en Rialeda: 9 xuño 2021 (Grupo B). Remate da tempada

17:30 h. Sesión virtual (90 minutos)

Comentario de Madres e hijas, relatos recopilados por Laura Freixas
Documentación

Nun ano difícil con cambio de formato da tertulia, agradecemos a comprensión e agarimo de todas/os os participantes.

Vémonos en outono!

7/6/21

Expo de libros na Biblioteca Mª José Trincado (Mera): "O apoio incondicional das nosas nais e pais é o mellor lugar para crecer"

Todas-os temos unha familia e cada unha é diferente.
 
As nais e os pais son uns dos referentes e figuras de apego máis importantes das nosas nenas e nenos.
 
Na mostra bibliográfica amósanse contos da relación que se establece entre nais e pais coas súas fillas-os.