4/8/23

Recomendacións en Radioleiros: 4 agosto 2023

- Infantil (a partir de 6 anos):

Semilla y huevo, textos de Alex Latimer con ilustracións de David Litchfield
Blume

Un fermoso álbum infantil que fala da amizade e da defensa da propia identidade.

Semente e Ovo coñecéronse nunha tarde radiante. Estaban moi contentas porque ambas eran dun tamaño e dunha forma semellante. Empezaron a verse todos os días e, cun cruce do dedo maimiño, prometeron ser amigas para sempre. Pero ao chegar a primavera aconteceu algo estraño. Semente empezou a botar raíces, despois medroulle un brote e de repente atopouse plantada na terra, sen poder moverse. Non podía correr, nin saltar, nin nadar coa súa amiga, como fixera antes. Cada día Ovo ía visitala, pero un día Ovo chegou máis tarde do habitual. Semente estaba intranquila ata que escoitou un trino que saía detrás dunha gran rocha. Preguntou se era ela e cando Ovo saíu do seu acocho, Semente comprobou que non era a mesma de antes...

Preséntanos a amizade entre dous seres diferentes e como esta pode estar por encima de todo, pero tamén a defensa da propia identidade ao explicar, dunha forma moi sinxela debido a que é dirixido a nenas e nenos pequenos, como unha semente se pode converter nunha árbore e un ovo nun paxariño, e seguir sendo amigas.


Unha obra ideal, cunhas suxestivas ilustracións, para que os máis pequenos aprendan a coñecer estes procesos da natureza.

- Mocidade e persoas adultas:

A orillas del mar, de Abdulrazak Gurnah
Salamandra

Versión dixital e Audiolibro en eBiblio

Premio Nobel de Literatura no ano 2021

Unha novela que trata o tema da colonización europea en África, a experiencia do exilio e o sentimento de culpa.

Os protagonistas son dous emigrantes que chegan a Inglaterra con varias décadas de diferencia.

Fuxindo do seu país Saleh Omar, un comerciante de 65 anos, chega ao aeroporto de Gatwick-Londres cun pasaporte falso baixo o nome de Shaabán, e solicita asilo en Reino Unido. Ven só cunha mochila que contén algunha roupa e un pequeno cofre de caoba cun produto que polo olor parece incenso. É oud-al-qamari. Oud significa madeira en árabe e é un produto moi valioso para os perfumistas. O traballador da aduana, Kevin Edelman, di que ten que envialo a analizar. Shaabán dáse conta de que vai quedar sen o cofre. Sabía que o goberno británico decidira conceder asilo aos que viñeran do seu país e que alegaran que a súa vida corría perigo, pero o traballador (fillo de pais refuxiados de Romanía) non o recibe con agrado. Shaabán, seguindo o consello do que lle vendera o billete de avión, finxe non saber inglés, a pesar de que estudara nunha escola inglesa. A raíz disto os Servizos Sociais, para poder comunicarse con el, recorren a Latif Mahmud, un poeta da mesma nacionalidade, profesor e tamén exiliado en Londres. Cando os dous homes empezan a coñecerse, tras diferentes conversas nunha cidade xunto ao mar, vai aparecendo unha longa historia de amores e traizóns...

Paralelamente a todo isto, tamén conta a historia de Hussein, un mercader persa de Bahréin, que comerciaba con perfumes e incenso. En 1960, Sleh Omar (Shaabán) puxo en marcha un negocio de mobles e antigüidades no seu país. Á súa nova tenda, un día chegou Hussein e interesouse por unha mesa de ébano. Nese momento non fixeron ningún trato, pero continuou indo a miúdo ata que chegaron a un acordo polo prezo da mesa. Unha cantidade pagaríalla en metálico e a outra parte cun paquete de 10 Kg de oud. Cando llo trouxo, entregoulle de agasallo o cofre que lle acababa de levar o traballador da aduana...

Describe a vida en Zanzíbar, pero tamén fala de culturas como a hindú, a árabe, a persa, etc. ao mesmo tempo que vai narrando as vivencias e os problemas dos exiliados.

Unha excelente obra, cunha boa prosa, que presenta os efectos do colonialismo, as diferencias entre culturas e continentes e os sufrimentos dos protagonistas, refuxiados desarraigados que se senten vítimas. Non están integrados en Reino Unido pero tampouco ven posibilidades de volver ao seu país, son estranxeiros no país de acollida e no país de orixe.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.