17/2/12

Recomendacións en Radioleiros: 17 de febreiro


- Infantil (menos de 6 anos):

A máscara do león, de Margarita del Mazo e ilustrado por Paloma Valdivia
Editado por OQO

No máis profundo da sabana naceu un león, ainda que pequeno, seu pai mirábao orgulloso e dicía "serás un auténtico Rei da sabana!". O león medrou, pero na súa cara sempre había un enorme sorriso ...

Fermoso relato cunhas coloridas e simpáticas ilustracións que conta as discrepancias entre un pai e o seu fillo, pero que ensalza o valor da amizade e o poder do sorriso fronte ao medo.

- Mozos/as e Adultos/as:

Sunset Park, de Paul Auster
Editado por Anagrama

Miles Heller era un bo estudante e un mozo prometedor mais por unha serie de problemas familiares decide fugarse da casa. Recorre diferentes cidades e chega a Florida onde traballa para unha empresa, subcontratada polos bancos, baleirando as casas das persoas deshauciadas por non pagar a hipoteca. A el non lle gusta ese traballo pero é o que puido conseguir e está bastante ben pagado.  Propúxose documentar os rastros desas vidas, polo que vai tomando fotografías. Comprende que non van servir a ninguén, que non son de utilidade, pero el precisa facelo. Ten 28 anos e carece de ambicións. Un día, nun parque, coñeceu a Pilar Sanchez, á que lle faltan uns meses para cumprir os 18 e establece un relación con ela. Debido a que Miles pode ir á cadea por estar cunha menor, a irmá máis vella de Pilar comeza a chantaxealo. Decide volver a Nova York ata a maioría de idade da moza. Esta volta é un regreso ao pasado e á súa familia. Alí reside, xunto cun amigo e outras persoas, nunha casa okupa situada nunha zona de Brooklyn, chamada Sunset Park, onde nos presenta  os distintos habitantes e as dificultades que teñen para sobrevivir, como renuncian a ter ilusións e só viven o presente.

Escrita cunha prosa áxil, Paul Auster preséntanos unha obra de total actualidade, un retrato da chamada “xeración perdida” pero tamén de como afecta a crise económica a unha parte da sociedade americana actual.

 Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

13/2/12

Tertulia literaria en Rialeda: mércores 15 de febreiro (Grupo B)

Na Biblioteca Central Rialeda (Casiña de actividades)
Hora: 17,30 a 19,30 h.

Comentaráse a obra "El pájaro espectador" de Wallace Stegner
Documentación

Obras de Wallace Stegner nas nosas bibliotecas

Obradoiro de Creación Literaria na Biblioteca Central Rialeda


O día 14 de febreiro, ás 18.30 horas, na Biblioteca Central Rialeda, comezará un Obradoiro de creación literaria impartido polo escritor e profesor Xavier Seoane

Está dirixido a mozas/os (a partir de 15 anos) e adultas/os, realizarase os martes e terá unha duración de dez sesións. 

As prazas son limitadas. É imprescindible inscribirse na biblioteca chamando ao teléfono 981 639 511 ou a través do correo electrónico biblioteca.rialeda@oleiros.org

Importante: esta actividade ten prezo público para as persoas non empadroadas no Concello de Oleiros.

É unha iniciativa da Concellería de Cultura de Oleiros e da Asociación de Escritores en Lingua Galega e con ela preténdese animar a escribir textos literarios mediante a manipulación de formas lingüísticas e a imitación de modelos expresivos da nosa tradición literaria, aos que podemos chegar mediante o xogo e a descuberta da nosa propia creatividade.

Visita a Rialeda de alumnado do IES Neira Vilas de Perillo: martes 14 de febreiro

Na Biblioteca Central Rialeda
Hora: de 10 a 11,30 h.
O martes 14 de febreiro recibiremos a visita de 50 alumnos/as de 1º de Bacharelato e 3º da ESO do IES Neira Vilas de Perillo á nosa biblioteca, onde asistirán á representación do monólogo dramatizado de Soledad Felloza: "Las Ingeniosas del Hidalgo: El Quijote en voces de mujeres"

O Entroido nas Bibliotecas Municipais de Oleiros: 13 a 17 de febreiro

Obradoiros de máscaras e antifaces dirixidos a nenas e nenos a partir de 7 anos en todas as Bibliotecas.
Coñecerás as diferentes personaxes e figuras do Entroido galego (choqueiros, peliqueiros, cigarróns, pantallas, etc), divertíndote ao tempo que aprendes algo máis de nosa etnografía e cultura.
A actividade será monitorada por Dinamo Xestión.
Moi importante: 20 prazas por cada obradoiro, as nenas e nenos que queiran participar deberán inscribirse na biblioteca correspondente.
  
BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL MANUEL MARÍA. OLEIROS: Luns 13 de febreiro
BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL FEDERICO GARCÍA LORCA. MONTROVE:Martes 14 de febreiro
BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL ROSALÍA DE CASTRO. SANTA CRUZ: Mércores 15 de febreiro

BIBLIOTECA CENTRAL RIALEDA. PERILLO: Xoves 16 de febreiro 

BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL Mª JOSÉ TRINCADO. MERA Venres 17 de febreiro

BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL ÁNXEL FOLE. NÓS: Venres 17 de febreiro

Contacontos nas Bibliotecas Municipais: 13 e 14 de febreiro

Esta semana poderás escoitar fermosos contos nas seguintes bibliotecas:

BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL Mª JOSÉ RUSO. DORNEDA 
Luns 13 de febreiro: Imaxina a cargo de Teatro Patán 

BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL MANUEL MARÍA. OLEIROS 
Martes 14 de febreiro: De Tin Marín: Carnaval, El señor Conejo  y el regalo perfecto, La auténtica historia de los tres cerditos,  a cargo de Soledad Felloza
 
BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL XOGRAR MENDIÑO. LORBÉ
Martes 14 de febreiro: Contos de Rodari: Chuvia de sombreiros, O paseo dun distraído, Quen son eu?, O robot comebotóns,  a cargo de Pablísimo