12/4/24

Sábado 13 abril 2024: Celebración do 25 aniversario das Tertulias Literarias en Rialeda

Así voa o tempo. Cúmprense 25 anos da posta en marcha dos Clubs de Lectura e Tertulias Literarias na Biblioteca Central Rialeda. Ao longo de dúas décadas e media foise creando non só un espazo de ocio e cultura senon tamén un punto de encontro entre amigas e amigos cunha paixón e desfrute común: a literatura.

Mención especial para Cecilia Monllor, benquerida moderadora desde os inicios, profesional sen a cal a actividade non tería acadado o éxito, lonxevidade e a fidelidade de tantas e tantos participantes ao longo dos anos. Moitas grazas, Cecilia!

Máis recente, desde 2014, Rosa García Vilariño, profesora xubilada de lingua e literatura galegas, pon a súa ampla experiencia e agarimo na selección e moderación das lecturas en lingua galega. Parabéns, Rosa!

Ano 2014
E como non, o máis importante, o fío tecedor da actividade, as ducias e ducias de participantes cuxa paixón polos libros foi artellando este fermoso camiño que continúa na actualidade. Unha aperta moi grande para todas e todos! Grazas mil.

Para conmemorar o aniversario, presentamos un programa de visitas destinado a todas as persoas que participen ou teñan participado na Tertulia de Rialeda (imprescindible inscrición previa na biblioteca):

9:30 h. Punto de encontro: Biblioteca Central Rialeda.
9:50 h. Traslado en autobús ao Castelo de Santa Cruz.


10:15 a 11 h. Visita ao Castelo de Santa Cruz. Breve explicación sobre a historia do castelo por Carmen Borobio. Panorámica da exposición: Obxectomanía, unha historia singular do coleccionismo, por Xoán Fontaíña. Os castelos na literatura, por Silvia Salgado.

11 h. Saída do Castelo.
11:10 h. Traslado en autobús ao Pazo de Xaz.

11:30 a 12:20 h. Visita ao Pazo de Xaz. Xaz, pazo e casa grande: Manuel Pardo de Andrade, intelectual liberal ilustrado, por Rosa García Vilariño. Vida, pazos e literatura: unha fascinación, por Silvia Salgado. A orella dereita de Antón de Leiva, adaptación dun relato da obra "Os outros feirantes" de Álvaro Cunqueiro por Ramiro Neira (Artestudio Teatro)

12:20 h. Traslado en autobús ao Pazo do Río.
12:35 a 13:35 h. Visita ao Pazo do Río. Semblanza literaria dos 25 anos dos clubs de lectura, por Cecilia Monllor-Martínez. Lembranza literaria galega, por Rosa García Vilariño. O paraíso perdido, María Casares en Galicia, pola actriz Isabel Martínez-Risco. Concerto para frauta, a cargo de Claudia Walker Moore.

13:35 h. Remate do Roteiro. Traslado en autobús á Biblioteca Central Rialeda.


Hora do conto: 17 a 19 de abril de 2024

Hora do conto: 17 a 19 de abril de 2024
- Aforo limitado: chama á biblioteca na que se realiza a actividade e reserva a túa praza. 
Podes inscribirte desde 10 días antes da data de realización de cada unha das mesmas.
 
Mércores 17 de abril, ás 18:30  
Para crianzas de 2 a 4 anos Aforo completo!!!
ESPECTÁCULO: “Con certo aire musical”
CONTACONTOS: Fran Amil

Xoves 18 de abril, ás 18:30  
Para crianzas de 2 a 4 anos Aforo completo!!!
ESPECTÁCULO: “Leo e a música”
CONTACONTOS: Trémola Teatro


Venres 19 de abril, ás 18:30  
Para crianzas de 2 a 4 anos Aforo completo!!!
ESPECTÁCULO: “Cueiros de cores”
CONTACONTOS: Trinketrinke Teatro

AVISO
A-o adulta-o responsable de cada menor de idade deberá permanecer necesariamente no recinto da biblioteca ata que remate a actividade e recolla a-o nena-o.

Recomendacións en Radioleiros: 12 abril 2024

"Violeta ás agachadas" de Ramón D. Veiga. Ilustracións Abi Castillo
Recomendacións en Radioleiros: 12 abril 2024- Infantil (crianzas a partir de 4 anos):
"Violeta ás agachadas" de Ramón D. Veiga. Ilustracións de Abi Castillo. Editado por Xerais.
Dispoñible en GaliciaLe
Un fermoso álbum ilustrado, de gran formato e moi ben editado que explica que a Violeta, a protagonista da obra, o que máis lle gusta é xogar ás agachadas.
Na casa, sempre busca o mellor lugar onde esconderse: debaixo das camas, dentro dos armarios, nas lacenas da cociña, no xardín... 
Cando xa non lle queda ningún espazo sen que xa se escondera, ten que buscar outros novos e diferentes...
Posúe unhas coloridas e simpáticas ilustracións, xunto cunha letra grande, ideal para os menores de 6 anos, idade para o que o recomendamos.
Estupendo libro co que as nenas e os nenos máis pequenos poden aprender os meses do ano e as súas características, seguindo os soños de Violeta.

"El fulgor de la pobreza" de Luis Mateo Díez
- Mocidade e persoas adultas:
"El fulgor de la pobreza" de Luis Mateo Díez. En Alfaguara.
O  xurado do Premio de Literatura en lingua castelá Miguel de Cervantes outorgou a Luis Mateo Díez o Premio Cervantes 2023 e entregaranlle o galardón o próximo 23 de abril, Día do Libro. Destacou que se trata “dun dos grandes narradores da lingua castelá, herdeiro do espírito cervantino, escritor fronte a toda adversidade, creador de mundos e territorios imaxinarios”.
Un libro formado por tres historias: El fulgor de la pobreza, que lle dá título á publicación, La mano del amigo e Deudas del tiempo.
El fulgor de la pobreza, a primeira das narracións e a máis inquietante. 
A enigmática desaparición de Cosmo Ferrado Ucieda, presidente do Consello de Administración da Banca Ferrado, que tivo a súa sede central na cidade de Armenta, e accionista maioritario de diversas empresas, provoca unha serie de preguntas entre a súa familia, amizades e coñecidos. Este empresario fixera fortuna, pero vivía co anhelo de renunciar totalmente ás súas posesións. Co tempo, só a súa filla chegou a intuír que significaba o enigmático sorriso paterno que tiña no seu 25 aniversario, que era como unha despedida...
La mano del amigo, segunda narración do libro, indaga nos límites entre dous sentimentos: a amizade e o odio. 
O relato localízase en Oceda, cidade veciña de Armenta, sobre Elio e Roncel, uns amigos durante moitos anos, que se coñeceron na adolescencia, ata que un acto de desconfianza acabou con esa amizade e coa vida de Roncel...
A última é Deudas del tiempo, presenta a memoria dun emigrante atrapado entre dúas fuxidas: a primeira, cando abandonou a súa localidade de Buril, na mesma provincia de Armenta; e a outra cando regresa de América, onde quedan os seus negocios e a súa familia... 
Tres novelas curtas escritas cunha excelente prosa e un brillante dominio do idioma. Amosan relacións interpersoais, e reflexionan sobre a condición humana e a súa fraxilidade, ofrecendo personaxes en situacións extremas e con profundos conflitos morais. 
Desde a editorial, fan as seguintes preguntas que nós trasladamos aquí porque poden provocar diferentes reflexións:
“¿Pode a pobreza ser unha semente que medre no corazón dun home rico?
¿Que límite de compromiso pode alcanzar a amizade?
¿As débedas morais prescriben co tempo ou perséguennos durante toda a vida?”

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

Actividades de promoción da lectura: 16 a 19 de abril 2024

Actividades de promoción da lectura: 16 a 19 de abril 2024
Programa de actividades de promoción da lectura
que Bibloleiros organiza para os centros de ensino do Concello, de 16 a 19 de abril:

Martes 16 de abril:
- 10:30 alumnado de 4º de EI e 11:40 alumnado de 5º de EI do Colegio Hijas de Cristo Rey (Oleiros).
"Riciños de ouro e os tres osos" con Trinketrinke Teatro.
Mércores 17 de abril:
- 10:00 e 11:40 alumnado de 3º de ESO do IES Miraflores (Oleiros).
"Viaxe en viñetas" con Miguel Cuba.
Venres 19 de abril:
- 10:00 e 11:40 alumnado de 3º de ESO do IES Miraflores (Oleiros).
"Viaxe en viñetas" con Miguel Cuba.