- Infantil (nenos e nenas de 8 a 10 anos): "Taller de corazóns". Texto de Arturo Abad e ilustracións de Gabriel Pacheco, en OQO.
É un fermoso álbum ilustrado onde nos presenta a Matías que ten un taller de corazóns. Matías fabrica todo tipo de corazóns: brandos como os de mazapáns, duros como os de porcelana, transparentes, como os de cristal, pero ten un segredo. Cada primavera vai visitar á súa amada Beatriz.... Estamos ante un texto poético e unhas singulares, suxestivas e delicadas ilustracións que nos falan das emocións e os sentimentos para introducirnos nun máxico mundo de fantasía e de soños.
Sol de inverno gañou o Premio Xerais de Novela 2009.Narra a historia dunha nena chamada Inverno e cóntanos un terrible suceso provocado por celos, acaecido antes da Guerra Civil no lugar onde vivía, en Antes. Como eses acontecementos a marcaron totalmente.Ao estalar a Guerra civil tiveron que escapar para Barcelona. Describe como era a súa vida alí, a fuxida a Francia, o barco Ipanema que as levará ao exilio a México e a Cuba, país onde se reencontra cos seus antepasados.A Inverno roubáronlle a infancia e durante toda a súa vida loitará por recuperar ese tempo. O seu exilio non é solo dun país, senón tamén a súa loita interior.Esta obra fala de acontecementos e personaxes reais como por exemplo as Misións Pedagóxicas da II República con Rafael Dieste e Carmen Muñoz, da Guerra Civil e de Castelao, de José Martí e a Revolución Cubana, pero tamén doutros inventados. É moi entenrecedor o personaxe de Rebeca, a irmá pequena, que a raíz de visitar en Francia unha praia onde estaban concentrados os homes republicanos españois, polo horror que alí viu e o frío que pasou quedoulle para sempre un tremor nos pes, coa sensación de que tiña area neles.Rosa Aneiros di que "Sol de Inverno non é unha novela histórica, senón que é a historia de cómo Inverno procura recuperar o paraíso perdido da súa infancia no territorio de Antes".
Estamos ante unha interesante novela, máis de cincocentas páxinas con moito simbolismo, onde nos presenta unha memoria do exilio.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas