8/7/22

Recomendacións en Radioleiros: 8 xullo 2022

- Infantil (menores de 6 anos):
"Oito patas" de Ana Meilán; ilustracións de Desiree Arancibia. Editado por  Entre nubes y cuentos.
A protagonista desta historia chámase Lucy e é unha pequena araña que sempre foi un tanto distinta ao resto. Por exemplo, en cada unha das súas oito patiñas calza oito zapatos de cores diferentes. Leva lentes nos seus sete ollos e o último lévao de cristal. Desde pequena, como era o habitual, aprendeu o tradicional oficio familiar: tecer arañeiras. Toda a súa familia adicábase a esta arte, pero a Lucy non se lle daba nada ben e non había xeito de que fixera unha tea sen nós e sen buratos. Unha tarde viu enriba dun escritorio algo que captou á súa atención.
Unha historia que transmite a mensaxe de que cada un de nós somos persoas marabillosamente únicas e especiais. E que debemos facer o que nos dita o corazón aínda que non sexa o que se espera de nós.
 
- Mozas-os e adultas-os:
"Sin muertos" de Alicia Giménez Bartlett. En Destino.
Esta historia non é un caso máis da inspectora Petra Delicado, saga pola que é coñecida Alicia G. Bartlett: é a súa vida. Algo moi orixinal por parte da escritora, as memorias dun personaxe de ficción. A inspectora toma unha semana de permiso laboral para retirarse e reflexionar nun convento galego onde recapitula e escribe a súa vida. Cun estilo sinxelo e un ritmo fluído, Giménez Bartlett pon a súa ruda detective a escribir as súas memorias e o resultado é unha radiografía da situación da muller durante a transición española.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

AVISO: horario da Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz) de 8 de xullo

O horario ao público da Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz) do venres 8 de xullo será de 8:15 a 18:45 h.

7/7/22

"Verán, tempo de lecer, tempo de ler" na Biblioteca Mª José Ruso (Dorneda)

"Verán, tempo de lecer, tempo de ler": exposición
infantil-xuvenil e de adultos de verán na Biblioteca Mª José Ruso (Dorneda).
Propoñémosche unha chea de títulos para este tempo de lecer estival.
Descansa, desconecta e desfruta dunha boa lectura!!!
Algúns dos libros expostos na mostra xuvenil: "La sociedad de los dragones de té", "O lobo con botas", "Monstruoso", "Mortiña e as vacacións no lago Misterio", "Viaje en el tiempo con un hámster", etc.
Algúns dos libros expostos na mostra de adultos: "Los ingratos", "Beleza vermella", "El hombre celoso", "Nus", "Las armas de la luz", "Lúa nova"...


AVISO: xoves 7 e venres 8 de xullo 2022 a Biblioteca Xograr Mendiño (Lorbé) estará pechada

A Biblioteca Municipal "Xograr Mendiño" (Lorbé) permanecerá pechada o xoves 7 e o venres 8 de xullo en horario de 10:00 a 13:30 h.

Pregamos desculpen as molestias.

4/7/22

"Le e descarga": expo bibliográfico-virtual na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz)

"Le e descarga" é a exposición bibliográfico-
virtual dos libros lidos nos clubs de lectura da Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz) na campaña 2021-2022. 
 
Durante os meses de xullo e agosto estará exposta na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz) unha mostra con todos os libros empregados nos dous clubs de lectura desde outubro de 2021 ata xuño de 2022. Cada libro estará acompañado dunha carátula desde a que se poderá descargar, por medio dun QR, o dossier realizado pola biblioteca. Este QR tamén estará accesible desde o propio libro. 
O que se pretende con esta exposición é achegar, non só as lecturas dos clubs a toda a poboación, senón tamén toda a información facilitada a cada un-unha dos-das integrantes dos grupos. Cada dossier literario inclúe información sobre o-a escritor-a, entrevistas, críticas publicadas sobre o libro e unha ampla información sobre os temas transversais de cada lectura. 
A combinación da tradicional lectura en papel e as novas tecnoloxías abre as portas a todo un mundo de información que axuda a comprender e asimilar moito mellor o lido. Por iso convidamos a todas as persoas usuarias da biblioteca a levar en préstamo os libros dos clubs e descargar toda a información complementaria.