21/11/20

As bibliotecas de Oleiros, premiadas nos María Moliner!!!

Un ano máis, o proxecto presentado polas Bibliotecas Municipais de Oleiros foi seleccionado pola Comisión de Valoración da XX Campaña María Moliner do Ministerio de Cultura y Deporte en colaboración coa FEMP, neste caso, como beneficiarias dunha subvención en metálico de 2.000 € destinada á compra de libros.

O proxecto titúlase “Viaxando coa lectura”, en alusión á esta época na que non se poden facer moitos viaxes reais, pero si coa lectura e coa imaxinación. Nel descríbense as actividades de promoción da lectura e de extensión cultural planificadas pola Biblioteca Central Rialeda para o ano 2020 e que se puideron levar a cabo.

Seleccionaron 310 proxectos promovidos por bibliotecas de municipios con menos de 50.000 habitantes nos que se recoñecen as mellores iniciativas de promoción lectora a nivel de todo o Estado.

Esta subvención destinarase á adquisición de libros para as bibliotecas municipais, en función das súas necesidades, e para completar os seus fondos bibliográficos en beneficio de todos os veciños e veciñas do municipio.

Grazas por participar nas nosas actividades, grazas por facer biblioteca!!!

 

Tertulia literaria en Rialeda: 25 novembro 2020 (Grupo B)

17:30 h. Sesión virtual (90 minutos)
https://video.oleiros.org (PC / portátil) Jitsi Meet (Android / iOS)

Comentario de Vestido de novia, de Pierre Lemaitre
Documentación

Seguinte lectura: O exército de fume, de Manuel Gago

20/11/20

Recomendacións en Radioleiros: 20 novembro 2020

 - Infantil (a partir de 6 anos):

Miña guía, meu capitán
, de Gonzalo Moure con ilustracións de María Girón
Kalandraka

Fermoso libro que presenta a relación e o amor entre un pai e a súa filla. O pai é cego e a nena ve moi pouco. O pai lévaa e vaina buscar todos os días ao colexio. Os dous van felices. Avanzan “por unha sombra de luces e sombras. E de sons.”
 
Unhas veces xogan a acertar coches-animais, outras cantan, ou imaxínanse como está o mar, ou o estado de ánimo das persoas coas que se cruzan...

O recorrido á escola convértese nunha aventura onde a cidade se transforma nunha selva con diferentes animais e fascinantes sons. A través dunhas atractivas e coloridas ilustracións vemos uns espazos habitados por uns simpáticos animais, salvaxes e domésticos, que se suben aos coches, árbores ou ao distinto mobiliario urbano, e que viven na imaxinación da protagonista.

 
Estamos ante unha obra que causa emoción e tenrura, que contribúe a que teñamos sensibilidade por un mundo máis habitable e que nos axuda a traballar por unha sociedade máis inclusiva.

- Moz@s e adult@s:

O exército de fume, de Manuel Gago
Xerais

Novela de aventuras, de espionaxe e contraespionaxe, na que se mesturan realidade, lendas e ficción, sobre a guerrilla galega na loita contra Franco e os apoios de Franco aos nazis durante a II Guerra Mundial.

Estamos a principios de 1942, en Galicia hai unha guerrilla que se enfronta ao poder de Franco, a veces resistindo no monte para sobrevivir, coa axuda de labregos e labregas das diferentes zonas dos guerrilleiros e guerrilleiras. Paralelamente, asistimos ao apoio de Franco aos nazis durante a II Guerra Mundial.

Celia, a protagonista principal, é unha moza da burguesía coruñesa. Seu pai é un cardiólogo coruñés de sona e veranean en Oleiros. Está de mestra na escola de Arbia, no concello de Laxe. Ela preferiría estar nunha escola da Coruña ou dos seus arredores, pero seu pai pediulle que fose para Arbia e ela obedeceu. Non entendía ben que facía en Arbia axudando a salvar o mundo, pero, polo agarimo que lle ten a seu pai, e como persoa paciente e obediente que é, asumiuno.

No Atlántico, nazis e aliados combaten polo dominio do océano.

Os guerrilleiros enfróntanse ao poder establecido unhas veces con pequenos asaltos e outras con outros de maior importancia, mais tamén con loitas internas entre eles. Un destes guerrilleiros vai emprender unha perigosa misión: destruír unha base de submarinos alemáns situada en Valdareas.

Ao mesmo tempo, o pintor Lugrís acepta o encargo dos nazis de pintar un mural no café Savoia en Vigo.

Ao longo da novela comprobaremos que estas distintas pólas están relacionadas entre si.

Asistimos a uns acontecementos que desde o punto de vista histórico non sucederon, pero que se basean en diversos elementos históricos.
 
Para os nazis, Galicia era un lugar estratéxico para abastecer os seus submarinos na loita por eliminar Xibraltar como enclave desde o cal dominar o Mediterráneo. Para os aliados era importante que os nazis non puideran aprovisionar ou reparar os seus submarinos para garantir o seu poderío naval.

Neste contexto da novela é cando interveñen os guerrilleiros. Hai que ter en conta que neste momento a guerrilla galega tiña unha importante presenza social, e pensábase que a vitoria aliada axudaría a rematar coa ditadura franquista.

Vemos personaxes reais como Churchill, Samuel Hoare ou Urbano Lugrís; outros de ficción pero baseados en persoas reais e facilmente recoñecibles, como o guerrilleiro Ramallo; e uns terceiros que son totalmente ficticios.


Unha interesante e entretida novela que nos traslada a unha época de fame e miseria, unindo Galicia cos acontecementos que están pasando no resto de Europa.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

16/11/20

Luis Mateo Díez, Premio Nacional das Letras Españolas 2020

O escritor leonés e membro da RAE Luis Mateo Díez foi galardoado co Premio Nacional das Letras Españolas 2020, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte.

“Su singularidad como escritor en diversos géneros, y especialmente como narrador, es heredera de una cultura oral en la que nace y de la que registra su progresiva desaparición. A ello se suman una técnica y un lenguaje poético de extraordinaria riqueza y una preocupación constante por la dimensión moral del ser humano" segundo o xurado.

Luis Mateo Díez recibíu en 1986 o Premio Nacional de Literatura coa obra "La fuente de la edad" (lida nas tertulias literarias de Rialeda e Santa Cruz) que tamén obtén o Premio da Crítica. 

En relato curto foi igualmente galardoado co Premio Nacional de Literatura e o Premio da Critica pola súa obra "La ruina del cielo" (2000). No ano 2012 recibe o Premio Francisco Umbral ao libro do ano, coa obra "La cabeza en llamas".

Luis Mateo Díez considera o Premio Nacional das Letras Españolas un recoñecemento otorgado polos seus lectores e lectoras.

«Soy un autor extenso porque hay mucho que contar en mi mundo; es una fuente que sigue manando. Tengo el alma vendida al diablo desde hace mucho tiempo»

Luis Mateo Díez é o creador do territorio imaxinario de Celama, onde se desenrolan tres novelas "El espíritu del páramo", "La ruina del cielo" e "El oscurecer".

As súas novelas están protagonizadas por "heroes" do fracaso, xentes vitalistas e persoas apegadas á unha vida superada polos ímpetos.

Na Biblioteca Central Rialeda poñemos a túa disposición unha selección de obras para levar en préstamo. #bibliotecasegura #culturasegura

Obras de Luis Mateo Díez nas Bibliotecas de Oleiros

fontes: eldiario.es, diariodeleon.es